Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 5 de xullo de 2012 Páx. 26749

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 140/2012, do 21 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de saneamento do concello de Salvaterra de Miño.

O Concello de Salvaterra de Miño, en sesión que tivo lugar o día tres de outubro de dous mil once, aprobou o proxecto de obras de saneamento de Salvaterra de Miño, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e este contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o Concello e o informe do técnico municipal as parroquias a que afecta este proxecto carecen de servizo de saneamento, e teñen como única depuración a infiltración no terreo mediante pozos negros ou a vertedura en regos que levan as augas residuais ata regatos ou ríos. Esta situación vese agravada, ademais, por estaren os pozos negros saturados, o que provoca a contaminación dos acuíferos subterráneos que, en moitos casos, están sendo empregados para a captación de auga para o uso doméstico. Todo isto xera un grave risco para a saúde pública.

Con base no anterior, e tendo en conta que nas parroquias afectadas concentra unha gran parte da poboación total do termo municipal, queda xustificada a urxente necesidade de proceder á construción dun sistema de sumidoiros.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de saneamento do Concello de Salvaterra de Miño; de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberán obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza