Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 5 de xullo de 2012 Páx. 26752

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo dirixidas a concellos, a mancomunidades de concellos e a consorcios locais para a realización de proxectos destinados ao asesoramento e á formación da poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade Autónoma galega, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

No Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configurase como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da política inmigratoria en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Esta resolución contén as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións, cofinanciadas polo FSE, destinadas a concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais que realicen proxectos de asesoramento e de formación da poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade Autónoma Galega durante o ano 2012.

Estas accións son elixibles no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e están encadradas no eixe 2 (Fomentar a empregabilidade, a inclusión social e a igualdade entre homes e mulleres), tema prioritario 70 (Medidas concretas para incrementar a participación dos inmigrantes no mundo laboral, reforzando así a súa integración social), do dito programa, e están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo. Así mesmo, as bases desta resolución recollen o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006 (FSE), modificado polo Regulamento CE 396/2009.

O procedemento de concesión das axudas e subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se deben axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Apróbanse as bases que se inclúen como anexo, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia competitiva, e cofinanciadas polo FSE, dirixidas aos concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de proxectos destinados ao asesoramento e á formación da poboación inmigrante extracomunitaria, na Comunidade Autónoma galega.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse subvencións para o ano 2012.

3. Só poderán subvencionarse as accións de asesoramento e as accións formativas que se refiren no artigo 5.

4. Estas accións son elixibles no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no eixe 2 e no tema prioritario 70, e están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nun 80%.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 3. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o correcto desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de trescentos sesenta mil euros (360.000 €) correspondentes á aplicación orzamentaria 04.50.312C.460.0. Desta cantidade o 80% será achegado polo Fondo Social Europeo.

2. Este importe poderase ampliar en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias de conformidade co disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A contía das subvencións que sexan recoñecidas ao abeiro desta resolución concederanse segundo a seguinte distribución:

– Accións de asesoramento, información e orientación xurídica ás persoas inmigrantes extracomunitarias: 260.000 €

– Accións formativas: 100.000 €

Se como resultado da presentación de solicitudes e das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución unha das accións subvencionables non resultase cuberta na totalidade da contía prevista anteriormente, poderase proceder a unha redistribución da contía non cuberta e destinala á outra acción suvencionable.

Artigo 5. Réxime de recursos

Contra a presente resolución, que é definitiva na vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou , no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2012

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración

ANEXO

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións, cofinanciadas polo FSE, dirixidas aos concellos, ás mancomunidades de concellos e aos consorcios locais para a realización de proxectos destinados ao asesoramento e á formación da poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade Autónoma galega

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto destas bases é a convocatoria de subvencións, cofinanciadas polo FSE, a concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais para o desenvolvemento de proxectos destinados ao asesoramento e á formación da poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade Autónoma galega.

2. Só poderán subvencionarse os proxectos e accións que se detallan no artigo 5 das bases reguladoras desta resolución.

Artigo 2. Ámbito e finalidade das subvencións

As actuacións obxecto das subvencións previstas nesta convocatoria desenvolveranse no territorio da Comunidade Autónoma galega e terán como finalidade o asesoramento e a formación da poboación inmigrante e retornada.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os concellos, as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma galega que cumpran os seguintes requisitos:

1.A. Realizar a emisión de informes de arraigamento social e vivenda axeitada, que a lexislación en materia de estranxeiría (Regulamento da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social) establece no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

1.B. Poboación inmigrante extracomunitaria:

1.B.1. Concellos:

Superar o 2,5% de poboación inmigrante extracomunitaria e ter como mínimo empadroadas no concello máis de 100 persoas inmigrantes extracomunitarias. No caso de non superar o 2,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria, débese ter como mínimo empadroadas no concello máis de 1.000 persoas inmigrantes extracomunitarias.

1.B.2. Consorcios locais e mancomunidades:

Superar o 2,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria o 60% dos concellos que integran as ditas entidades e ter de media o consorcio ou a mancomunidade máis de 600 persoas inmigrantes extracomunitarias.

1.B.3. Agrupacións de concellos:

Superar o 2% de poboación inmigrante extracomunitaria o 50% dos concellos agrupados, e ter de media a agrupación máis de 300 persoas inmigrantes extracomunitarias.

O cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e poboación inmigrante extracomunitaria empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución de convocatoria.

1.C. Desenvolver actividades e accións que favorezan a acollida e integración das persoas inmigrantes extracomunitarias na Comunidade Autónoma de Galicia, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.D. Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención.

2. No caso de que se presenten mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións de concellos non poderán concorrer á convocatoria os concellos que forman parte deles/as, polo que quedrán excluídos.

3. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación de concellos, os requisitos exixidos nos puntos 1.A e 1.C do artigo 3 da presente resolución enténdense referidos aos concellos que compoñen a dita agrupación.

Artigo 4. Accións subvencionables e contía da axuda

1. Poderán subvencionarse con cargo a esta resolución os gastos correntes que se lles orixinen aos concellos, ás mancomunidades de concellos e aos consorcios locais aos cales se lles conceda a subvención, pola realización dos proxectos previstos no artigo 5

2. Cada entidade solicitante poderá presentar como máximo 2 proxectos.

3. A contía das subvenciones determinarase en función do número de puntos que se obteña en aplicación dos criterios de valoración do artigo 6 destas bases reguladoras. Unha vez realizada a valoración de cada proxecto ponderaranse os puntos obtidos de acordo cos seguintes coeficientes para cada tramo de puntuación:

Nivel

Tramo de puntuación

Coeficiente

Medio

De 40 a 49 puntos

1,2

Alto

De 50 a 79 puntos

1,4

Óptimo

De 80 a 100 puntos

1,6

Realizado este cálculo, o crédito destinado a cada acción distribuirase de forma proporcional entre o total de puntos ponderados dos proxectos presentados a esta, concedéndolle a cada proxecto o importe de subvención correspondente á súa puntuación ponderada, sempre sen superar o 80% do orzamento presentado.

Unha vez feita esta repartición poderían existir remanentes, debido a que a repartición proporcional, de acordo coa puntuación ponderada, asignaralle a un ou a varios proxectos un importe superior ao 80% do seu orzamento. Neste caso, o importe sen asignar irase concedendo aos proxectos de acordo coa súa orde de prelación, excluídos aqueles que xa alcanzasen o límite do 80% do seu orzamento, ata rematar con este remanente.

Aqueles proxectos que non consigan unha puntuación mínima de 40 puntos, en aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 6 das bases reguladoras da correspondente resolución de convocatoria, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións.

Artigo 5. Proxectos subvencionables

De acordo co tema prioritario 70 do eixe 2 do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, a través desta resolución subvencionarase o desenvolvemento dos seguintes proxectos:

1. Proxectos de asesoramento, nos que se inclúen accións de información, asesoramento e orientación xurídica ás persoas inmigrantes extracomunitarias.

Trátase de desenvolver proxectos que teñan por obxecto garantir a asistencia xurídica en materia de estranxeiría e de retorno, adecualos ás necesidades cambiantes da poboación inmigrante, promovendo o acceso a un asesoramento xurídico de calidade que permita o pleno coñecemento dos dereitos e obrigas que lles atribúe a lexislación vixente.

2. Proxectos de formación:

2.a) Proxectos de reforzo educativo: proxectos de apoio e compensación educativa en centros escolares, e aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida.

O obxectivo deste proxecto é realizar accións de reforzo e compensación educativa para o alumnado inmigrante en Galicia, así como a aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida.

2.b) Proxectos de formación de adultos: aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida.

Non se financiarán aqueles proxectos que no momento de resolver a concesión da subvención xa os estean financiando outros departamentos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito da entidade local ou agrupación de concellos.

No desenvolvemento destes proxectos promoverase a igualdade entre homes e mulleres, fomentando a eliminación de calquera forma de discriminación.

Artigo 6. Criterios de valoración

As solicitudes presentadas para desenvolver os proxectos subvencionables serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

a) Eficiencia e calidade técnica do proxecto: ata 45 puntos.

Valorarase a calidade técnica do proxecto referida ás actividades, o calendario de realización e a proporcionalidade dos medios técnicos, materiais e persoais previstos para a consecución dos obxectivos do proxecto: ata 20 puntos.

Valorarase a eficiencia do proxecto tendo en conta a adecuación recursos- actividades -resultados e o custo medio do proxecto en relación co número de persoas inmigrantes beneficiarias: ata 20 puntos.

Valorarase a continuidade dos proxectos que tivesen unha valoración satisfactoria dos seus resultados en anteriores convocatorias ou convenios de colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración: ata 5 puntos.

b) Poboación total e poboación inmigrante extracomunitaria empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución de convocatoria: ata 10 puntos.

Do 2,5% ao 3% de poboación inmigrante extracomunitaria, ou número de inmigrantes extracomunitarios superior a 1000: 1 punto

Do 3% ao 3,5% de poboación inmigrante extracomunitaria: 2 puntos.

De máis do 3,5% de poboación inmigrante extracomunitaria: 3 puntos.

Adicionalmente incrementarase a puntuación nos seguintes casos:

Superar as 1.500 persoas inmigrantes extracomunitarias: 3 puntos.

Superar as 3.000 persoas inmigrantes extracomunitarias: 5 puntos.

Superar as 8.000 persoas inmigrantes extracomunitarias ou superar o 10% da poboación inmigrante extracomunitaria: 7 puntos.

c) Proxectos compartidos: ata 10 puntos.

Os proxectos presentados conxuntamente por dous ou máis concellos, para o obxecto de conseguir un maior impacto na realidade social onde se quere actuar e unha optimización dos recursos dispoñibles.

d) Necesidade social do proxecto e aos seus potenciais beneficiarios: ata 20 puntos.

Valorarase a necesidade social do proxecto en función do número de persoas inmigrantes ás cales beneficiará e da insuficiencia de actuacións que coa mesma finalidade se desenvolvan no ámbito de aplicación do proxecto.

e) Entidades locais con plans locais de integración da poboación inmigrante aprobado polo Pleno do Concello ou pola Xunta de Goberno local ou órganos equivalentes no caso de consorcios ou mancomunidades: 10 puntos.

Ter plan local de integración da poboación inmigrante: 10 puntos

Non ter plan local de integración da poboación inmigrante: 0 puntos

f) Emprego da lingua galega na realización das actividades: 5 puntos.

Emprego da lingua galega na realización das actividades: 5 puntos

Non emprego da lingua galega na realización de actividades: 0 puntos

2. Como consecuencia da aplicación dos criterios de valoración previstos neste artigo, as entidades que resulten beneficiarias poderán recibir unha contía certa de subvención segundo o establecido no artigo 4.3º das bases reguladoras da correspondente convocatoria, sen que en ningún caso se poida superar o 80% do gasto subvencionable.

Artigo 7. Solicitudes e lugar de presentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I da correspondente resolución de convocatoria, e que irá acompañada dos documentos que se especifiquen no artigo 8 destas bases reguladoras.

Este modelo de solicitude, así como información adicional sobre este procedemento administrativo poderase obter a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración na seguinte enderezo da internet (http://emigracion.xunta.es), así como na Guía de procedementos e servizos situada na páxina Web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es).

2. As solicitudes de subvencións xunto co resto da documentación dirixiranse á Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade ou persoa que a representa, segundo o establecido no artigo 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 8. Documentación xeral

A documentación presentada polos beneficiarios, tanto na fase de solicitude como na fase de xustificación, deberá ser asinada polos representantes legais das entidades solicitantes.

As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figura como anexo I da correspondente resolución de convocatoria, e deberán relacionarse todos os proxectos para os cales a entidade solicita a subvención.

Ademais, deberase xuntar necesariamente a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

a)Tarxeta de identificación fiscal.

b) Proxectos para os cales solicita a subvención segundo o Anexo II da correspondente resolución de convocatoria.

c) Unha memoria explicativa do proxecto solicitado e as fichas explicativas do proxecto e das actividades segundo o anexo III da correspondente resolución de convocatoria.

d) Declaración da entidade local en que conste o número de conta e o titular, segundo o modelo establecido no anexo IV da correspondente resolución de convocatoria.

e) Declaración das axudas solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións públicas, Unión Europea ou calquera outro ente público ou privado, segundo o modelo recollido no anexo V da correspondente resolución de convocatoria.

f) Declaración expresa de non estar en incursos nas circunstancias e prohibicións para obteren a condición de beneficiarios sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo anexo VI da correspondente resolución de convocatoria.

g) Certificación da entidade en que conste o acordo ou resolución da entidade local de solicitar a subvención.

h) De ser o caso, convenio de colaboración marco da Xunta de Galicia para a xestión compartida de servizos. No dito convenio deben constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada concello membro da agrupación. Tamén debe constar o representante ou apoderado único con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación.

i) Capacidade de representación legal do asinante da solicitude naqueles supostos en que o asinante sexa persoa distinta daquela que teña o cargo de alcalde/sa, presidente/a da entidade local ou representante da agrupación de concellos.

j) De ser o caso, aprobación do Plan local de integración da poboación inmigrante.

k) Se é o caso, copia do Plan local de integración da poboación inmigrante, que poderá remitirse en formato electrónico.

6. No caso de que a solicitante sexa unha agrupación de concellos, a documentación esixida nas letras a), e), f), g) do presente artigo refírese a todos os membros da agrupación.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

A presentación da solicitude da axuda por parte do interesado comportará o coñecemento e aceptación das bases reguladoras.

A entidade solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro público de axudas, subvencións e convenios, e no Rexistro público de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, o reintegro do importe concedido.

De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na solicitude deste proxecto serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades ou agrupacións solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro, no enderezo que figura ao pé da solicitude.

Artigo 10. Órgano competente

1. A Subdirección Xeral do Retorno e da Inmigración é o órgano encargado da instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao secretario xeral da Emigración ditar a resolución de concesión ou denegación da subvención.

2. Crearase unha comisión de avaliación, presidida polo subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, composta polos seguintes membros:

– O/A xefe/a do servizo de Programas e Atención Integral.

– O/A xefe/a do servizo de Información e Tramitación de subvencións.

– Un/Unha funcionario/a da subdirección que actuará como secretario/a.

No caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa que ao efecto designe o secretario xeral da Emigración.

3. A Comisión de valoración, unha vez valorados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 6 das bases reguladoras da correspondente resolución de convocatoria e a vista do informe emitido polo órgano instrutor no que conste que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a subvención, emitirá informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

4. O subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de ampliación de crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes no orde de puntuación.

Corresponde á Secretaría Xeral da Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Na tramitación e resolución das solicitudes de subvencións correspondentes a unha mesma entidade relativas a mais dun proxecto incluídos nesta resolución, a Secretaría Xeral da Emigración, tendo en conta as súas finalidades, poderá acordar, cando proceda, acumular nun único expediente as solicitudes presentadas, de acordo co artigo 73 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. De acordo co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na presente resolución, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude, despois da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo o artigo 59.6 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e no portal GaliciaAberta no enderezo http://emigracion.xunta.es

3. O requirimento terá eficacia desde a publicación, e, sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá comunicar os requirimentos ao enderezo de correo electrónico, sempre que se indique na solicitude e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Así mesmo, débese significar que os prazos de dez días computaranse desde a publicación na páxina web dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

5. Se a proposta de resolución provisional realizada pola comisión avaliadora contivese un importe de subvención inferior ao que figura na solicitude presentada pola entidade solicitante, a Administración poderá instar o beneficiario á reformulación da citada solicitude, nos termos fixados nos números 1 e 3 do artigo 25 da Lei 9/2007 de subvencións e Galicia.

Artigo 12. Resolución e notificación

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a axuda.

Ademais, e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa paxina web www.galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e os importes das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a súa publicación na citada páxina web.

Na resolución de concesión informarase a entidade beneficiaria de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das entidades beneficiarias, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que se publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 13. Prazo de resolución

O prazo máximo para resolver será de 3 meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderanse entender desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos 10 días hábiles desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo secretario xeral da Emigración, despois da instrución do correspondente expediente no que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, e no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de resolucións expresas, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables os gastos correntes que se realicen no período comprendido entre a data de inicio das accións e a finalización do prazo de xustificación recollido no punto 1 do artigo 18 e que estean de acordo coas accións que figuran no anexo II, en relación co artigo 5 desta resolución e axustaranse á Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo e á Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica. Non serán subvencionables os gastos de amortización nin os financeiros e legais.

Poderán subvencionarse as retribucións do persoal que desenvolva as accións obxecto da subvención sempre que exista unha resolución expresa da autoridade competente de cada organismo en que conste a súa dedicación exclusiva ou a tempo parcial, con indicación expresa do tempo de dedicación neste último suposto.

Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devengadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

2. Os gastos subvencionados por esta resolución deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que se adecuen aos obxectivos e contidos dos proxectos subvencionados.

b) Que exista constancia documental da súa realización de forma que se poidan verificar.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa elixibilidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Emigración por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.

5. Por razón da natureza das accións obxecto de subvención, poderase autorizar á entidade local beneficiaria a subcontratación parcial por un máximo do 60% da importe da actividade subvencionada, tal e como se recolle na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de que a adxudicación recaese en entidades que conten no seu cadro de persoal cun número de traballadores fixos discapacitados superior ao 2%, a subcontratación pode alcanzar o 70%, segundo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o devandito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 25 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, e os subcontratistas estarán obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto que hai que subcontratar supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas achegarase xunto á xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención e realizarase de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este aspecto deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 18. Xustificación

1. A acción subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 30 de outubro do 2012. A xustificación efectuarase de conformidade co establecido no título III, nos artigos 42 e 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na modalidade de conta xustificativa.

2. A xustificación final da subvención dirixirase á Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704, Santiago de Compostela, A Coruña) e presentarase por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; e deberá ir acompañada da seguinte documentación debidamente asinada polos representantes das entidades locais beneficiarias:

a) Unha memoria de actuación xustificativa, global e por cada proxecto realizado, do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención, con indicación dos gastos realizados (anexos VII e VIII).

b) Certificación emitida polos representantes legais da entidade beneficiaria, en que conste a denominación das accións realizadas, contía do gasto corrente así como a súa imputación aos fins para os que foi concedida a subvención (anexo IX).

c) Relación numerada das facturas e documentos xustificativos do seu pagamento (anexo X) presentados xunto a esta xustificación, acompañada das facturas que soporten o gasto ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Todos estes documentos deberán presentarse en orixinal, fotocopia compulsada ou formato electrónico admisible legalmente. As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se xunte á relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto, debendo cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na normativa comunitaria, aceptando a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a un total de 300 euros sempre que os ditos gastos se efectúen no ámbito do comercio retallista ou de empresas prestadoras de servizos a usuarios finais, ou sexan unha práctica común ou habitual no tráfico económico.

O imposto sobre o valor engadido (IVE) considerarase subvencionable cando o beneficiario da subvención o aboe efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda. Polo tanto, para que os importes correspondentes ao IVE sexan subvencionables deberase presentar certificación da Axencia Tributaria en que conste que a entidade non está dada de alta no IVE. No caso de que a entidade estea suxeita á regra da pro rata deberá achegar a documentación necesaria para coñecer a porcentaxe de IVE que se pode imputar á subvención.

d) Os custos indirectos poderán formar parte da xustificación da subvención sempre que fosen imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidos e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade. De acordo coa Orde TIN/2965/2008, do 14 do outubro, de gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo, poderá optarse pola certificación a tanto global dos custos indirectos por un importe máximo do 10% dos custos directos imputados en cada operación. Para poder aplicar este criterio, os custos indirectos deben consignarse no orzamento da acción formativa que se presente xunto á solicitude.

e) Unha certificación do número de persoas inmigrantes que recibiron información, asesoramento e orientación xurídica no caso das axudas recollidas no artigo 5.1 e relación de alumnos inscritos o primeiro día de inicio das actividades de formación a que se refire o artigo 5.2 desta resolución. Así mesmo, deberá presentar unha relación de alumnos asistentes durante o desenvolvemento da acción formativa, indicando nome e apelidos, teléfono de contacto, DNI, pasaporte ou tarxeta de identidade de estranxeiro e a súa condición de inmigrante ou emigrante retornado.

f) Os indicadores de beneficiarios do Fondo Social Europeo, establecidos de acordo co Regulamento (CE) 1828/2006.

g) Os indicadores de comunicación do Fondo Social Europeo, establecidos de acordo co Regulamento (CE) 1828/2006.

h) Acreditación documental da realización da accións subvencionables. No caso da acción formativa esta acreditación realizarase a través de fotografías da aula -ou do lugar de desenvolvemento das actividades- co alumnado e da difusión do seu cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración e da Unión Europea (Fondo Social Europeo) coa utilización dos seus logos.

i) As enquisas de avaliación cubertas polo alumnado, no modelo da Secretaría Xeral da Emigración.

j) Declaración asinada polos representantes legais da entidade local beneficiaria, que acredite o financiamento das accións subvencionadas que foron realizadas (anexo XI).

k) Declaración complementaria de que as axudas concedidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais non superan o custo da actuación subvencionada (anexo XI).

3. No caso de que a beneficiaria sexa unha agrupación de concellos, a documentación exixida nos números anteriores refírese a todos os membros da agrupación.

4. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade local beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

Artigo 19. Pagamento da subvención

O pagamento final da subvención realizarase unha vez comprobada pola Secretaría Xeral da Emigración a xustificación presentada pola entidade beneficiaria da realización dos proxectos obxecto de subvención.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:

1. Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención e xustificalo ante a Secretaría Xeral da Emigración.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recollan a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos poida efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias en que se fundamenta a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, mantendo de forma separada na contabilidade os gastos financiados.

6. Á difusión do cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración e da Unión Europea (Fondo Social Europeo) no desenvolvemento das accións formativas, actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada, así como a utilización nestes dos logos da Secretaría Xeral e da Unión Europea (Fondo Social Europeo).

7. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización das accións formativas, e a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

8. Facilitar a comprobación das axudas recibidas e os seus efectos, pola Secretaría Xeral da Emigración, regulados nos artigos 57 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

9. As demais obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Deberán introducir por medios telemáticos na Guía Actualizada de Programas e Actividades das Migracións (GAPAM), da sección Inmigración e Retorno da páxina web http://www.galiciaaberta.com da Secretaría Xeral da Emigración, segundo as instrucións e prazos establecidos nesta guía, todos os proxectos ou actuacións obxecto de subvención a través desta resolución, co fin de que alcancen a maior difusión.

11. Se por calquera motivo a actuación programada non se puidese realizar, deberase comunicar a renuncia á Secretaría Xeral da Emigración, que poderá dispoñer do correspondente crédito para subvencionar proxectos inicialmente non atendidos ou aumentar a axuda doutros subvencionados parcialmente.

12. Non debe considerarse que incorre en incumprimento o beneficiario que realice parcialmente o proxecto ou acción que é obxecto de subvención por falta de financiamento propio, sempre que a actividade subvencionada sexa esencialmente divisible e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención.

Artigo 21. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda total do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Compatibilidade das axudas

O importe das subvencións reguladas nestas bases será compatible con outras, calquera que sexa a súa natureza, Administración ou entidade que as conceda excepto as derivadas de convenios subscritos coa Secretaría Xeral da Emigración para a mesma finalidade e, en todo caso, tendo en conta que a suma de todas elas, tanto as de carácter privado como das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, non poderá superar o 100% do investimento subvencionable.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación a lexislación básica do Estado sobre subvencións (Lei 38/2003, do 17 de novembro, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo); a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento, e demais normativa de desenvolvemento que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file