Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 4 de xullo de 2012 Páx. 26623

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2012 pola que se regula a selección das entidades colaboradoras na xestión das subvencións para garantir o acceso á internet de banda larga vía satélite, cofinanciadas co Feader en réxime de concorrencia non competitiva, e pola que se aproban as bases reguladoras das ditas subvencións e se convocan para o ano 2012 (procedementos administrativos MR704A e MR704B).

Na Comunicación COM (2009) 103, do 3 de marzo de 2009, da Comisión ao Consello e ao Parlamento Mellorar o acceso das zonas rurais ás modernas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), a Comisión recoñece que a utilización eficaz das tecnoloxías da información e da comunicación, impulsada por un mellor acceso á internet de alta velocidade (banda larga), desempeña un papel fundamental para aumentar a produtividade e promover a innovación en Europa e, en particular, nas zonas rurais.

Neste contexto, a Comisión anima os Estados membros a impulsar as sinerxías e complementariedade entre os instrumentos da política rexional, a política de desenvolvemento rural e as políticas nacionais en materia de TIC, para superar os desequilibrios territoriais no relativo ao acceso á banda larga, máis acusados nas zonas rurais.

Especificamente no ámbito do fondo Feader, considérase prioritario desenvolver o acceso á internet de banda larga nas zonas rurais, que adoitan ter un acceso insuficiente debido ás dificultades orográficas e á dispersión poboacional. Por iso, o Regulamento (CE) nº 473/2009, do 25 de maio, polo que se modifica o Regulamento 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), prevé expresamente a subvencionabilidade no marco da medida 321, Servizos básicos para a economía e poboación rurais, das operacións de apoio á creación de infraestruturas de banda larga, que inclúe as instalacións por satélite, así como o acceso a estas.

Pola súa banda, no contexto máis amplo da Estratexia de Lisboa, os Estados membros están a impulsar plans para acelerar o desenvolvemento das Tic e, especificamente, incrementar o grao de penetración da banda larga mediante o despregamento das correspondentes infraestruturas. No caso da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello da Xunta do día 18 de febreiro de 2010 aprobou o Plan director de banda larga 2010-2013 (PDBL), no que se define a estratexia global para posibilitar o acceso ao servizo de banda larga a toda a sociedade galega, como un dos motores principais para o desenvolvemento de Galicia, situándoa entre as rexións de referencia no desenvolvemento das novas tecnoloxías e infraestruturas para a sociedade da información.

No marco do PDBL, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia –entidade instrumental pertencente ao sector público autonómico a que compete o impulso e promoción do PDBL, e que en virtude do Decreto 255/2011, do 15 de decembro, asumiu os medios persoais e materiais e as competencias que lle correspondían á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica– e Agader, subscribiron o 17 de abril de 2012 un convenio de colaboración para coordinar as actuacións no ámbito do Plan de banda larga de Galicia, que se concreta, entre outras actuacións, na tramitación dunha convocatoria pública de subvencións, co obxectivo de completar a cobertura dos servizos de banda larga á práctica totalidade da poboación con tecnoloxía satélite de calidade segundo se dispón no propio PDBL.

Nas directrices comunitarias para a aplicación das normas sobre axudas estatais ao despregamento rápido de redes de banda larga, a Comisión Europea mantén que unha intervención estatal selectiva no ámbito da banda larga pode contribuír a reducir a fenda dixital que se abre entre zonas nas cales se dispón de servizos de banda larga accesibles e competitivos e as zonas que carecen dos ditos servizos. A licitación aberta garante a transparencia a todos os investidores que desexen presentar ofertas para a realización do proxecto subvencionado.

Por outra banda, o Goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixes de actuación impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido aos cidadáns. Por esta razón, cómpre artellar o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e a utilizar as tecnoloxías da información na actividade administrativa, nos termos previstos na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Tendo en conta o anterior e no marco das competencias delegadas polo acordo do Consello de Dirección de Agader do 21 de xuño de 2007 (Resolución do 2 de xullo de 2007, DOG nº 134, do 11 de xullo).

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras para seleccionar as entidades colaboradoras na xestión das subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

2. Aprobar as bases reguladoras das subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, que se xuntan a esta resolución como anexo II.

3. Aprobar os formularios para xestionar esta convocatoria, que se xuntan a esta resolución como anexo III, para entidades colaboradoras, e como anexo IV para solicitantes de axuda.

4. Convocar para o ano 2012, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, cofinanciadas con Feader.

Segundo. Financiamento

A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de trescentos cincuenta e nove mil euros (359.000 euros), con cargo ás aplicacións orzamentarias 2012-13-A1-712A-7800 e 2012-13-A1-712A-7700 (conta orzamentaria 02.01 02/30/01.656800).

Este crédito está cofinanciado nun 57,56% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da medida 321 do eixe 3 Mellora da calidade de vida nas zonas rurais e diversificación da economía rural, do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013.

As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo recolle o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei,e publicarase no DOG o aludido incremento na súa contía.

Terceiro. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación xustificativa

O prazo inicial para que as entidades colaboradoras presenten as solicitudes de adhesión é dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, sen prexuízo do disposto no artigo 7.2 das bases reguladoras recollidas no anexo I.

O prazo para presentar as solicitudes de axuda comezará ao día seguinte ao da publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras adheridas e remata o 31 de outubro de 2012.

O prazo para que as entidades colaboradoras presenten a documentación xustificativa dos gastos subvencionados remata o 30 de novembro de 2012.

Cuarto. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Quinto. Condición suspensiva

A eficacia desta convocatoria queda condicionada á aprobación pola Comisión Europea da proposta de modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, actualmente en tramitación, en relación coa medida 321, Servizos básicos para economía e poboación rural.

Sexto. Información aos interesados

Sobre estes procedementos administrativos, que teñen os códigos MR704A e MR704B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial da Agader (http://agader.xunta.es), na súa epígrafe de Liñas de axuda.

b) O teléfono 981 54 73 82 de Agader.

c) Presencialmente, nas dependencias de Agader, no lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde fóra de Galicia o 902 12 00 12).

Esta resolución aplicarase desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG e o director xeral de Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a súa correcta aplicación e execución.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2012

P.D. (Resolución 2.7.2007)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Anexo I
Bases reguladoras para seleccionar as entidades colaboradoras na xestión das subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural (procedemento administrativo MR704A)

Artigo 1. Obxecto

Seleccionar, en réxime de concorrencia non competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para a promoción da contratación de novas conexións da internet vía satélite naquelas zonas rurais que non teñen outro tipo de cobertura, así como aprobar as bases reguladoras das ditas subvencións para os anos 2012, 2013 e 2014.

Para lograr a dita promoción arbítrase un programa de axudas nos anos 2012, 2013 e 2014, para a contratación dunha conexión á internet de banda larga a través de satélite que teña asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 2 Mbps no sentido da rede ao usuario (DL), así como as demais condicións establecidas no artigo 4.

Artigo 2. Alcance das actuacións que desenvolverán as entidades colaboradoras

As entidades colaboradoras terán como función a promoción da contratación e subministración do servizo da internet indicado, actuando como canle entre os beneficiarios das accións subvencionables e Agader e colaborando na xestión do procedemento por medios telemáticos. Para os efectos da tramitación do procedemento, a colaboración que prestarán as ditas entidades comprenderá a de presentar, en representación dos interesados, as solicitudes de axuda por medios telemáticos, e cubriranse e enviaranse os formularios normalizados de solicitude, xunto coa documentación complementaria que sexa requirida, así como a realización dos trámites necesarios para executar, xustificar e certificar a realización das actuacións subvencionables.

Artigo 3. Requisitos de solvencia e eficacia das entidades colaboradoras

Poderán obter a condición de entidades colaboradoras, nos termos previstos no artigo 9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos os casos, deben ter a condición de operadores de telecomunicacións, que oferten servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 4, e acreditar os seguintes requisitos:

a) Identificación da situación censual de alta da entidade colaboradora nunha epígrafe do imposto de actividades económicas relacionada co desenvolvemento do tipo de actividades recollidas nesta resolución.

b) Ser operador de telecomunicacións e estar dado de alta no rexistro público de operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT).

c) Ofrecer servizos de conexión á internet de banda larga a través de satélite ao público en xeral.

d) Existencia de sede e/ou puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se poidan desenvolver as actividades recollidas neste réxime de axudas.

e) Dispoñibilidade e emprego de certificado electrónico de usuario así como de sinatura electrónica avanzada por parte do representante legal da entidade e por parte do interlocutor único que designe a entidade colaboradora.

Non poderán obter a condición de entidades colaboradoras aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Características do servizo de acceso que prestarán as entidades colaboradoras

O servizo de acceso que ofertarán as entidades colaboradoras terá como mínimo as seguintes características:

a) O servizo de acceso a banda larga realizarase vía satélite en ambos os sentidos da comunicación.

b) O servizo de conexión terá asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 2 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL).

c) Modalidade de acceso: non existirá limitación horaria para o acceso ao servizo e, no caso de aplicarse unha limitación ao volume mensual dos datos descargados, este deberá ser de 2 GB ou superior. Non se cortará o servizo ao acadar este volume de descargas, unicamente se poderá producir unha redución do largo de banda.

d) Os servizos cumprirán cos seguintes niveis mínimos:

1º. Dispoñibilidade de servizo maior do 90% medida en intervalos mensuais.

2º. Garantir que polo menos o 80% do tempo estará dispoñible, como mínimo, un 20% do largo de banda nominal exixido.

3º. Compromiso de satisfacer as peticións de servizo nun prazo máximo de 30 días naturais.

4º. O tempo máximo de resolución de incidencias de clientes que afecten o servizo será, como moito, de 24 horas no 95% dos casos.

5º. Compromiso de reparar ou repoñer os equipamentos de usuarios nun prazo nunca superior a 5 días hábiles.

6º. A oferta comercial dos servizos será homoxénea territorialmente e as tarifas acordes co mercado. Ademais, as ofertas comerciais que se realicen ao abeiro das presentes axudas deberán, como mínimo, ser equiparables a aquelas que a mesma empresa empregue na súa comercialización á marxe destas axudas, e poderá, en todo caso, melloralas.

Artigo 5. Obrigas das entidades colaboradoras

Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 12 da Lei 9/2007, as entidades colaboradoras quedarán obrigadas a:

a) Verificar e certificar que os solicitantes reúnen os requisitos para solicitar a axuda que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

b) Realizar, en representación dos solicitantes da axuda, a presentación telemática das solicitudes de axuda e documentación complementaria que sexa requirida de acordo coas bases reguladoras da subvención.

c) Conservar o documento de solicitude de axuda, declaracións responsables e autorizacións asinado polos solicitantes a disposición de Agader, que poderá requirir o envío da dita documentación para os efectos de realizar as comprobacións que procedan.

d) Realizar todos os trámites administrativos ante Agader para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiarios; en particular, achegar toda a documentación xustificativa da realización das actuacións subvencionables nos termos exixidos nas bases reguladoras da subvención.

e) Informar os solicitantes das obrigas que asumen no caso de resultaren beneficiarios.

f) Executar as actuacións necesarias para a conexión á internet dos beneficiarios coas características especificadas no artigo 4.

g) Xustificar e certificar a realización das actuacións subvencionables ante Agader.

h) Comunicar calquera variación substancial relativa á información inicial presentada en relación coa solicitude de obtención da calidade de entidade colaboradora.

i) Asumir o importe da cota de alta, de ser o caso, e da cota mensual relativa ao primeiro mes para que sexan gratuítas para o beneficiario das axudas.

j) Adiantar a contía da axuda aos beneficiarios mediante o correspondente desconto na primeira factura. Este importe será aboado por Agader á entidade colaboradora, logo de cesión do dereito ao cobramento da subvención autorizada polos solicitantes.

k) Xustificar que os beneficiarios cumpriron o tempo mínimo de permanencia do contrato dun ano.

l) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso, así como un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ás presentes subvencións (artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) nº 1698/2005), coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de control e comprobación da pista de auditoría.

m) Cumprir as obrigas en materia de protección de datos de carácter persoal derivadas da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e da normativa aplicable.

n) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

o) Elaborar un plan de comunicación e divulgación das actuacións subvencionadas, publicitar o carácter público do financiamento das actuacións subvencionadas e dispor dos medios de divulgación e comunicación nos termos establecidos no artigo seguinte.

p) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar Agader, así como calquera outra que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos, como estatais e comunitarios.

O incumprimento das obrigas sinaladas neste artigo e, en particular, a falsidade ou inexactitude nas declaracións e certificados presentados polas entidades colaboradoras, poderá implicar a perda da condición de entidade colaboradora, así como a aplicación do réxime sancionador previsto na normativa aplicable en materia de subvencións.

Artigo 6. Plan de divulgación e comunicación e obrigas de publicidade

a) As entidades colaboradoras elaborarán un plan de comunicación e divulgación, que deberán presentar xunto coa solicitude de obtención da calidade de entidade colaboradora. Este plan indicará os medios técnicos e recursos dispoñibles, detallará as canles de comercialización que van utilizar e as accións que se van executar. Este plan levarase a acabo baixo a supervisión de Agader, que estará asistida pola Amtega.

As entidades colaboradoras disporán dunha web informativa con información suficiente respecto ao alcance desta subvención (cantidade subvencionada, requisitos e obrigas dos beneficiarios, condicións da subvención, vixencia etc), dos requisitos para solicitar a axuda, as distintas modalidades de servizo e as tarifas asociadas.

Xunto con esta información, manterase un vínculo cun sitio da internet de Agader (http://agader.xunta.es), ou outro que se poida definir no convenio, onde se facilitará información detallada.

As entidades colaboradoras disporán na súa web dunha listaxe de todos os puntos de venda coa súa correspondente localización e teléfono de contacto ou, de ser o caso, dunha aplicación onde o interesado poida consultar de forma directa o punto de venda máis próximo ao seu enderezo. Nos puntos de venda, disporase de materiais específicos descritivos da oferta (folletos, carteis etc.).

Así mesmo, disporán cando menos dun enderezo electrónico e dun teléfono gratuíto, onde os interesados poidan contactar co operador tanto para informar sobre o procedemento de recepción de solicitudes como para atender e resolver as incidencias que puideran xurdir durante o desenvolvemento e vixencia da colaboración coa entidade colaboradora. Neste teléfono debe poder atenderse o solicitante na lingua oficial de Galicia escollida por este.

b) Con carácter xeral, nas actividades de difusión, páxinas web e publicacións e, en xeral, en toda a información ou publicidade da actuación subvencionada, farase constar que están subvencionados por Agader no marco do eixe 3 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, e deberán figurar os logotipos das administracións financiadoras e o lema do fondo Feader, «Europa inviste nas zonas rurais».

c) As entidades colaboradoras presentarán unha campaña publicitaria con insercións publicitarias, nos medios de comunicación da súa área de influencia de actuación, que deberá publicitar as actuacións subvencionadas e a orixe dos fondos financiadores nos termos previstos no parágrafo anterior, así como informar sobre a contía da axuda, as súas condicións e a vixencia.

d) As entidades colaboradas estarán obrigadas a entregar a Agader, para a súa aprobación, un informe de seguimento do plan de comunicación cunha periodicidade semestral, no cal se indicará o detalle das actividades de comunicación e divulgación realizadas en cada unha das canles establecidas.

Artigo 7. Presentación das solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras

a) Abrirase un prazo inicial de presentación de solicitudes de obtención da calidade de entidade colaboradora dun mes natural a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

b) Sen prexuízo do anterior, unha vez finalizado o referido prazo dun mes e co fin de ofrecer a posibilidade de adherirse ao convenio a todas as entidades que se constitúan ou estean en condicións de cumprir os requisitos exixidos con posterioridade ao dito prazo inicial, admitiranse solicitudes de obtención da calidade de entidade colaboradora en calquera momento dentro do período de vixencia das presentes bases reguladoras (2012-2014), o que dará lugar a novas resolucións.

c) De acordo coas previsións do artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, establécese a obrigatoriedade da presentación da solicitude de obtención da calidade de entidade colaboradora unicamente por medios electrónicos ao seren as entidades colaboradoras empresas que, por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional, teñen garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos precisos.

Tendo en conta o anterior, as solicitudes presentaranse mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, seleccionando o procedemento MR704A, sede a que tamén se pode acceder no enderezo da internet http://agader.xunta.es

Artigo 8. Contido e documentación das solicitudes de participación das entidades colaboradoras

As solicitudes estarán compostas pola seguinte documentación:

a) Formulario normalizado de solicitude, declaracións responsables e autorizacións que figuran no anexo III, obtido e cuberto a través da aplicación informática que se habilitará, debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade colaboradora.

b) Documentación técnica adicional:

1º. Certificado ou documentación acreditativa de inscrición no Rexistro de Operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións.

2º. Memoria en que se indique:

– Descrición detallada das condicións económicas e as características dos servizos de acceso á internet vía satélite prestados polo solicitante á marxe das axudas reguladas nesta convocatoria, así como dos servizos que propón prestar ao abeiro da convocatoria e, de ser o caso, doutros servizos asociados á conexión vía satélite que poida prestar (servizos de telefonía, servizos de mantemento, servizos de valor engadido etc).

– Relación de medios humanos e materiais de que dispón para a colaboración na xestión das axudas.

– Descrición do procedemento para a recepción de solicitudes por parte dos interesados.

– Número de teléfono gratuíto de atención aos solicitantes.

– Enderezo da web que se empregará para facilitar información sobre as axudas aos interesados.

– Enderezo completo e datos de contacto dos seus puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que a actividade da entidade non comprenda todo o territorio galego, deberá indicar o ámbito xeográfico en que prestará o servizo.

– Descrición detallada dos equipamentos de usuario que se propón empregar.

– Descrición detallada das características do satélite ou constelación de satélites que proporcionarán os servizos.

3º. Plan de divulgación e comunicación, nos termos previstos no artigo 6.

c) Documentación xurídico-administrativa:

1º. Documentación acreditativa da constitución da empresa (escritura de constitución e estatutos inscritos no rexistro público que corresponda).

2º. De ser o caso, documento/s público/s acreditativo/s do poder con que actúa o representante legal.

3º. NIF da entidade colaboradora.

4º. DNI do representante legal e do interlocutor único da entidade colaboradora para os efectos de tramitación do procedemento.

5º. Certificados de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda.

A presentación da solicitude de obtención da calidade de entidade colaboradora implica a autorización da entidade colaboradora para que Agader obteña directamente a documentación relacionada nas letras c) e d), salvo denegación expresa da entidade, nos termos previstos na Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento de selección das entidades colaboradoras

A Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural realizará de oficio os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de obtención da calidade de entidade colaboradora non reúne algún dos requisitos exixidos nesta resolución, a entidade solicitante será requirida para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Unha vez revisadas as solicitudes de participación e feitas as emendas procedentes, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular as alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará ao órgano competente para resolver. Nesta fase procedemental, o órgano instrutor estará asistido polo persoal técnico da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ao abeiro do convenio de colaboración subscrito o 17 de abril de 2012 para a coordinación de actuacións no ámbito do Plan de banda larga de Galicia.

Artigo 10. Resolución e notificación

A persoa titular da Dirección de Agader é o órgano competente para resolver o procedemento de selección das solicitudes de obtención da calidade de entidade colaboradora das entidades colaboradoras.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución as entidades interesadas será de 6 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e, no caso previsto no artigo 7.2, ao da presentación da solicitude de obtención da calidade de entidade colaboradora. Se transcorrese o prazo máximo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

As resolucións serán notificadas electronicamente de acordo co establecido no artigo 26 do Decreto 198/2010, se consta a aceptación pola entidade colaboradora ou, no seu defecto, nos termos do artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Así mesmo, a relación de entidades colaboradoras seleccionadas será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Agader.

Nas notificacións se indicará de modo expreso que a subvención é concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixe do PDR de Galicia no que se enmarca o proxecto.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo órgano competente para resolver poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do acto administrativo.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 12. Convenio de colaboración coas entidades colaboradoras

As entidades seleccionadas asinarán un convenio de colaboración con Agader no prazo máximo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución que estima a solicitude de obtención da calidade de entidade colaboradora. Transcorrido o dito prazo sen que a entidade seleccionada asine o convenio entenderase que renuncia á condición de entidade colaboradora

O convenio de colaboración, cuxa vixencia se estenderá ata o 31 de decembro de 2014, terá o contido que resulta do artigo 13 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Normativa de aplicación

Para todo o non previsto nesta resolución observarase ao previsto respecto das entidades colaboradoras na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desa lei, no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Así mesmo, será de aplicación o Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader e a súa normativa de desenvolvemento.

Anexo II
Bases reguladoras das subvencións para novas conexións a internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural (procedemento administrativo MR704B)

Artigo 1. Obxecto, réxime das subvencións e tramitación electrónica do procedemento

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a promoción do acceso á internet no medio rural no marco do Plan banda larga de Galicia e xestionaranse a través de entidades colaboradoras, que terán como labor a promoción e contratación do servizo de internet actuando como canle entre os beneficiarios solicitantes e Agader. Os beneficiarios terán completa liberdade para elixir o operador que prefiran de entre os adheridos á convocatoria para actuar como entidade colaboradora.

Para lograr a dita promoción arbítrase un programa de axudas para os anos 2012, 2013 e 2014 para a contratación e permanencia de novas conexións a internet de banda larga nas zonas rurais que carecen doutra posibilidade de acceso a este servizo, empregando tecnoloxía satélite bidireccional.

Estas bases reguladoras prevén a tramitación do procedemento por medios electrónicos, a través das entidades colaboradoras seleccionadas, nos termos previstos no título III da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no capítulo V do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 2. Ámbito territorial

Para os efectos das presentes bases reguladoras, considérase medio rural todo o territorio de Galicia, excepto as zonas incluídas nos perímetros urbanos definidos como tales no planeamento urbanístico vixente das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Artigo 3. Gastos subvencionables

a) Considéranse subvencionables os gastos derivados da conexión ao servizo de acceso a banda larga vía satélite en ambos os sentidos de comunicación, que teña asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 2 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL). Só se subvencionará unha conexión por enderezo.

b) Terán a consideración de gastos subvencionables:

1º. Custo de instalación.

2º. Subministración dos equipamentos de usuario precisos para a prestación do servizo.

Só será subvencionable o IVE non recuperable cando sexa custeado de forma efectiva e definitiva polo beneficiario. Polo tanto, non se considerará subvencionable o IVE soportado polas empresas que sexa susceptible de recuperación ou compensación.

En ningún caso serán subvencionables as cotas mensuais que vaia satisfacer o beneficiario ao provedor do servizo de internet.

Artigo 4. Beneficiarios

a) Poderán solicitar a axuda:

– As persoas físicas que pretendan acceder ao servizo na súa condición de usuarios residenciais.

– Pequenas e medianas empresas

b) Deberán, en ambos os casos, reunir ademais as seguintes condicións:

1º. Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Non dispoñer de cobertura de banda larga de, cando menos, 2Mbps en sentido rede-usuario mediante outra tecnoloxía.

3º. Solicitar a axuda para a instalación da nova conexión no enderezo de residencia ou, no caso dunha empresa, domicilio fiscal.

4º. Manter o novo contrato de conexión a Internet por un período mínimo dun ano, contado desde a data de alta no servizo.

5º. Non ter sido beneficiario doutra subvención para os mesmos gastos.

6º. Tramitar a solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas por Agader en procedemento público e aberto.

c) Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.

d) Igualmente, non poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que están excluídas da aplicación do réxime de minimis, de acordo co previsto no artigo 1.1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15.12.2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5 do 28.12.2006).

Artigo 5. Normativa de axudas de Estado

As axudas a pequenas e medianas empresas que realicen actividade económica ampáranse no Regulamento (CE) nº 1998/2006, mencionado no artigo anterior.

Artigo 6. Contía máxima da axuda e incompatibilidade con outras axudas

a) A contía da axuda acadará o 100% do investimento subvencionable, co límite de 500 euros, e está condicionada á permanencia no servizo durante un ano.

b) As axudas non serán compatibles con ningún outro tipo de axuda que poida recibir o beneficiario para o mesmo obxecto.

Artigo 7. Forma de presentación e contido das solicitudes

a) Para ser beneficiario o interesado deberá presentar a súa solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas para este réxime de axudas, mediante solicitude presencial. Para tal efecto, os interesados cubrirán o formulario de solicitude que lle facilitará a entidade colaboradora.

A presentación da solicitude implica a autorización para comprobar a veracidade do seu documento nacional de identidade, salvo denegación expresa do interesado, nos termos previstos na Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

O formulario de solicitude incorpora as declaracións responsables dos solicitantes de non ter solicitado e/ou percibido axuda para o mesmo obxecto e, de ser o caso, das axudas de minimis solicitadas e/ou percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.

b) Unha vez que a entidade colaboradora dispón do formulario asinado polo interesado, tramitará a solicitude normalizada que figura como anexo IV, empregando o certificado electrónico do representante legal da entidade colaboradora, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Á dita sede tamén se pode acceder seleccionando o procedemento MR704B sito no enderezo da internet http://agader.xunta.es. Coa presentación da solicitude a través da sede electrónica obterase un xustificante de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Agader poderá requirir en calquera momento ás entidades colaboradoras a remisión do formulario asinado polos solicitantes para efectos de realizar as comprobacións que procedan.

c) Ademais, as entidades colaboradoras efectuarán as declaracións responsables que figuran no anexo IV facendo constar:

– Que o solicitante non dispón de cobertura de banda larga de, polo menos, 2 Mbps en sentido rede-usuario, mediante outra tecnoloxía.

– Que na data da presentación da solicitude de axuda non se ten iniciado a execución da actuación subvencionable.

– Datos e características do servizo de conexión á internet que se pretende contratar, en concreto: velocidade nominal de conexión, límite de descarga mensual a partir do cal se reduce a velocidade da conexión e, de ser o caso, servizos adicionais que se prevé contratar.

Artigo 8. Procedemento de concesión das axudas

O procedemento de concesión das devanditas subvencións tramitarase ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, polo que as solicitudes se avaliarán e se resolverán conforme a orde de presentación, en tanto se dispoña de crédito suficiente, de xeito que, unha vez esgotadas as dispoñibilidades orzamentarias, as solicitudes restantes non serán admitidas. O esgotamento dos fondos será obxecto de publicación no DOG e na páxina web de Agader, tal e como prevé o artigo 32 do Decreto 11/2009.

Para estes efectos, a orde de presentación das solicitudes será a que resulte da data de presentación da solicitude pola entidade colaboradora na aplicación informática mencionada no artigo anterior.

Artigo 9. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural.

Revisarase a documentación presentada coa solicitude de axuda e comprobarase a súa adecuación ás bases reguladoras e á normativa de aplicación, así como as dispoñibilidades orzamentarias para atender as solicitudes.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderán efectuarse ás entidades colaboradoras os oportunos requirimentos de emenda de documentación, outorgando un prazo de dez días hábiles, coa indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da solicitude, logo da correspondente resolución, que será notificada ao solicitante da axuda.

Artigo 10. Resolución de concesión das axudas

Verificado o cumprimento das condicións de beneficiario e a reserva de fondos dispoñibles, notificarase a aprobación da solicitude e a entidade colaboradora disporá dun prazo máximo dun mes para dar de alta o servizo.

Se, aprobada a solicitude, a operadora non pode atender o compromiso contraído de ofrecer o servizo da internet, xa sexa por motivos técnicos ou de prazos, esta deberá comunicarllo coa maior brevidade posible tanto a Agader como ao solicitante, para que este poida optar por contratar con outra operadora das adheridas ao programa, sempre que se encontre dentro do prazo habilitado para a realización desta. A non observación deste punto poderá dar lugar á perda de condición de colaboradora.

O órgano competente para a resolución das axudas é o director xeral de Agader.

O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 9 meses; transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

Cando proceda, a resolución recollerá expresamente que o importe da axuda concedida ten carácter de minimis, de acordo co artigo 3.1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15.12.2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5 do 28.12.2006).

Artigo 11. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios

Ademais das obrigas sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, son obrigas dos beneficiarios:

a) Someterse ás actuacións de inspección e control de Agader, así como dos órganos de control autonómicos, estatais e comunitarios.

b) Manter o contrato do servizo subvencionado durante un período mínimo dun ano contado desde a data de alta no servizo.

c) As pequenas e medianas empresas deberán levar un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ás presentes subvencións (artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) nº 1698/2005).

Artigo 13. Xustificación e tramitación do pagamento das axudas a través das entidades colaboradoras

a) Habilitarase un mecanismo de presentación telemática da xustificación das axudas que facilite tamén a presentación agrupada dos proxectos, e que será de uso obrigatorio para as entidades colaboradoras.

b) A entidade colaboradora disporá do prazo de 2 meses contado desde a aprobación da solicitude de axuda para presentar a primeira factura e demais documentación xustificativa correspondente á solicitude aprobada. En todo caso, o prazo límite de xustificación rematará o 31 de outubro de cada anualidade, agás para 2012 en que será o 30 de novembro.

Defínese, para o ámbito desta convocatoria de axudas, o termo Primeira factura como a factura que a entidade colaboradora emitirá ao beneficiario na cal se incluirán todos os gastos que pretendan presentarse como subvencionables ante Agader, co fin de diferenciar esta factura de todas as facturas mensuais que a colaboradora emita ao beneficiario en concepto de cota mensual pola prestación do servizo. Sen prexuízo disto, a dita primeira factura poderá conter tamén a cota de alta, de ser o caso, e a primeira cota mensual,que deben ser asumidas en todo caso pola entidade colaboradora, así como a facturación doutros conceptos que non sexan obxecto desta subvención.

Na primeira factura, a entidade colaboradora aplicará ao beneficiario un desconto equivalente ao importe da subvención (ata un máximo de 500 euros), debendo figurar na factura un concepto independente polo referido importe co texto «Subvención Agader-PDR de Galicia 2007-2013, cofinanciada con Feader: conexión internet satélite».

Co fin de que a entidade colaboradora poida recuperar o importe descontado na factura ao beneficiario, este deberá ceder os dereitos de cobramento da axuda á entidade colaboradora, tal e como prevé o artigo 42.3 do Regulamento de subvencións da Comunidade Autónoma, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, autorización que consta no formulario de solicitude de axuda.

c) Co fin de que Agader tramite o aboamento da axuda ás entidades colaboradoras, deberán presentar a seguinte documentación:

1º. Certificación da entidade colaboradora das conexións dadas de alta, cunha relación detallada por beneficiario en que se inclúan os seguintes datos:

– Código de expediente.

– Número, importe e data da primeira factura.

2º. Certificado asinado polo instalador de ter realizado a instalación e comprobado o correcto funcionamento do servizo contratado por cada beneficiario.

3º Copia en soporte informático, en formato PDF ou calquera outro que se indique no convenio da primeira factura emitida a cada beneficiario e, cando proceda, do xustificante acreditativo do ingreso polos beneficiarios do importe que se aboará da primeira factura.

4º. Solicitude de pagamento da subvención pola entidade colaboradora, segundo modelo que facilitará Agader.

d) Agader poderá solicitar da entidade colaboradora ou do beneficiario calquera información complementaria que poida considerar para comprobar a adecuada xustificación material e formal da execución da actuación.

e) Comprobada a documentación e o proceso, se procede, Agader realizará periodicamente propostas de pagamento polo total da subvención concedida para reintegrar ás entidades colaboradoras os importes das axudas anticipadas por estas.

Estas contías que ingresará Agader mediante transferencia bancaria ás entidades colaboradoras non supoñen ningún tipo de subvención ás devanditas entidades, senón que é unha subvención aos beneficiarios finais.

f) Para o pagamento das axudas aprobadas por parte de Agader ás entidades colaboradoras, en referencia á acreditación por parte dos beneficiarios de atoparse ao corrente das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autónoma así como coa Seguridade Social, haberá que aterse ao disposto no artigo 51.Un. i) e l) da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, sobre a exención do trámite no caso de axudas con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital, destinadas a familias e institucións sen fins de lucro, cando non superen os 3.000 euros individualmente e ás axudas que se concedan con cargo ao artigo 77 do orzamento de gastos, cando non superen por beneficiario e axuda o importe de 1.500 euros.

Artigo 14. Actuacións de comprobación e control

Agader realizará os controis administrativos e sobre o terreo previstos no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e da condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada e a axeitada realización das actuacións subvencionables.

Así mesmo, os beneficiarios someteranse ás actuacións de comprobación e control que poidan realizar os órganos de control autonómicos, estatais e comunitarios.

Artigo 15. Incumprimentos e obrigas de reintegro

De acordo co artigo 5 do Regulamento (CE) nº 65/2011, do 27 de xaneiro, procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o momento da notificación da obriga de reembolsamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En particular, será causa de perda da subvención a non permanencia en alta no servizo da internet polo beneficiario durante o prazo mínimo dun ano. Neste caso, Agader exixirá a devolución do importe da subvención ao beneficiario.

Para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do presente réxime de axudas poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante Agader, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Obrigas de publicidade

Dado que os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, son de contía inferior a 3.000 euros, non será necesario a publicación no DOG, podendo substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web de Agader, segundo o disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007.

Artigo 18. Protección de datos

Agader velará polos datos de carácter persoal incorporados a este procedemento administrativo e haberá que aterse ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na súa normativa de desenvolvemento. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros agás de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega.

Artigo 19. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, haberá que aterse ao disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Ao tratarse de axudas cofinanciadas con Feader, será de aplicación o Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader e a súa normativa de desenvolvemento.

missing image file
missing image file
missing image file