Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 28 de xuño de 2012 Páx. 25787

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se realiza a publicidade do Acordo do 5 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no cal se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación da concesión de explotación O Castelo, número 6944, no concello de Carral (A Coruña), promovido por Canarga, S.L.

Visto o artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro (Diario Oficial de Galicia nº 188, do 25 de setembro), de avaliación de impacto ambiental para Galicia, a xefa territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña

RESOLVE:

Dar publicidade mediante esta resolución ao Acordo do 5 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación da concesión de explotación O Castelo, nº 6944, no concello de Carral (A Coruña), promovido por Canarga, S.L., e que se transcribe como anexo a esta resolución.

A Coruña, 23 de abril de 2012

Susana Mª Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña

ANEXO

Declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación da explotación na concesión derivada O Castelo nº 6944.1, concello de Carral (A Coruña), promovido por Canarga, S.L.

No 23 de outubro de 2009 ten entrada na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o estudo ambiental do proxecto de referencia con obxecto de proceder ao trámite ambiental correspondente.

Dado que o artigo 3 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei ambiental de proxectos, establece a obrigatoriedade de someter á avaliación de impacto ambiental os proxectos consistentes na realización de obras, instalacións ou actividades comprendidas no seu anexo I, atopándose a actividade obxecto do proxecto entre as que figuran nel (en concreto, grupo 2 punto a.9º), procedeuse a cualificalo como sometido a avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2, do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, con data do 24 de xuño de 2010 (DOG nº 119), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas somete a información pública o estudo de impacto ambiental, sen que conste a presentación de alegacións.

Durante o período de consultas solicítanse informes ás direccións xerais de Industria, Enerxía e Minas, do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, de Sostibilidade e Paisaxe, de Montes e de Produción Agropecuaria, á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, ao organismo de bacía, ao Concello de Carral, á Sociedade Galega de Historia Natural e á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

No 2 de febreiro de 2011 ten entrada nesta consellería, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, o expediente que inclúe os resultados de exposición pública e os informes da Xefatura Territorial de Industria da Coruña, das direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, de Sostibilidade e Paisaxe, de Montes e de Produción Agropecuaria, de Augas de Galicia e do Concello de Carral, e o 15 de febreiro de 2011 o informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Tendo en conta o informe desfavorable emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, dentro do período de consultas do presente procedemento administrativo de avaliación de impacto ambiental, esta secretaría xeral emite, con data do 14 de marzo de 2011, declaración ambiental non viable en tanto non se obteña a preceptiva compatibilidade urbanística. Neste sentido ten entrada nesta consellería, en data 16 de febreiro de 2012 e remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, un anexo á documentación en que se renuncia á ocupación da zona incompatible co planeamento urbanístico e novo informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo favorable ao resto da superficie afectada polo proxecto.

Cumprida a tramitación administrativa do expediente, analizada a documentación e tidos en conta os informes recibidos, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación da explotación na concesión derivada O Castelo, nº 6944.1.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Innovación e Industria e o órgano ambiental a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ambas da Xunta de Galicia.

Declaración de impacto ambiental

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente declaración, ademais das incluídas na documentación avaliada, prevalecendo sempre os documentos máis recentes, e tendo en conta que, no caso de que exista contradición, prevalecerá o disposto na presente DIA.

I. Ámbito da declaración

A presente declaración refírese en exclusiva aos labores extractivos que se levarán a cabo sobre unha superficie de 72.713,87 m² coa demarcación e coordenadas que se indican a seguir. En todo caso, non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida na documentación ou na presente declaración.

Para explotar outras áreas dentro da concesión, será preciso revisar a presente declaración ou emitir unha nova.

Coordenadas nova zona de extracción

X

Y

A

549402,11

4785280,09

B

549403,53

4785373,31

C

549409,20

4785408,38

D

549478,32

4785566,62

E

549681,03

4785587.22

F

549772,12

4785503,44

G

549649,64

4785370,09

H

549607,45

4785331,68

I

549550,93

4785300,52

II. Condicións xerais

Serán de aplicación, segundo proceda, as seguintes:

1. Atmosfera.

1.1. Os niveis de po e gases medidos nas vivendas máis próximas á zona de explotación non superarán os límites para partículas sedimentables establecidos polo Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, sobre a mellora da calidade do aire en relación co dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono.

1.2. Os niveis de presión sonora nas vivendas máis próximas á zona de explotación non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos na lexislación vixente de protección contra a contaminación acústica, así como, se for o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.

2. Augas.

2.1. As augas pluviais que incidan directamente sobre a explotación serán conducidas ao sistema de decantación, e prohíbese vertelas directamente.

2.2. Procederase á limpeza periódica das balsas de decantación con obxecto de manter a súa funcionalidade, e sempre que a altura entre a camada de sedimentos e a lámina libre de auga sexa inferior a 1 m. Os lodos empregaranse na restauración e constitución a primeira camada do perfil artificial que se prevexa. O almacenamento destes realizarase en zonas habilitadas para o efecto.

2.3. O promotor deberá contar coa preceptiva autorización de vertedura e/ou captación outorgada polo órgano de bacía.

3. Solo.

3.1. A terra vexetal, mentres permaneza amoreada, non poderá ser mesturada cos lodos procedentes das balsas de decantación nin con ningún tipo de residuos ou entullos. Todos os residuos xerados se xestionarán conforme a lexislación vixente de aplicación, en función da súa natureza.

3.2. Os labores de mantemento da maquinaria que non se leven a cabo nun taller autorizado efectuaranse nunha zona delimitada e acondicionada para o efecto. Os residuos producidos recolleranse e entregaranse a un xestor autorizado.

4. Vexetación e fauna.

4.1. Respectarase sistematicamente a vexetación existente no contorno compatible coas labores de explotación.

4.2. No caso de empregar pantallas vexetais de ocultación e para evitar a linearidade, realizarase a plantación en triángulo. Ademais debe cumprir coa súa función desde o primeiro momento, polo que a altura das especies que se empreguen será como mínimo de 1,5 m. Se algunha das árbores que a conforman non prender ou deixar de cumprir a súa función, deberá ser substituída inmediatamente por outra.

4.3. Na coroación dos noiros e durante a fase de explotación instalarase un peche de protección de malla metálica de tipo cinexético que impida a caída de animais, cunha altura non inferior a 1,50 m, e a luz de malla na parte xunto ao chan será o suficientemente pequena para impedir o paso de fauna de pequeno tamaño; prohíbese en calquera caso o emprego de arame de pugas. O peche manterase en perfecto estado ata que rematen os labores de restauración, momento en que será retirado.

4.4. Os traballos de maior impacto deberanse executar nas épocas que non coincidan coas de cría das especies máis sensibles.

5. Patrimonio arqueolóxico.

5.1. Os xacigos arqueolóxicos e o seu ámbito de protección quedarán excluídos das zonas previstas para o desenvolvemento dos labores.

5.2. Para evitar calquera tipo de afección sobre o patrimonio cultural, sinalizaranse nos planos de labores empregados pola empresa os elementos do devandito patrimonio e as súas áreas de protección.

6. Restauración.

6.1. Sempre que o desenvolvemento dos labores o permita, procederase a restaurar as zonas xa explotadas e abandonadas.

6.2. A dose de sementes que se empregarán na hidrosementeira será de 300 kg/ha como mínimo, que se pode reducir na sementeira das zonas chans ou de escasa pendente. As sementes corresponderán a plantas de tipo herbáceo e arbustivo que teñan carácter rústico, para garantir a implantación e abundante cobertura, cunha baixa dependencia hídrica. Nunca se empregarán sementes de plantas exóticas ou invasoras.

6.3. Todas as árbores e/ou sementes que se empreguen reunirán as condicións suficientes de pureza, potencia xerminativa e ausencia de pragas e enfermidades que garantan o éxito da revexetación.

6.4. Canto á procedencia das especies arbóreas que se vaian empregar na revexetación, á parte de empregar especies e variedades da contorna, deberá terse en conta o disposto na Orde do 17 de marzo de 2005 da Consellería de Medio Ambiente, pola que se aproba a delimitación e a determinación dos materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución de diversas especies no territorio da comunidade de Galicia.

6.5. No que respecta ao sistema de drenaxe e valos perimetrais, procederase ao seu recheo e desmantelamento, no caso de abandono de labores, así como ao peche e restauración das pistas interiores xunto coas súas correspondentes cunetas.

6.6. No caso de que resulte deficitaria a cantidade de terra vexetal necesaria para a restauración, poderá substituírse por solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Instrución técnica de residuos 01/08, do 8 de xaneiro). No caso de que co seu emprego non se acaden os obxectivos previstos na restauración, a devandita terra vexetal deberá provir de almacéns autorizados.

6.7. Procederase á rega regular, á fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira daquelas superficies en que se observe a existencia de calvas e/ou marras, ata que se asegure a viabilidade da revexetación con obxecto de manter a densidade de plantación prevista.

7. Outras.

7.1. A presente declaración non exime o promotor de obter todas as autorizacións e/ou licenzas que se precisen, quedando obrigado a cumprir todas as disposicións que se diten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades. No entanto, calquera condicionante que, a raíz das necesarias autorizacións, modifícase a execución do proxecto con respecto ao desenvolvemento previsto na documentación técnica considerada para a emisión da presente declaración requirirá, cando menos, a revisión desta última.

7.2. O promotor poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na explotación, e sempre que as novas medidas propostas permitan acadar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, presentando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e a documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ao promotor, quen non poderá comezar os traballos de explotación antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral para o efecto.

7.3. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicións adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan no desenvolvemento da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non consi-derado actualmente.

7.4. Se os plans de labores anuais reflectiren un desenvolvemento distinto ao previsto no proxecto ou a revisión aos 5 anos do plan de restauración supuxese cambios substanciais do previsto nel, comunicarase a esta secretaría xeral con obxecto de revisar e, se procede, modificar o condicionado da presente declaración.

7.5. O órgano substantivo comunicará ao órgano ambiental a data de comezo da explotación e, no primeiro trimestre de cada ano natural, remitirá á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental un informe sobre o grao de cumprimento da presente declaración.

III. Condicións específicas

1. Patrimonio arqueolóxico.

1.1. Dentro da área de protección do xacigo arqueolóxico da Mámoa de Pousares (GA15021011), constituída, de acordo co artigo 30 das NNCCSS (DOG nº 73, do 16 de abril de 1991) por unha franxa de 200 m de raio medidos desde o límite exterior do ben, só poderán levarse a cabo as obras previstas na documentación. Calquera obra non conside-rada no proxecto que afecte esa área de protección deberá contar con informe favorable da Consellería de Cultura.

missing image file