Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 26 de xuño de 2012 Páx. 25375

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 13 de xuño de 2012 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra para a Dinamización do Produto Turístico dos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade, Barro e Campo Lameiro.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiu á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

O Pleno do Concello de Barro na sesión do 25 de marzo do 2010 adoptou co quórum da maioría absoluta legal iniciar o procedemento de separación da Mancomunidade Terras de Pontevedra para a dinamización do produto turístico.

O Pleno da Mancomunidade, na sesión do 23 de marzo de 2011, aprobou por unanimidade, entre outros, os seguintes acordos: o cambio de denominación da Mancomunidade Terras de Pontevedra, excluíndo del o concello de Barro, así como a separación do devandito concello da entidade supramunicipal e a modificación dos estatutos desta, que figura como anexo a esta orde.

O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP de Pontevedra nº 76, do 19 de abril de 2011, período no cal non se presentaron alegacións.

Con data do 5 de maio de 2011 e 10 de maio de 2011 emitíronse, respectivamente, informes favorables da Dirección Xeral de Administración Local e da Deputación Provincial de Pontevedra, en relación á modificación dos estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra.

Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da Mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación de dita modificación.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1º.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.

Publicar a modificación da nova redacción dos Estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra para a dinamización do produto turístico.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra para a Dinamización do Produto Turístico
Estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Constitución e ámbito territorial

1. De conformidade co previsto no artigo 44 da vixente Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no artigo 135 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, constitúese unha mancomunidade voluntaria.

2. Constitúe o ámbito territorial da mancomunidade os termos municipais de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro, todos eles da provincia de Pontevedra.

3. A Mancomunidade terá plena personalidade e capacidade xurídica, e rexerase polos presentes estatutos, polas mencionadas leis, os seus regulamentos e normas complementarias, tanto da lexislación estatal como da autonómica.

Artigo 2. Denominación e sede

A Mancomunidade denominarase Mancomunidade Terras de Pontevedra dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro, e a súa sede radicará no concello da corporación da cal sexa membro o seu presidente.

CAPÍTULO II
Fins da mancomunidade

Artigo 3. Dos fins da mancomunidade

Os fins da mancomunidade, no seu ámbito territorial, serán:

a) A xestión dos plans de dinamización do produto turístico que afecten os municipios que a integran.

b) A xestión de plans e proxectos turísticos de natureza semellante á anterior.

c) O fomento e a promoción, en xeral, da actividade turística nos concellos que integran a Mancomunidade, sempre que afecten máis dun municipio dos que a integran.

Artigo 4. Das competencias

1. De acordo cos fins que ten que cumprir na súa calidade de Administración pública, corresponde á mancomunidade, dentro do seu ámbito de competencia e de conformidade co disposto na lexislación de réxime local, exercer as potestades atribuídas no artigo 4.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no artigo 6.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A potestade tributaria referirase, exclusivamente, ao establecemento de taxas e contribucións especiais.

3. A potestade expropiadora será exercida polo municipio ou provincia por petición e en beneficio da mancomunidade.

4. En xeral, e dentro da legalidade e do seu ámbito competencial, a mancomunidade pode posuír, adquirir, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens, e formalizar contratos, establecer e explotar servizos e realizar calquera acto necesario para o cumprimento dos seus fins.

Capítulo III
Organización e atribucións

Artigo 5. Dos órganos de goberno

Os órganos de goberno da mancomunidade son:

a) Pleno da Mancomunidade.

b) Presidente.

c) Vicepresidente.

Artigo 6. Do Pleno da Mancomunidade

1. O Pleno da Mancomunidade, órgano supremo do goberno e administración desta, estará integrado por once membros, que representan tres ao concello de Pontevedra, dous a cada un dos concellos de Marín e Poio e un a cada un dos concellos de Vilaboa, Ponte Caldelas, Cotobade e Campo Lameiro.

2. Os representantes dos concellos e, se for o caso, os respectivos suplentes, serán elixidos polo Pleno da Corporación respectiva en cada mandato. Cada concello elixirá titulares e suplentes. Estes últimos actuarán para os casos de vacante, ausencia ou enfermidade dos titulares.

3. Son atribucións do Pleno da Mancomunidade as previstas no artigo 123 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local.

4. O Pleno, a Presidencia e a Vicepresidencia da Mancomunidade renovaranse coa mesma periodicidade que as corporacións locais, proceso que se levará a cabo dentro do mes seguinte ao da correspondente constitución das novas corporacións.

Artigo 7. Dos membros do Pleno

Corresponden aos membros do Pleno da Mancomunidade os dereitos e deberes seguintes:

a) Recibir, cunha anticipación mínima de dous días, a convocatoria en que se conteña a orde do día das reunións. Os expedientes sobre os temas que figuren nela estarán á súa disposición por igual prazo.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido deste e os motivos que o xustifican.

d) Formular rogos e preguntas.

e) En xeral, e unha vez que tome posesión do seu cargo, todos os que establece a lexislación de réxime local.

Artigo 8. Do presidente e do vicepresidente

1. O presidente e o vicepresidente serán elixidos polo Pleno da Mancomunidade en sesión extraordinaria de entre os seus membros sen que poidan pertencer ao mesmo municipio. Para ser elixido será necesario ter a condición de alcalde e obter un número de votos non inferior á metade máis un do número legal de votos do Pleno da Mancomunidade.

2. A moción de censura ao presidente rexerase polo disposto na lexislación electoral xeral.

3. Ao presidente, dentro do ámbito competencial da Mancomunidade, correspóndenlle as atribucións asignadas ao alcalde no artigo 124 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e as que o artigo 127 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, atribúe á xunta de goberno nos municipios de gran poboación. En especial correspóndenlle as seguintes atribucións:

a) A representación legal da Mancomunidade.

b) Todas as relacionadas co réxime de sesións.

c) Publicación de acordos, execución e suspensión de acordos.

d) Xestión orzamentaria.

e) Ordenación de pagamentos.

f) Rendición e publicación de contas.

g) Todas as relativas a contratación.

4. O vicepresidente substitúe o presidente, coas mesmas facultades, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 9. Do secretario, interventor e tesoureiro

1. No cadro de persoal e na relación de postos de traballo da mancomunidade fixaranse as prazas e postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a habilitados de carácter estatal que serán exercidas por estes funcionarios de acordo co sistema de provisión previsto no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal.

2. No caso de que a consellería competente da Xunta de Galicia exima a mancomunidade da obriga de manter os postos reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal, as funcións reservadas aos habilitados estatais serán exercidas por funcionarios de habilitación estatal dalgún dos municipios que integran a mancomunidade conforme as seguintes regras:

a) O secretario, interventor e tesoureiro serán designados por unanimidade dos asistentes ao Pleno da Mancomunidade. No caso de non conseguir unanimidade, serán desempeñados polo secretario, interventor e tesoureiro do concello do presidente da Mancomunidade.

b) Son funcións do secretario, interventor e tesoureiro as previstas na Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, e no R.D. 1174/1987, de réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación nacional.

CAPÍTULO IV
Funcionamento e réxime xurídico

Artigo 10. Do goberno e de administración

O goberno e a administración da Mancomunidade corresponden ao Pleno, ao seu presidente e ao seu vicepresidente.

Artigo 11. Do réxime xurídico

1. O réxime xurídico da Mancomunidade axustarase, dentro das súas singularidades, ao disposto nos presentes estatutos, ás normas contidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local para os municipios de gran poboación e supletoriamente para os municipios de réxime común, e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. En todo caso, na Mancomunidade non existirán comisións informativas. Por tanto, os acordos do Pleno non requiren ditame previo de comisión informativa ningunha. Non obstante, mediante acordo de Pleno permítese a existencia dunha comisión informativa exclusivamente para os asuntos relacionados coa conta xeral.

Artigo 12. Dos dereitos e deberes dos concellos

1. Son dereitos e deberes dos concellos mancomunados:

a) Participar na xestión da Mancomunidade de acordo co disposto nestes estatutos.

b) Recibir información directa dos asuntos que sexan do seu interese.

c) Presentar propostas de actuación no ámbito das materias de competencia da mancomunidade.

d) Consultar a documentación dos arquivos e rexistro da mancomunidade.

e) Intervir nas sesións dos órganos da mancomunidade, con voz e voto, a través dos seus representantes lexítimos, e nos supostos específicos que determinen os estatutos.

f) Consignar nos seus orzamentos as cantidades necesarias para atender, nos sucesivos exercicios, os gastos ordinarios e demais obrigas derivadas dos compromisos contraídos coa Mancomunidade.

g) Contribuír puntualmente coas achegas que correspondan a cada un no Plan de Dinamización Turística ou doutros que se teñan acordados validamente.

2. Transcorrido o prazo para o ingreso de contribucións dos concellos mancomunados, o presidente da Mancomunidade poderá dirixirse á Xunta de Galicia para a retención dos fondos do concello debedor e o seu ingreso na facenda da Mancomunidade.

CAPÍTULO V
Réxime económico

Artigo 13. Da facenda da Mancomunidade

1. Para a realización dos seus fins, a mancomunidade contará cunha facenda propia integrada por:

a) Taxas pola prestación de servizos.

b) Os prezos públicos.

c) As contribucións especiais para a execución de obras ou para o establecemento, ampliación ou mellora dos servizos da súa competencia.

d) Os ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado

e) As subvencións e transferencias.

f) O produto das operacións de crédito.

g) O produto de multas e sancións no ámbito da súa competencia.

h) As achegas dos concellos mancomunados, tal como se establece nestes estatutos.

i) Os donativos ao seu favor.

2. Serán de aplicación á mancomunidade, respecto dos ingresos antes enumerados, as disposicións do texto refundido da Lei de facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Artigo 14. Achegas dos municipios integrantes da Mancomunidade

1. Os concellos integrantes da Mancomunidade comprométense a consignar, nos seus respectivos orzamentos, as cantidades necesarias para satisfacer as obrigas e compromisos económicos contraídos por ela, nas porcentaxes que se establecen no anexo I dos presentes estatutos.

2. Son achegas ordinarias de cada concello dos que compoñen a Mancomunidade as destinadas a atender os gastos de mantemento, funcionamento e explotación do servizo que se pretende instalar.

3. Son achegas extraordinarias de cada concello as destinadas a gastos de primeiro establecemento ou de ampliación de instalacións, así como as necesarias para satisfacer as achegas anuais das operacións de crédito, de ser o caso.

Artigo 15. Do orzamento da mancomunidade

O Pleno da Mancomunidade formará e aprobará anualmente o seu orzamento, de conformidade coas disposicións do texto refundido da Lei de facendas locais e demais normas legais de aplicación.

CAPÍTULO VI
Do persoal

Artigo 16. Do cadro de persoal e postos de traballo

1. Para o desenvolvemento das funcións, o Pleno da Mancomunidade aprobará anualmente, a través do orzamento, o cadro de persoal, que ten que comprender todos os postos de traballo reservados a funcionarios, persoal laboral e eventual, de acordo coas normas reguladoras do persoal e servizos dos entes locais.

2. O Pleno da Mancomunidade determinará, de ser o caso, o modo de provisión e alcance da dedicación dos postos de traballo que se compartan con algún concello mancomunado.

3. Mentres a Mancomunidade non teña persoal propio funcionará co persoal dos concellos mancomunados que voluntariamente acepten prestar servizos extraordinarios nela. O Pleno resolverá sobre as retribucións e gratificacións que percibirá este persoal.

4. A Mancomunidade poderá, se o considera oportuno, nomear un xerente, cuxo réxime se axustará ao seguinte:

a) O xerente será nomeado e, se for o caso, cesado libremente polo presidente da mancomunidade en calquera momento.

b) O xerente terá a consideración de órgano directivo.

c) O nomeamento deberá efectuarse entre funcionarios de carreira ou persoal laboral ao servizo dos entes públicos ou profesionais do sector privado. Os profesionais do sector privado deberán acreditar unha experiencia de 5 anos no ámbito do turismo ou no ámbito de postos de dirección de empresas. En todo caso, a titulación mínima requirida será a de licenciatura, diplomatura ou grao.

d) A determinación e modificación das condicións retributivas do xerente será establecida polo Pleno da Mancomunidade.

e) A selección da xerente realizarase atendendo a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade.

f) Se o xerente ten a consideración de funcionario público de carreira, formalizará un documento de toma de posesión do cargo. Se o xerente non ten a consideración de funcionario de carreira formalizará un contrato laboral de alta dirección, coas peculiaridades recollidas nestes estatutos e na lexislación administrativa sobre órganos directivos.

g) As funcións do xerente serán as que determine o presidente e, en todo caso, as seguintes:

1. Dirixir e supervisar as actividades da mancomunidade.

2. Desenvolver a xestión económica conforme o orzamento vixente.

3. Impulsar a súa actividade dentro das directrices emanadas dos restantes órganos dela.

4. Subscribir a documentación da mancomunidade necesaria para a execución de acordos e resolucións e conformar as certificacións, liquidacións e recepcións de obras, servizos, subministracións e contratos en xeral, así como os gastos derivados do seu funcionamento, sen prexuízo das aprobacións que correspondan aos órganos da mancomunidade.

5. Elaborar propostas de disposicións, acordos e convenios.

6. Avaliación dos servizos da súa competencia.

7. Asumir e exercer aquelas competencias que lle delegue o presidente da Mancomunidade mediante resolución deste, que será publicada no BOP, sen prexuízo de que produza efectos desde a data dela, salvo que se dispoña outra cousa na resolución de delegación.

Para estes efectos son delegables no xerente aquelas competencias que o son nos municipios de gran poboación nos concelleiros e/ou directores xerais.

CAPÍTULO VII
Termo de vixencia, modificación e disolución da Mancomunidade

Artigo 17. Da duración

A Mancomunidade terá un prazo de vixencia indefinido.

Artigo 18. Da modificación dos estatutos

1. Estes estatutos poderán ser modificados, mesmo no que respecta aos fins da Mancomunidade, seguindo o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, ou norma legal que a substitúa.

2. No suposto de que un concello decida unilateralmente a separación da Mancomunidade observarase o disposto no artigo 143.3 e normas concordantes.

Artigo 19. Da disolución da Mancomunidade

1. A Mancomunidade poderá disolverse:

a) Por imposibilidade legal ou material de cumprir as súas finalidades.

b) Por acordo expreso de todos os concellos que forman parte dela.

2. O procedemento que se debe seguir para a disolución será o previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, cos efectos do artigo 144 da lei citada.

Artigo 20. Da liquidación do patrimonio

Ao disolverse a mancomunidade, o seu patrimonio reverterá nos concellos mancomunados por partes proporcionais á súa achega.

Disposición transitoria primeira

Dentro do mes seguinte ao da publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia, o alcalde do municipio en que radique a sede provisoria da mancomunidade convocará todos os representantes dos municipios mancomunados para realizar sesión extraordinaria para os efectos de resolver sobre os seguintes puntos:

a) Elección do presidente e do vicepresidente.

b) Designación do secretario, interventor e tesoureiro.

c) Periodicidade das sesións.

Disposición transitoria segunda

A sesión constitutiva será presidida, ata o momento da elección e toma de posesión do presidente elixido, polo presidente da comisión xestora convocante, asistido polo secretario da comisión xestora.

Disposición transitoria terceira

O primeiro mandato do pleno, presidente e vicepresidente, desde a constitución da Mancomunidade, finalizará coas primeiras eleccións municipais que teñan lugar.

ANEXO I

Distribución de achegas obrigatorias:

Concello

Poboación INE 2005

Achega %

Pontevedra

79.372

54,65

Marín

26.103

16,49

Poio

14.889

10,31

Ponte Caldelas

6.615

6,19

Vilaboa

5.947

5,15

Cotobade

4.658

4,12

Campo Lameiro

2.166

3,09

Sumas

139.750

100,00