En relación coa modificación puntual do Plan especial de protección do núcleo histórico de Combarro na rúa San Roque, 71 e na rúa do Mar, 46 do dito lugar, a Xunta de Goberno Local, na sesión realizada o día 26 de marzo de 2012, adoptou o acordo número 10122 no cal se acordou o que segue:
Primeiro. Prestar aprobación inicial á modificación puntual do Plan especial de protección do núcleo histórico de Combarro, promovida polo Concello de Poio, segundo o proxecto redactado polo arquitecto Rodrigo Currás Torres, visado polo Colexio Oficial de Arquitectos con data do 4 de agosto de 2011.
Segundo. Someter o expediente a información pública durante un prazo máximo de dous meses mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión do ámbito provincial. Igualmente procederase de forma simultánea a practicar notificación individualizada do presente acordo a quen apareza como titular do inmoble no catastro inmobiliario. Durante o mesmo prazo, así mesmo, solicitaranse os informes sectoriais que resulten preceptivos.
Polo tanto, sométese a dita modificación puntual a información pública durante o prazo de dous meses, contados a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. O expediente poderá examinarse na oficina de Urbanismo do concello e poderán presentarse as alegacións ou reclamacións que se consideren oportunas durante o dito prazo, de conformidade co disposto no artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (última modificación: Lei 2/2010, do 25 de marzo).
Poio, 9 de abril de 2012
Luciano Sobral Fernández
Alcalde