Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2012 Páx. 24803

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Fene

ANUNCIO da convocatoria da XXX edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor.

A Alcaldía mediante Resolución 365 de 13 de abril de 2012 procedeu á aprobación das bases que rexerán a convocatoria da XXX edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor, que transcritas literalmente din:

«Réxime xurídico.

Esta convocatoria rexerase polo disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións e polo resto de lexislación que lle resulte aplicable.

A presente convocatoria efectúase de conformidade coa Ordenanza xeral de subvencións do Concello de Fene, aprobada polo Pleno en sesión do 30 de marzo de 2007 e publicada no BOP número 135, do 15 de xuño.

Consideracións xerais.

Primeira. O premio estará dotado con 12.020 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 334/48000 do orzamento do 2011, prorrogado.

Segunda. Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.

Terceira. As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.

Cuarta. As obras presentadas terán que ser inéditas.

Quinta. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Fene, avenida de Naturais, 44, entresollado, 15500 Fene, facendo constar no exterior «Para o XXX Premio Blanco Amor». Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.

Sexta. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 28 de setembro de 2012. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de novembro de 2012.

Sétima. O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Fene, estará composto por cinco membros que serán: editores/as, libreiros/as, escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.

Oitava. O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.

Novena. O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.

Décima. A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.

Décimo primeira. A entrega do premio terá lugar nos meses de novembro/decembro de 2012, nun acto público que se convocará oportunamente.

Décimo segunda. O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.

Décimo terceira. Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora».

Fene, 13 de abril de 2012

Gumersindo Pedro Galego Feal
Alcalde