Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 20 de xuño de 2012 Páx. 24509

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se fai público o lugar e a data de realización do terceiro e o cuarto exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na clase de inspector médico, persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

A Resolución da Dirección de Recursos Humanos, do 27 de xullo de 2010, pola que se convoca concurso-oposición libre para o ingreso en diversas clases de persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, prevé no número 3 da base sexta que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar e á hora que se fixe nunha resolución da autoridade convocante, que terá que publicarse no Diario Oficial de Galicia, polo que este centro directivo

RESOLVE:

Primeiro. Convocar os/as aspirantes que superaron o segundo exercicio de oposición para o ingreso na clase de inspector médico, para a realización do terceiro e cuarto exercicio da fase de oposición, o 27 de xuño de 2012, ás 10.00 horas, na Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa Madrid nº 2-4 de Santiago de Compostela.

O cuarto exercicio deberán realizalo aqueles aspirantes que, tendo superado o segundo exercicio, figuren como non exentos na listaxe publicada en execución da Resolución do 8 de setembro de 2011, da Dirección de Recursos Humanos (DOG nº 130, do 7 de xullo).

Segundo. Os/as aspirantes terán que ir provistos necesariamente do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade e de bolígrafo azul ou negro.

Para a realización deste exercicio, os/as aspirantes poderán utilizar toda clase de textos que se consideren axeitados sempre que non sexan comentados.

Queda prohibido o acceso ao lugar de realización dos exames con aparellos de telefonía móbil ou soportes con memoria, e será causa de inadmisión ao chamamento a tenza daqueles. Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

Terceiro. Os/as aspirantes serán convocados/as aos exercicios nun único chamamento, e serán excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan.

No marco das previsións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, permitirase ás mulleres embarazadas que se encontren ingresadas no mesmo día do exame facer os exercicios terceiro e cuarto da fase de oposición.

Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nesta resolución, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, desprazarase ao centro sanitario unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que previamente o xustificaran e solicitaran no fax da Dirección de Recursos Humanos 881 54 28 18, ata as 48 horas anteriores á hora fixada para a realización do exercicio.

Cuarto. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos no número 3 da base oitava da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012

Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos