Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 20 de xuño de 2012 Páx. 24485

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2012, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se amplía o crédito inicial das axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

A Resolución do 7 de marzo de 2012, que regula as axudas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego publicada no DOG nº 54, do 16 de marzo, establece as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión destas subvencións.

O artigo 4 da convocatoria desta resolución identifica a contía inicial dos créditos destinados a financiar as axudas, sen prexuízo de posteriores modificacións orzamentarias. Así, existindo dotacións dispoñibles para esta finalidade, cómpre ampliar o importe dos créditos inicialmente asignados coa finalidade de manter esta acción de fomento en niveis adecuados.

Polo exposto e tendo en conta as áreas de competencia adscritas funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia, artigo único, punto 3 e disposición transitoria segunda do Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Ampliar o importe da contía máxima dos créditos destinados a dar cobertura orzamentaria á Resolución do 7 de marzo de 2012 pola que se establecen axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego en cincocentos mil euros (500.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.151A.470.0, de forma que o importe total será de cincocentos corenta e un mil trescentos corenta e un euros (541.341 €).

Segundo. A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Alfonso Cabaleiro Durán
Secretario xeral de Medios