Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 19 de xuño de 2012 Páx. 24028

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE de 8 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con lousa, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (código de procedemento IN314A).

A lousa é un produto natural cuxas características excepcionais (impermeabilidade, incombustibilidade, alto grao de inalterabilidade tanto na cor coma na súa composición, resistencia mecánica, durabilidade e capacidades illantes), a converten nun elemento de primeira orde para o seu uso como material de cubrición.

Así mesmo, a súa exfoliabilidade posibilita a súa elaboración en placas de moi variados tamaños e formatos comerciais con que satisfacer as exixencias das diferentes construcións.

Por outra banda, o vixente código técnico de edificación establece unha serie de requisitos con obxecto de cumprir as exixencias básicas de aforro de enerxía nos edificios. Neste senso, a lousa destaca sobre outros materiais de cubrición pois ten un coeficiente de transmisión térmica moi baixo que, sumado á súa montaxe con cámara de aire ou con materiais illantes, ofrece unha gran resistencia térmica e contribúe á redución dos consumos enerxéticos.

Neste marco, a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia considera do máximo interese potenciar as actuacións de renovación de cubertas con lousa que leven consigo, ademais, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética en Galicia.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con lousa en vivendas unifamiliares e edificios de vivendas sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

Artigo 2. Solicitudes. Lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación desta orde no DOG e rematará cando se esgoten os fondos económicos consignados. En todo caso, finalizará o 15 de xullo de 2012.

3. Non obstante, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

4. As solicitudes, en formato papel, presentaranse preferentemente no rexistro dos servizos centrais da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

5. Tamén poderán presentarse as solicitudes ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do solicitante, cumprindo os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, segundo o establecido nos artigos 21 e 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es. Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– O/a presentador/a deberá posuír algún dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda.

c) Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Cando a solicitude se presente a través do rexistro electrónico os documentos que acompañan aos formularios normalizados da solicitude, segundo o establecido no artigo 5 das bases reguladoras, achegaranse en copias dixitalizadas anexados á solicitude.

7. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para tal efecto, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptará tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito enviando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá encontrar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN314A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es

b) Os teléfonos da devandita dirección xeral: 981 95 70 92 ou 981 95 72 59.

c) O enderezo electrónico: cei.dxiem.axudasminas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con lousa (código de procedemento IN314A).

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a renovación de cubertas con lousa en vivendas unifamiliares e edificios de vivendas, co fin de acadar melloras significativas na demanda enerxética dos edificios co conseguinte aforro en termos económicos.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

1. A actuación subvencionable será a renovación de cubertas de vivendas ou edificios de vivendas por unha cuberta de lousa.

2. A renovación ten que cumprir ou mellorar as exixencias mínimas que fixa o Código técnico da edificación no documento «DB HE-1 Limitación da demanda enerxética».

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados, e efectivamente pagados, entre o 1 de xaneiro de 2012 e a data de xustificación establecida no artigo 15.

Consideraranse custos subvencionables aqueles gastos que se xeren e que sexan directamente imputables ás actuacións de renovación de cubertas, en concreto:

– Custos de materiais das novas cubertas de lousa. A lousa pertencerá na súa calidade comercial a primeira selección.

– Custos de desmontaxe das cubertas existentes.

– Custos de montaxe das novas cubertas de lousa.

– Custos de proxectos de arquitectura ou enxeñaría na parte correspondente ás actuacións subvencionables.

– Custos de licenzas.

Custos non subvencionables:

– Os gastos e custos financeiros, como consecuencia do investimento.

– Os gastos realizados en bens usados.

O imposto sobre o valor engadido (IVE) subvencionarase cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse xunto coa solicitude, realizarase conforme os criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

5. Permítese a subcontratación total ou parcial, polo beneficiario das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.734A.780.0 «Achegas para familias e entidades sen ánimo de lucro». O orzamento máximo destinado a esta convocatoria será de 1.561.701,10 euros.

2. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. Para as actuacións incluídas nesta convocatoria, o custo subvencionable máximo será de 70 € por metro cadrado de cuberta. A contía da subvención será do 40% dos custos totais subvencionables (IVE incluído, cando tal imposto sexa subvencionable).

5. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas titulares da vivenda unifamiliar o dun dereito real ou de aluguer que permita acometer as actuacións obxecto das axudas sobre elas e as comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal, sempre que os inmobles se sitúen na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas ou comunidades de propietarios en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica no artigo 2 da convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada:

A. Documentación xenérica:

a) Datos do solicitante, segundo o modelo normalizado do anexo II.

b) No caso de que o solicitante sexa unha persoa física, achegarase:

– DNI do solicitante.

Alternativamente á presentación do DNI, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas, de acordo co disposto nos artigos 2.2 e 3.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

– Documentación acreditativa da titularidade do inmoble, ou dun dereito real sobre el, ou contrato de aluguer, xunto coa autorización da persoa propietaria para realizar as obras.

c) No caso de que o solicitante sexa unha comunidade de propietarios, achegarase:

– Copia compulsada do título constitutivo da propiedade horizontal e, de ser o caso, das súas modificacións onde figure a cota de participación de cada un dos inmobles que a compoñen.

– NIF compulsado da comunidade de propietarios en vigor (non será necesaria a súa compulsa cando conteña o código seguro de verificación que cumpra co disposto no artigo 18.1.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos electrónicos).

Non será necesaria a presentación do NIF cando se autorice o órgano xestor para solicitar telematicamente á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) a acreditación dos datos identificativos fiscais de acordo co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Copia compulsada da acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este punto.

– Copia compulsada das actas onde consten os acordos da xunta de propietarios, coa maioría legalmente establecida, aprobatorios da renovación da cuberta e da solicitude da subvención ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a estes puntos.

d) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, segundo o modelo normalizado do anexo V.

e) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no punto 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo normalizado do anexo V.

f) Declaración expresa de que a cuberta que se renova forma parte dun inmoble destinado a vivenda, segundo o modelo normalizado do anexo V.

g) Documentación técnico-económica, que deberá incluír o seguinte:

– Memoria explicativa segundo o anexo III.

– Cadro de gastos para os cales solicita a subvención segundo o anexo IV.

– Proxecto técnico cando sexa preciso segundo a entidade da obra.

– Reportaxe fotográfica antes da renovación.

h) Cando resulte de aplicación, segundo o indicado no número 4 do artigo segundo, copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da diferente elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, e debe presentar entón as certificacións a que fai referencia este punto.

De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes dos interesados irán acompañadas dos documentos e das informacións determinadas na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e corresponde ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 8. Instrución do procedemento

1. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007 e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes por orde de entrada na unidade tramitadora atendendo ao disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; concedendo a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito. O órgano xestor publicará no DOG e na páxina web da Consellería de Economía e Industria o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa intensidade prevista no artigo 3.4 desta orde, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte.

No caso de coincidencia na data entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atender todas coa intensidade de axuda solicitada, o crédito distribuirase de maneira ponderada entre elas en función da solicitude e respetando o límite de intensidade máxima prevista no artigo 3.4.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.2º resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

– Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

– Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

– Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 9.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI destas bases reguladoras, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Obter todos os permisos e licenzas que se requiran para o desenvolvemento dos traballos obxecto da axuda, así como cumprir cos requisitos establecidos nas normativas de aplicación.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento nas actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Se for o caso, non disolver a comunidade de propietarios ata que transcorra o prazo de prescrición establecido nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, tendo de prazo máximo ata o 15 de novembro de 2012 (inclusive), a documentación sinalada nas seguintes epígrafes, en orixinal ou copia compulsada, non sendo necesario esgotar o prazo máximo.

2. A documentación que se debe presentar como xustificación da realización das actuacións obxecto da subvención será a que se indica a seguir:

a) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme ao indicado na solicitude.

b) Documentación xustificativa do gasto:

– Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (anexo VII).

– As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, emitidas polos provedores en relación coa actuación subvencionada.

– As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro (BOE do 29 de novembro), modificado polo Regulamento aprobado polo Real decreto 87/2005, do 31 de xaneiro (BOE do 1 de febreiro).

c) Documentación xustificativa do pagamento:

– Para cada un dos documentos xustificativos de gasto (transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios), nos que deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o documento xustificativo de gasto obxecto do dito pagamento.

– Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade.

d) Certificación de fin de obra expedida polo técnico responsable no caso de que sexa preceptivo.

e) Acreditación de que a lousa utilizada é de primeira calidade comercial. Esta acreditación poderá ser feita mediante certificado do produtor.

f) Certificación por técnico competente de que se cumpren ou melloran as exixencias mínimas que fixa o Código técnico da edificación no documento «DB HE-1 Limitación da demanda enerxética».

g) Reportaxe fotográfica despois da renovación realizada.

h) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

i) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á titularidade da conta onde se deba realizar o pagamento.

j) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, a Consellería de Economía e Industria requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que conforme á lei correspondan.

4. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á subvención.

Artigo 16. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificaren o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. No caso de concorreren con outras axudas, aplicarase o disposto no artigo 3.4 respecto ás intensidades máximas de axuda.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Conforme o disposto no artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os membros da comunidade de propietarios responderán solidariamente da obriga de reintegro en proporción ás súas respectivas participacións.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Conforme o disposto no artigo 68.1 da Lei 9/2007, os membros da comunidade de propietarios responderán solidariamente da sanción pecuniaria en proporción ás súas respectivas participacións.

Artigo 18. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 19. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

missing image file

Anexo III

Memoria técnica

Descrición do estado inicial da cuberta que se vai renovar.

Descrición das obras de renovación. Alcance detallado das diferentes actuacións que se van levar a cabo.

Planificación dos traballos no tempo con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file