Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 12 de xuño de 2012 Páx. 22750

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo relativo á inaplicación dos artigos 24 e 27 do convenio colectivo da Fundación Formación e Emprego de Galicia, asinado entre a dirección da empresa e a representación legal dos traballadores.

Visto o acordo relativo á inaplicación dos artigos 24 e 27 do convenio colectivo da Fundación Formación e Emprego de Galicia, asinado entre a dirección da empresa e a representación legal dos traballadores, na reunión que tivo lugar o 15 de marzo de 2012, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2012

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Acordos entre a dirección e a representación legal dos traballadores da Fundación Formación e Emprego de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2012.

Contido dos acordos:

Este acordo enmárcase no período de consultas referido á desvinculación salarial comunicada á representación legal dos traballadores de Forem Galicia, o día 27 de febreiro de 2012, mediante comunicación escrita.

O artigo 86.1 do Estatuto dos traballadores, modificado polo R.D.L. 2/2012, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, recolle que, durante a vixencia do convenio colectivo, os suxeitos lexitimados poderán negociar a súa revisión. As partes recoñecen a súa lexitimación para revisar e negociar o convenio colectivo segundo o artigo 87.1 do Estatuto dos traballadores.

Con este acordo, a representación legal dos traballadores comunica que, tras a consulta aos traballadores e traballadoras da Fundación, se acepta por maioría a proposta transmitida pola dirección da Fundación, que se basea en non aplicar os artigos 27 e 24 nos termos actuais do convenio colectivo (DOG nº 68, do martes 13 de abril de 2010), co seguinte contido:

Artigo 27. Revisión salarial anual

• Actualizar os salarios co resultado do IPC interanual decembro 2011 (2,4%): esta aplicación supón revisión salarial do 1,4% en xaneiro de 2012 (diferenza do IPC interanual con respecto ao 1% adiantado a principios de 2011), e o aboamento dunha paga de atrasos IPC 2011 do 1,4% no primeiro semestre de 2012.

• Unha paga do 0,5% de salario anual (salario categorías base) nun único pagamento non consolidable. Esta cantidade aboaríase antes do 30 de novembro de 2012.

Artigo 24. Axudas de custo

• Actualización das axudas de custo co IPC interanual 2011.

• Conxelación da axuda alimentaria para 2012 en 11,50 €/día xornada partida.

En compensación, e para o ano 2012, permitiríase o desfrute de dous (2) días de asuntos propios como non recuperables dos catro (4) días de asuntos propios recuperables que regula o convenio.

Os acordos entrarán en vigor a partir da súa sinatura, o día 15 de marzo de 2012, e con efectos desde o 1 de xaneiro de 2012.