Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 8 de xuño de 2012 Páx. 22215

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 1 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a actuacións de mellora da eficiencia enerxética e seguranza nas instalacións de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (código do procedemento IN532A).

A sociedade, en xeral, e as administracións públicas, en particular, deben mellorar as prestacións, a seguranza, a habitabilidade e o confort dos edificios e vivendas cun menor consumo de enerxía que faga posible a sustentabilidade do sistema a longo prazo e incorporando aparellos o máis seguros posibles. Desde as administracións estase lexislando e regulamentando para conseguir os obxectivos de redución dos indicadores de intensidade enerxética e de emisións de dióxido de carbono, así como a mellora da seguranza. Por iso, estanse a desenvolver diversas iniciativas para incorporar a idea de aforro e eficiencia enerxética, como son a mellora da calidade da edificación e, por tanto, do seu comportamento enerxético, reducindo, por unha parte, a demanda enerxética e mellorando, por outra, o rendemento das instalacións consumidoras de enerxía, alén da incorporación das enerxías renovables co fin de reducir a dependencia externa da subministración de enerxía.

O obxecto da subvención é a mellora dos ascensores existentes dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en edificios destinados a vivendas. Debido tanto á normal deterioración polo paso do tempo, como ás exixencias regulamentarias que tiñan que cumprir as citadas instalacións, estas presentan un nivel de seguranza e eficiencia enerxética inferior respecto das que se realizan conforme a regulamentación vixente na actualidade, polo que desde a Consellería de Economía e Industria é necesario incentivar accións dirixidas a mellorar os ditos niveis.

Á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas correspóndelle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Consellería de Economía e Industria nos ámbitos da seguranza industrial e enerxía, de acordo co Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

De acordo co anterior, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, acorda realizar unha convocatoria de axudas para a mellora da eficiencia enerxética e seguranza nos ascensores existentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo isto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria para incentivar actuacións en materia de mellora da eficiencia enerxética e seguranza nas instalacións de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal en Galicia (código de procedemento IN532A).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

Artigo 2. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo de formulario normalizado que se inclúe como anexo II desta orde; esta solicitude acompañarase dos demais formularios (anexos III ao VI) que se sinalan nas bases e da documentación recollida no artigo 5 das bases reguladoras. Estes formularios atópanse á disposición do solicitante no enderezo https://sede.xunta.es

2. Os formularios sinalados no punto anterior poderán presentarse, á escolla dos solicitantes, tanto por vía presencial como electrónica:

a) Presencial (escrita):

A solicitude, xunto coa documentación requirida, presentarase nos rexistros da Xunta de Galicia, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Vía electrónica:

No caso de acceder por esta vía, o solicitante deberá realizar la tramitación electrónica completa desde o enderezo https://sede.xunta.es

Para a presentación na sede electrónica dos devanditos formularios admitirase o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña de sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e demais anexos obtidos en formato papel, unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, presentándoo asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Consellería de Economía e Industria (edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 5-4º andar, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguranza técnicas, como as organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a da xestión e tratamento do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, indicando no sobre ou no asunto do escrito «Dereitos LOPD – procedemento IN532A».

Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 12 de xullo, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez presentadas as solicitudes por parte dos interesados, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a nove meses.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN532A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

1. Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es

2. O teléfono da devandita dirección xeral: 981 95 71 85.

3. O enderezo electrónico: cei.sxai@xunta.es

4. Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a actuacións de mellora da eficiencia enerxética e seguranza nas instalacións de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar actuacións de mellora da eficiencia enerxética e seguranza en instalacións de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.

3. A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e o seu esgotamento comportará a inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

– Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

– A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas

1. Terán a consideración de actuacións subvencionables:

a) A substitución de equipamento por unha máquina de tracción directa, sen redutor.

b) A substitución de motores por outros controlados por variador de frecuencia ou aparellos con propósito equivalente.

c) Instalación de controis con sistemas de detectores de presenza. O sistema de detección deberá cumprir unha VEEI límite de 3,5 segundo o documento básico HE– 3 (Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación) do Código técnico da edificación vixente con apagado por sistema de detección de presenza ou outro sistema automático intelixente.

As actuacións recollidas nesta alínea c) non serán obxecto de subvención por si soas e deberán ir acompañadas por calquera das outras actuacións subvencionables recollidas neste mesmo artigo.

Estes investimentos en renovación ou mellora nas instalacións de ascensores en edificios de vivendas deberán permitir unha redución anual, cando menos, do 35% no uso da enerxía convencional.

Estas actuacións levaranse a cabo en ascensores xa instalados que conten con:

– Rexistro de aparello elevador (RAE).

– No caso de que pola súa antigüidade o ascensor teña que pasar inspección periódica obrigatoria, acta favorable emitida por organismo de control. Se esta tiver a cualificación de condicionada, deberá presentar a acta condicionada e as deficiencias observadas deberán estar corrixidas no momento da xustificación, para o cal presentará a acta de inspección periódica obrigatoria coa cualificación favorable nese momento.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2012 e a data de presentación da solicitude de libramento e, en todo caso, con data anterior ao prazo máximo de xustificación (30 de novembro de 2012). Todos os investimentos obxecto de axuda deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables a partir da data de xustificación do investimento.

Consideraranse subvencionables os custos en equipamentos, materiais, obra civil, man de obra e os impostos indirectos asociados para a reforma e posta en servizo do ascensor, de xeito que este quede operativo. Estes gastos deberán corresponder de maneira indubitativa coas actuacións subvencionables.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, preste ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que haberá de achegarse coa solicitude de subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non se considerarán subvencionables:

– Os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento.

– Os gastos realizados en bens usados.

3. Os traballos deberán realizarse por empresas mantedoras/conservadoras habilitadas de acordo coa lexislación vixente en materia de ascensores e, de ser o caso, deberá contar co correspondente proxecto técnico de modificacións esenciais.

4. Non se admitirán a trámite solicitudes cun investimento subvencionable inferior a 3.000 euros.

5. Non se considerarán subvencionables aqueles conceptos das facturas que no se poidan facer corresponder, dun xeito inequívoco, cos considerados como subvencionables.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión das axudas, que terán a modalidade de subvención, destinarase o crédito correspondente á aplicación orzamentaria que se menciona:

Aplicación

Denominación

Ano 2012 (euros)

08.04.741A.780.0

Plan Renove de Ascensores

709.163,23

Crédito total (€)

709.163,23

2. A intensidade da axuda será dun 50% do investimento subvencionable pero en ningún caso, baixo esta convocatoria, poderá concederse unha subvención superior a 3.000 euros por comunidade de propietarios.

Así mesmo, cando non se dispoña de crédito suficiente para atender as últimas solicitudes coa intensidade de axuda prevista no parágrafo anterior, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte considerando todos os investimentos subvencionables que a conformen. Para o caso de empate entre varias solicitudes nos termos do artigo 8.3.b) procederase a repartir o crédito dispoñible segundo o disposto no devandito artigo.

3. As subvencións que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea o de organismos internacionais.

Non obstante, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100% do investimento subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención as comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia e legalmente constituídas de acordo cos artigos 2 e 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, todo isto, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nas presentes bases, así como os que fundamenten a concesión e os que se prevexan nesta orde e na normativa aplicable. Non poderá disolverse a comunidade ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiario das subvencións reguladas nestas bases as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, que se presentará coa solicitude, tal e como se recolle no anexo V.

No obstante, os solicitantes e beneficiarios quedarán exentos de achegar os xustificantes de cumprimento de obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de no teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor por resolución de expediente de reintegro, de acordo co previsto no artigo 51.un.i) da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria nos seus artigos 2 e 3.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse un exemplar da seguinte documentación en orixinal ou copia compulsada (cando a presentación da solicitude se presente en papel) ou anexarse en formato electrónico segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (cando a presentación da solicitude se faga a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia):

A) Documentación administrativa:

A.1. Formularios normalizados de solicitude compostos polos anexos II ao VI debidamente asinados. De conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o presidente/a exercerá a representación da comunidade neste procedemento e será o asinante da documentación.

A.1.1. Anexo II: modelo normalizado de solicitude, inclúe datos identificativos do solicitante e do investimento.

A.1.2. Anexo III: características das instalacións e investimento.

A.1.3. Anexo IV: modelo de declaración responsable e autorizacións, inclúe:

– Declaración de que os datos que figuran na solicitude, nos seus anexos e demais documentación son certos.

– Declaración expresa de que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre cos requisitos establecidos nela.

– Declaración expresa de que os provedores non están vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións previstas no número 7 do artigo 27 da Lei 9/2007, nin no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

– Declaración expresa do coñecemento de que a solicitude da axuda comporta a autorización para que o órgano xestor solicite telematicamente á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) a acreditación dos datos identificativos do NIF de acordo co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás denegación expresa.

A.1.4. Anexo V: declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007.

A.1.5. Anexo VI: declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto e conceptos, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

A.2. Documentación xurídico-administrativa da comunidade solicitante. Identificarase como información accesible (no anexo correspondente) ou, en caso contrario, deberá presentarse:

A.2.1. Copia compulsada do título constitutivo da propiedade horizontal e, de ser o caso, das súas modificacións, onde figure a cota de participación de cada un dos inmobles que a compoñen.

A.2.2. NIF compulsado da comunidade de propietarios en vigor (non será necesaria a súa compulsa cando conteña o código seguro de verificación que cumpra co disposto no artigo 18.1.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos electrónicos).

Non será necesaria a presentación do NIF cando se autorice o órgano xestor para solicitar telematicamente á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) a acreditación dos datos identificativos fiscais de acordo co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A.2.3. Copia compulsada da acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este punto.

A.2.4. Copia compulsada da acta onde conste o acordo da xunta de propietarios, coa maioría legalmente establecida, para solicitar a subvención ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este punto.

A.2.5. Copia compulsada da acta favorable da inspección periódica obrigatoria ou, de ser o caso, condicionada de acordo co disposto no artigo 2.1 das bases.

A.3. O solicitante poderá exercer o dereito a non presentar parcialmente ou na súa totalidade a documentación xurídico-administrativa antes sinalada empregando os seguintes medios:

– De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992 e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa cando o solicitante declare que esta xa se atopa en poder desta consellería, sempre que se fagan constar nos formularios normalizados da solicitude a data, o código de procedemento para o cal foron presentados ou, se for o caso, emitidos, sempre e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

– Non será preciso achegar a certificación que debe emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria en relación coa acreditación dos datos identificativos do NIF do solicitante, agás que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións (anexo IV).

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou a información conforme os puntos anteriores ou de que se constatase a súa invalidez, o órgano competente poderá requirir do solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

B) Documentación xustificativa dos investimentos:

B.1. Memoria descritiva das actuacións subvencionables realizada pola empresa mantedora/conservadora na cal se xustifiquen os aforros enerxéticos estimados.

B.2. Orzamento desagregado e detallado dos investimentos.

Artigo 6. Consentimento e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar a certificación que debe emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria en relación coa acreditación dos datos identificativos do NIF. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 7. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderá ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión e a proposta do pagamento de obrigas e solicitar da Consellería de Facenda o seu pagamento.

2. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano encargado, á vista das solicitudes, de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados. Para isto desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

Artigo 8. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXPAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Ata o esgotamento do crédito dispoñible, a concesión das subvencións efectuarase respectando a data de prioridade adquirida polas solicitudes conforme as seguintes regras:

a) Sempre que se cumpran os requisitos determinados nestas bases e na convocatoria, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes.

b) No caso de coincidencia na data entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atendelas coa intensidade de axuda solicitada, este repartirase de xeito proporcional á suma total dos investimentos subvencionables presentados, respectando o límite de intensidade máxima prevista no artigo 3.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 9. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro de Economía e Industria.

2. Á vista da proposta formulada pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, de non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios establecidos na presente orde.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses contados a partir da presentación da solicitude de subvención polo interesado nun rexistro válido. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXPAC.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se producir o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se producir o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

– Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

– Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

– Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

– Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 9.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, notificada esta polo órgano competente, os beneficiarios disporán dun prazo de dez días contados desde a súa notificación, para aceptala. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderá facerse por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co disposto no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En todo caso, a renuncia á subvención requirirá o acordo da xunta de propietarios.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención o beneficiario deberá presentar a solicitude de libramento da subvención no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte á notificación da resolución de concesión, e con data máxima do 30 de novembro de 2012.

No prazo contado en meses entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da notificación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Esta solicitude de libramento, que se presentará nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, irá acompañada da documentación xustificativa do investimento que constará de:

– Memoria en que se describan as actuacións realizadas.

– Orixinal ou copias compulsadas das facturas dos provedores (que deberán reflectir, de xeito desagregado, o seu importe e a súa descrición).

– Documentos bancarios acreditativos do pagamento das facturas presentadas (que permitan relacionar a factura e o provedor). Non se admitirán pagamentos en efectivo, nin se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

– No caso de ter presentado acta condicionada no momento da solicitude, acta favorable da inspección periódica obrigatoria emitida por un organismo de control.

– Certificado emitido pola empresa mantedora/conservadora habilitada que realizou o traballo en que se xustifique o aforro enerxético estimado de, cando menos, un 35%.

– Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto e conceptos, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo VI).

– Declaración responsable de que o número da conta bancaria onde se debe realizar o pagamento é certo e ten como titular a comunidade beneficiaria da subvención, na cal deberá constar o ordinal bancario, o código do banco, o código de sucursal e o código de conta corrente (anexo VII).

3. Transcorrido o prazo de presentación da xustificación sen tela presentado ante o órgano administrativo correspondente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, á exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, consonte a lei, lle correspondan.

Artigo 15. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. No caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o disposto no artigo 3.2 das bases reguladoras respecto ás intensidades máximas de axuda.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

2. Xustificar, no prazo de 3 meses contados desde o día seguinte á notificación de concesión e nunca máis tarde do 30 de novembro, ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Conforme o disposto no artigo 36.2 da Lei 9/2007, os membros da comunidade de propietarios responden solidariamente da obriga de reintegro en proporción ás súas respectivas cotas de participación.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Conforme o disposto no artigo 68.1 da Lei 9/2007, os membros da comunidade de propietarios responden solidariamente da sanción pecuniaria en proporción ás súas respectivas cotas de participación.

Artigo 18. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución de concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación de norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, no será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei. Así mesmo, observarase o disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file