Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 7 de xuño de 2012 Páx. 22047

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2012, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se determina o inicio dos procedementos de nomeamento de persoal emérito.

A Orde do 27 de outubro de 2010 pola que se desenvolve o procedemento para o nomeamento e prórroga de persoal emérito no ámbito sanitario establece no seu artigo 2 que mediante resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde se habilitará un prazo para a presentación das solicitudes de nomeamento de persoal emérito polas corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario; que se sinalará o momento en que as xerencias de Xestión Integrada, de Atención Primaria ou de Atención Especializada deberán iniciar os procedementos para o nomeamento de persoal emérito e, por último, que se especificará o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito.

En desenvolvemento da devandita previsión,

RESOLVO:

Primeiro. As xerencias de Xestión Integrada, de Atención Primaria ou de Atención Especializada deberán iniciar, se é o caso, os procedementos para o nomeamento de persoal emérito na data de entrada en vigor desta resolución.

Segundo. As corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario poderán presentar as solicitudes de nomeamento de persoal emérito, no prazo de 10 días contados desde a entrada en vigor desta resolución ante as xerencias de Xestión Integrada, de Atención Primaria ou de Atención Especializada, que se correspondan co posto de traballo que desempeñaba antes da súa xubilación a persoa cuxo nomeamento se solicita.

Terceiro. Determinar que o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito ao abeiro desta resolución será de tres.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2012.

M.ª Nieves Domínguez González
Xerente do Servizo Galego de Saúde