Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 6 de xuño de 2012 Páx. 21938

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 22 de maio de 2012 pola que se inicia procedemento de recuperación de oficio de posesión de edificación situada na zona de servizo do porto de Santo Adrán de Cobres-Vilaboa (Pontevedra).

O 9 de febreiro de 2011 formalizouse entre a Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e o Mar e a entidade pública Portos de Galicia a ampliación de adscrición de terreos e lámina de auga no porto de Santo Adrán de Cobres.

Dentro da superficie de terra adscrita advírtese a existencia da edificación que se reflicte en plano anexo, sobre a cal non existe constancia de ningún título habilitante que autorice a ocupación.

Solicitada información ao Servizo Provincial de Costas de Pontevedra e á Autoridade Portuaria de Vigo, resulta que ningunha desas administracións posúe documentación relativa a esta edificación.

Polo exposto, de acordo co establecido no artigo 10 da Lei 22/1988, de costas, nos artigos 113, 114 e 123 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 31 do Decreto 227/1995, que aproba o regulamento da entidade pública Portos de Galicia, mediante a publicación da presente cédula no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Vilaboa, notifícase a todas aquelas persoas que poidan acreditar documentalmente a condición de interesadas nesta edificación o inicio de procedemento de recuperación de oficio da posesión.

Na súa virtude outórgase trámite de audiencia por un prazo máximo de 15 días hábiles contado desde a publicación da presente cédula no Diario Oficial de Galicia ou da súa exposición no taboleiro de edictos do Concello de Vilaboa, durante o cal poderán formularse alegacions e presentarse os documentos ou xustificacións que se estimen pertinentes.

A instrución do presente procedemento recae no xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, Jesús Javier Fernández Barro. O seu réxime de abstención e recusación é o previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De acordo co disposto no artigo 114 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para a resolución deste procedemento corresponde á Presidencia do Consello de Administración da entidade pública Portos de Galicia.

Contra o presente acto administrativo de iniciación non se admitirán accións interditais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.

E para que conste e lles sirva de notificación, e en cumprimento do disposto no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2012.

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia

missing image file