Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 1 de xuño de 2012 Páx. 21306

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se fai público o acordo de trasladar o expediente da Unión Profesional de Mulleres Autónomas ao Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e a correspondente baixa na Oficina Pública de Depósito de Asociacións Empresariais e Sindicais de Galicia.

O 7 de xullo de 2011 a Unión Profesional de Mulleres Autónomas celebrou unha asemblea xeral extraordinaria, en que se acordou a modificación dos seus estatutos para adaptalos á Lei orgánica 1/2002, reguladora do dereito de asociación, e solicitou a alta no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante Resolución do 21 de xullo de 2011 se resolve inscribir a dita entidade na sección 3.ª da oficina central do citado rexistro, baixo a seguinte denominación Unión de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores de Galicia (UATAE-Galicia).

Vista a documentación presentada, e en virtude do disposto na disposición transitoria terceira da Orde do 17 de setembro de 2010, pola que se desenvolve o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, acórdase dar traslado do expediente da citada federación ao citado rexistro e procédese a súa baixa na Oficina Pública de Depósito de Asociacións Empresariais e Sindicais de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2012.

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais