Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 23 de maio de 2012 Páx. 19490

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, pola que se dispón a cancelación definitiva da inscrición de entidades inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Antecedentes.

Mediante a Resolución do 28 de febreiro de 2012 establécese que se vai proceder á suspensión provisoria da inscrición da entidade Asociación Compromiso y Misión, concedéndolle un trámite de audiencia de 15 días co fin de que poida alegar e presentar os documentos e xustificacións que estime pertinentes, e comunicándolle que, en caso de non facelo, procederá a cancelación definitiva da inscrición da entidade.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde a recepción desta notificación.

O prazo do trámite de audiencia rematou o pasado 23 de marzo. O prazo para interpoñer o recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza cumpriuse o 7 de abril. A entidade non presentou ningunha documentación.

O 12 de abril de 2012, con rexistro de saída 613 do rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa U.E., procedeuse a notificar á entidade a cancelación da súa inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento no seguinte enderezo: estrada de San Xoán 168, Valadares, 36315 Vigo. Esta notificación foi devolta á Administración tras dous intentos de notificación, o segundo dos cales indica que o enderezo é incorrecto. A recepción da devolución do documento prodúcese o 4 de maio de 2012.

Fundamentos de dereito.

A Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, establece no seu artigo 23 os axentes de cooperación.

O Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, modificado polo Decreto 90/2011(desde agora Decreto 90/2011), establece no seu artigo 13.1 que a inscrición no rexistro é voluntaria.

O artigo 19 do Decreto 90/2011 establece a obriga de comunicar ao rexistro calquera alteración dos datos rexistrados e di que a falta de comunicación da modificación dos datos inscritos a que se refire o artigo 16 deste decreto –entre os cales se atopa a modificación do domicilio social ou da súa delegación permanente en Galicia–, terá como efecto a suspensión provisoria da inscrición, que podería derivar en cancelación definitiva, logo de trámite de audiencia de acordo co previsto no artigo seguinte.

O artigo 20 do Decreto 90/2011 establece que a inscrición dun axente de cooperación ao desenvolvemento poderá ser cancelada, por instancia de parte interesada ou de oficio, entre outros, nos seguintes casos:

«d) Por incumprimento da obriga de comunicar e acreditar calquera modificación da documentación achegada para a inscrición rexistral, de conformidade co disposto no artigo 15 deste decreto».

De acordo co indicado e á vista da lexislación aplicable,

RESOLVO:

Proceder á cancelación definitiva da inscrición da entidade Asociación Compromiso y Misión, con n.º de rexistro ONGD 071 PR 805A 2005/71-0.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde a recepción desta notificación.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2012.

Jesús María Gamallo Aller
Director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea