Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2012 Páx. 18969

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2012, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se delega o exercicio de determinadas facultades nas persoas titulares dos servizos provinciais da Axencia.

O Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aprobou o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, dispón que corresponde á persoa titular da Dirección a función de executar os orzamentos e autorizar os pagamentos e os gastos da Axencia e das unidades adscritas.

A entrada en funcionamento da entidade o pasado mes de xaneiro, mostra a necesidade de adoptar medidas dirixidas a alcanzar unha maior axilidade na realización daqueles gastos que, pola súa natureza e entidade, deben tramitarse con celeridade. Para tales efectos, cómpre acudir á delegación de competencias nos titulares dos servizos provinciais.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e no artigo 72.4.º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto da delegación.

1. Delégase nas persoas titulares dos servizos provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas, no respectivo ámbito territorial, o exercicio das facultades de autorizar e dispoñer os gastos, así como o recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos correspondentes pagamentos, en relación cos gastos necesarios para o cumprimento das súas funcións, de acordo cos seguintes límites:

a) Os devanditos gastos deberán realizarse con cargo aos créditos que lle foran desconcentrados a cada servizo provincial, e a contía de cada un deles non poderá ser superior ao importe que, anualmente, fixe a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma ao amparo do previsto no artigo 97.1.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

b) Quedan excluídos desta delegación os gastos relativos á execución de obras e contratación de servizos de enxeñaría.

2. A competencia que se delega inclúe a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos.

Segundo. Criterios complementarios.

Na aplicación da delegación teranse en conta os seguintes criterios:

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

2. En calquera momento, a persoa titular da Dirección da Axencia poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan.

Terceiro. Eficacia da delegación.

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2012.

Ethel M.ª Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas