Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2012 Páx. 18958

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de maio de 2012 pola que se acorda a cesión en propiedade de diverso equipamento á Autoridade Portuaria de Vigo.

A Autoridade Portuaria de Vigo, con data do 7 de marzo de 2012, solicitou a cesión en propiedade de diverso equipamento existente no seu porto pesqueiro, propiedade da Comunidade Autónoma e adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar, en virtude de dous convenios de colaboración asinados con datas do 7 de novembro de 2006 e 17 de abril de 2007, respectivamente, mediante os que a consellería se comprometía, con cargo aos seus orzamentos dos anos 2006 e 2007, á realización da subministración e instalación no porto de Vigo da infraestructura de pesaxe electrónica, unidades de proceso de datos e de etiquetaxe electrónica, así como das comunicacións telemáticas necesarias que permitan a instalación dun sistema informatizado de recollida e tratamento de datos dos participantes nos procesos de descargas, exposición, poxa, adxudicación e venda de pesca e marisco, así como a informatización das transaccións comerciais realizadas nas lonxas de baixura-cerco e conxelado, e a instalación dunha rede sen fíos.

Por outra banda, o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, define as autoridades portuarias como aquelas entidades de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio propios ás cales corresponden, entre outras, competencias en materia de control das operacións marítimas e terrestres relacionadas co tráfico portuario e cos seus servizos, de fomento das actividades industriais e comerciais, así como de ordenación da zona de servizo do porto e dos seus usos en coordinación coas administracións competentes.

Nos citados convenios prevíase que os citados equipamentos poderían, de ser o caso, ser cedidos en propiedade á Autoridade Portuaria de Vigo nas condicións previstas no artigo 35.bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de autorización da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985, aínda en vigor, exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar o ben, así como as súas condicións.

Tal é o caso do equipamento existente no porto de Vigo. A Consellería do Medio Rural e do Mar non vai empregar o dito ben e concorren circunstancias que aconsellan acceder á mencionada solicitude.

Para tal fin, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto na sección 5.ª do capítulo V, do título III da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo, en vigor.

Polo exposto e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade a favor da Autoridade Portuaria de Vigo dos seguintes bens:

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

Artigo 2.

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido tal como establecen os artigos 82.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento, destinarase a fins de utilidade pública ou interese social da Autoridade Portuaria de Vigo, concretamente, ao seguimento e tratamento global das descargas de pesca que se realicen nas lonxas da Autoridade Portuaria de Vigo para lograr unha mellora na comercialización, identificación, tramitación administrativa e de facturación, así coma ao coñecemento dos datos de primeira venda.

b) Coa cesión outorgarase á Autoridade Portuaria de Vigo a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen co fin sinalado, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos, así como obter todas as autorizacións precisas para o seu funcionamento de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 3.

A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario/a en que delegue e debe constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar