Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 11 de maio de 2012 Páx. 17638

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 8 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

As axudas para a modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria son medidas amparadas no disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural para Galicia 2007-2013. O cofinanciamento do Feader nestas axudas acada unha porcentaxe do 57,56% do gasto executado.

Para acadar os obxectivos de modernización das explotacións agrarias galegas, as actuacións incluídas nos plans de melloras diríxense ás explotacións agrarias que acrediten a súa viabilidade económica, que cumpran as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, e cuxa persoa titular teña a capacidade e competencia profesionais adecuadas.

Por outra banda a incorporación da poboación moza e capacitada á titularidade das explotacións agrarias é unha das mellores vías para asegurar a súa competitividade e a continuidade do tecido agrario.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2012 das seguintes liñas de axuda:

a) Plans de mellora nas explotacións agrarias.

b) Primeira instalación de agricultores mozos ou mozas.

2. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións ou que pretendan selo e que cumpran os requisitos recollidos nesta orde.

Artigo 2. Definicións.

Para os efectos desta orde teranse en conta as definicións dadas pola Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, polo Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, así como pola Lei 35/2011, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Así mesmo teranse en conta as seguintes definicións:

1. Renda total do/s titular/es da explotación: a renda fiscalmente declarada como tal pola/s persoa/s titular/es da explotación no último exercicio, excluíndo do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais. Para estes efectos, imputarase á persoa titular da explotación:

a) A renda da actividade agraria da explotación, que se calculará:

1. No caso de declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas en réxime de estimación obxectiva, sumando ao rendemento neto de módulos os importes das dotacións á amortización e outras reducións efectuadas na súa determinación, sen incluír as correspondentes aos índices correctores aplicados.

2. No caso de declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas en réxime de estimación directa, sumando ao rendemento neto as dotacións á amortización deducidas no exercicio.

b) As rendas procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as rendas procedentes do traballo desenvolvido fóra da explotación, incluídas as pensións e haberes pasivos que fiscalmente teña obriga de declarar.

c) O 50 por 100 das rendas do capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100 por 100 das súas rendas privativas.

Non obstante o anterior, poderá utilizarse para a avaliación da renda total do titular da explotación a media das rendas fiscalmente declaradas como tales por este durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, excluíndo do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais.

2. Viabilidade económica da explotación: considerarase que unha explotación é viable economicamente cando a súa renda unitaria de traballo non sexa inferior ao 20 por 100 da renda de referencia.

Tamén se considerarán viables as explotacións clasificadas como prioritarias de conformidade co establecido na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, así como pola Lei 35/2011, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias.

Sección 1.ª Bases reguladoras para a concesión de axudas para a modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria

1. Plans de mellora

Artigo 3. Requisitos e documentación a presentar.

• Requisitos.

Os solicitantes deberán reunir os requisitos que, segundo o tipo de titular –persoa física, xurídica ou comunidade de bens– e as características da explotación, serán os seguintes:

1. Plans de melloras B (agricultores profesionais-procedemento MR405A). En todos os casos deberán:

a) Ser titular dunha explotación agraria no momento da solicitude, agás que simultaneamente solicite unha axuda para primeira instalación conforme a sección 2.ª.

b) Presentar un plan de mellora da súa explotación conforme o indicado no artigo 4.

c) Presentar un compromiso asinado de exercer a actividade agraria na explotación obxecto da axuda durante, polo menos, cinco anos contados desde a data da certificación dos investimentos realizados.

Este compromiso será sometido a seguimento, en virtude das inspeccións e controis que se establezan, e poderáselle exixir, para eses anos e unha vez finalizado o período voluntario de presentación da declaración do IRPF, que remita ao Servizo Provincial de Explotacións Agrarias a copia compulsada da declaración do IRPF e os boletíns de cotización á Seguridade Social ou o informe de vida laboral.

d) Cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Acreditar a súa viabilidade económica, mediante a presentación do correspondente plan de viabilidade, conforme o definido no número 2 do artigo 2 desta orde. Neste plan deberán acadar, polo menos, unha UTA no momento da aprobación da axuda (situación inicial do plan), tendo en conta a definición de agricultor profesional establecida pola Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, sen prexuízo do referido no punto 2.a deste artigo.

f) Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.

2. As persoas físicas titulares deberán cumprir, ademais do indicado no número 1.

a) A condición de agricultor/a profesional, segundo se establece na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, que se xustificará no momento da solicitude, agás no caso agricultores non profesionais que recibisen a explotación dun agricultor profesional, que se xustificará xunto coa solicitude de pagamento do expediente.

b) Posuír a capacitación profesional suficiente, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. No caso de agricultores/as mozos/as, ademais de para os efectos da súa primeira instalación, conforme a sección 2.ª, para considerar o incremento nas axudas aos investimentos en plans de mellora, a capacitación profesional suficiente xustificarase dalgún dos seguintes xeitos:

i) Mediante copia compulsada da titulación académica de capataz agrícola, de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da familia profesional de actividades agrarias, ou outra titulación superior da rama agraria.

ii) Cun certificado de aproveitamento a cursos relacionados coa incorporación da persoa moza, cunha duración mínima de 250 horas lectivas, establecidos pola Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.

iii) Mediante certificación aproveitamento a cursos relacionados coa incorporación da persoa moza, cunha duración mínima de 250 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias, sempre que estean previamente homologados pola Consellería do Medio Rural e do Mar ou consellería correspondente, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.

Porén, no caso de agricultores non profesionais que recibisen unha explotación dun titular profesional, esta capacitación xustificarase no momento da certificación do expediente.

c) Ter dezaoito anos cumpridos e non ter cumpridos os sesenta e cinco. O requisito da idade xustificarase mediante copia compulsada do DNI, no caso de non prestar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos datos de identidade, no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

3. As persoas xurídicas, ademais das sinaladas no número 1, deberán cumprir:

a) Ser unha explotación agraria prioritaria ou acadar tal condición coa aplicación destas axudas, o cal se acreditará segundo se establece na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias.

b) Que teña actividade agraria, o cal se xustificará presentando os estatutos ou documento de constitución, e a declaración do imposto de sociedades do último exercicio. Así mesmo, a procedencia agraria dos ingresos comprobarase en función das marxes brutas das orientacións produtivas e das actividades económicas da explotación.

4. Cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens, ademais dos requisitos sinalados no número 1, deberá presentar:

a) Os estatutos da comunidade e a súa acta de constitución.

b) Acreditar por parte, polo menos, do 50% dos comuneiros ou das comuneiras, que reúnen os requisitos establecidos para os titulares persoas físicas, para o que presentarán toda a documentación especificada no punto 2 deste artigo (persoa física titular de explotación).

5. Así mesmo, cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens ou sociedade civil poderá resultar beneficiaria da axuda, coa condición de que cumpra as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo IV desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Así mesmo, deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de cinco anos contados a partir da data de certificación dos investimentos realizados. En calquera caso a agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da citada lei.

6. Plans de melloras R (agricultores non profesionais-procedemento 409A) de persoas titulares que, non cumprindo os requisitos recollidos nos puntos 2 a) e b) deste artigo para as persoas físicas, número 3 para as persoas xurídicas e 4 b) nas comunidades de bens, poderán solicitar estas axudas, e sempre que cumpran o resto das obrigas, ademais de se comprometeren a exercer a actividade agraria durante, polo menos, cinco anos contados desde a data da certificación dos investimentos realizados, e ocuparen polo menos 1 UTA no momento da aprobación de axuda (situación inicial do plan).

Así mesmo, deberán obter polo menos o 10% da súa renda total de actividades agrarias ou complementarias. No caso de entidades xurídicas, este aspecto xustificarase tendo en conta que ou ben o 50% dos socios teñen unha renda agraria que sexa maior ou igual ao 10% da súa renda total, segundo a declaración de IRPF, ou que a marxe neta obtida segundo o estudo de viabilidade sexa ≥ 10% do resultado antes de impostos declarado no imposto de sociedades.

7. Dentro de cada modalidade de plan de mellora (profesional B-procedemento MR405A, ou non profesional R-procedemento 409A), poderanse presentar os seguintes tipos de solicitudes, segundo o tipo de investimento elixible:

a) Solicitude dun plan de mellora para a reordenación de superficies de pastoreo para uso en común.

b) Solicitude dun plan de adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos. Neste caso so se poderán considerar beneficiarios os titulares de explotacións porcinas que non aprobasen un plan de mellora entre os anos 2002-2011, ambos os dous incluídos.

c) Solicitude de plan de mellora distinto aos das alíneas a) ou b).

Un mesmo solicitante tan só poderá solicitar un único plan de mellora dos especificados nas alíneas a), b) ou c).

• Documentación que hai que presentar.

Para solicitar a axuda presentarán a seguinte documentación:

– Anexo I (Plans de melloras B agricultores profesionais-procedemento MR405A) ou anexo II (Plans de melloras R agricultores non profesionais-procedemento MR409A).

Fotocopia do DNI (só no caso de non autorizar a consulta de datos do Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia), ou do NIF (entidades xurídicas).

Informe de vida laboral.

Xustificante da capacitación profesional.

Declaración do IRPF (de tres anos dos últimos cinco).

Estatutos ou regulamentos de réxime interno (se fose o caso).

Certificado do número de socios e dos que cumpren os requisitos de agricultor profesional.

Conformidade da entidade bancaria coa concesión do préstamo (se for o caso).

Documento de participación do mozo nos investimentos (se for o caso).

Plan de viabilidade.

Memoria do plan de mellora.

Planos e bosquexo, ou proxecto.

Facturas pro forma, en que se detallen claramente os conceptos dos bens polos que se solicita (fabricante, características técnicas).

Artigo 4. Condicións dos plans de mellora.

Os plans de mellora das explotacións agrarias suporán unha mellora integral e duradeira da economía da explotación agraria, e deberán cumprir, ademais, as seguintes condicións:

1. O plan de mellora deberá demostrar, mediante cálculos específicos, que os investimentos materiais ou inmateriais están xustificados desde o punto de vista da situación da explotación e da súa economía e que a súa realización suporá unha mellora do rendemento global da explotación agrícola.

Para estes efectos, considerarase que un plan de mellora cumpre as condicións establecidas no parágrafo anterior, cando, tras a súa realización, non diminúa a renda unitaria de traballo da explotación ou, nos casos en que se incremente o número das UTA, non diminúa a súa marxe neta.

Así mesmo, deberá incluír:

a) Unha descrición das situacións anterior e posterior á realización do plan de mellora, establecidas en función dun orzamento estimativo e comprendendo, cando menos, os seguintes datos:

1.º Superficie da explotación, especificando a dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva.

2.º Maquinaria e equipamento, melloras territoriais e edificios.

3.º Composición e dedicación da man de obra familiar e asalariada.

4.º Produción bruta de cada actividade.

5.º Gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación.

b) Unha indicación das medidas e, en particular, dos investimentos previstos.

2. Cando o plan de mellora afecte unha explotación gandeira:

a) Deberase cumprir a normativa relativa a campañas oficiais de saneamento gandeiro.

b) Deberá cumprir as normas mínimas en materia ambiental, hixiene e benestar dos animais, conforme se dispón no anexo V desta orde.

Non obstante, cando o plan de mellora inclúa investimentos destinados a cumprir as normas mínimas recentemente establecidas, entendendo por tales as que entrasen en vigor no prazo máximo dun ano anterior á data de solicitude da axuda, poderase conceder para o seu cumprimento, un prazo de ata 36 meses a partir da data en que a devandita norma fose obrigatoria. En todo caso, os agricultores e as agricultoras deberán cumprir estas normas mínimas antes de que finalice o período de realización dos investimentos. No caso de solicitudes de axudas para a adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos deberán presentar o correspondente plan de adaptación a estas normas.

Así mesmo, no caso de agricultores/as mozos/as beneficiarios/as da axuda á primeira instalación, poderáselles conceder unha axuda para os investimentos destinados a axustarse ás normas comunitarias existentes. O período de graza en que deberán axustarse estas normas non poderá superar os 36 meses desde a data da instalación.

Os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural e do Mar emitirán os informes correspondentes sobre o cumprimento destas normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais.

3. Se os investimentos a que se refire o plan de mellora se realizan en obra civil, deberase presentar o correspondente bosquexo e memoria descritiva da construción, adaptándose esta á tipoloxía da zona. No caso de que o investimento en obra civil sexa superior a 30.000 euros, coa solicitude de axuda deberase presentar proxecto técnico, asinado polo persoal técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, tal como se indica no artigo 41.2.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo. Neste caso, a certificación final de obra valorada deberase presentar, como moi tarde, no momento da solicitude de pagamento dos investimentos. Sobre os anteriores puntos, e en referencia ao proxectista, ao director de obra e ao director da execución da obra, terase en conta o reflectido no capítulo III da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.

4. Así mesmo, as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán ter outorgada a licenza municipal, como moi tarde, o 30 de setembro do ano da convocatoria. Ademais, no caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial, este deberá estar outorgado, como moi tarde, o 30 de setembro do ano da convocatoria. O non cumprimento destes requisitos suporá a non aprobación da axuda.

5. Todos os proxectos técnicos presentados cos plans de mellora terán que incluír, obrigatoriamente, un anexo relativo á produción e xestión dos residuos da explotación.

6. En todos os casos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 24.2 do Regulamento (UE) n.º 65/2011 da Comisión, do 27de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Artigo 5. Condicións dos investimentos obxecto da axuda.

1. Investimentos obxecto de axuda:

a) A mellora das condicións de vida e traballo dos/as agricultores/as e dos/as empregados/as das explotacións. Os investimentos considerados destinaranse, en exclusiva, á mellora das prácticas agrarias e tarefas derivadas da explotación agraria.

b) A mellora cualitativa e a ordenación de producións en función das necesidades de mercado e, se é o caso, con vistas á adaptación ás normas comunitarias de calidade, así como para a diversificación das actividades agrarias, especialmente mediante investimentos destinados á clasificación, acondicionamento, fabricación, transformación e comercialización dos produtos agrarios da propia explotación. Porén, os investimentos destinados á transformación e comercialización realizados na propia explotación limitaranse aos que dean como resultado un produto incluído no anexo I do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

c) A adaptación das explotacións con vistas a reducir os custos de produción, aforrar enerxía ou auga, ou á incorporación de novas tecnoloxías, incluídas as de informatización e telemática.

d) O cumprimento das novas normas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais establecidas recentemente. Para estes efectos, entenderanse como recentemente establecidas as normas que entrasen en vigor no prazo máximo dun ano anterior á data de solicitude da axuda.

e) A mellora das condicións de hixiene das explotacións gandeiras e de benestar dos animais, a protección e mellora do solo, da cobertoira vexetal e do ambiente serán só elixibles os investimentos con estes fins que vaian alén dos requisitos obrigatorios, de acordo coas normas comunitarias aplicables.

2. Investimentos exceptuados de axuda:

So serán elixibles os investimentos que figuren no anexo VI desta orde.

Así mesmo, non se concederán axudas para os seguintes investimentos:

a) A reforma, reposición ou cambio de uso de bens inmobles. Porén, no caso das solicitudes de plans de adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos serán elixibles as reformas que comporten as ditas adaptacións.

b) Os investimentos de simple substitución.

c) Os investimentos na compra de dereitos de produción, animais e plantas anuais e a súa plantación.

d) Gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación.

e) Os gastos non subvencionables distintos dos anteriores, e a que fai referencia o artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

3. a) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento da subvención, os investimentos subvencionados non deberán sufrir ningunha modificación importante:

1.º Que afecte a súa natureza ou as súas condicións de execución, ou

2.º Que resulte, ben dun cambio na natureza do réxime de propiedade dunha determinada infraestrutura, ben da interrupción ou do cambio de localización dunha actividade produtiva.

b) O incumprimento da obriga de destino referido anteriormente, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, e o ben quedará afecto ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor, agás o referido no artigo 29.4.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no anterior punto cando:

1.º Tratándose de bens non inscritibles nun rexistro público, fosen substituídos por outros que sirvan en condicións análogas ao fin para o cal se concedeu a subvención e este uso se manteña ata completar o período establecido, sempre que a substitución sexa autorizada pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2.º Tratándose de bens inscritibles nun rexistro público, o cambio de destino, alleamento ou gravame sexa autorizado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no suposto de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

4. Non serán subvencionados os investimentos das mesmas características durante os cinco anos seguintes ao pagamento da subvención correspondente aos plans de melloras e á mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas a través da redución dos custos de produción, e sen prexuízo do establecido no artigo 3.15 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

5. Ademais, e tamén sen prexuízo do establecido do establecido no artigo 3.15 do Real decreto 1852/2009, a maquinaria agrícola tan só será elixible nas explotacións que nos últimos 15 anos non recibido axudas de plans de melloras para este tipo de investimento.

6. Consideraranse como reordenación de superficies de pastoreo para uso en común as actuacións que realizarán os solicitantes destas axudas sobre superficies alugadas a unha mesma explotación, e sobre a que realizarán as melloras de implantación de pradarías que serán utilizadas en común polos solicitantes das axudas. Para isto asinarase entre eles (solicitantes das axudas e propietario da superficie, respectivamente) un contrato de aluguer, dun mínimo de oito anos desde a data de certificación dos investimentos, para o uso desas superficies en común entre todos eles. O mínimo de solicitantes deste tipo de plans de melloras para unha mesma superficie alugada será de dous.

7. No caso de solicitudes de axudas á adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos so serán elixibles os investimentos que supoñan a dita adaptación.

Artigo 6. Contía dos investimentos e das axudas.

1. Contía dos investimentos:

a) Para os solicitantes que figuran no artigo 3 parágrafo 7 letra a (plan de mellora para a reordenación de superficies de pastoreo para uso en común) e letra c (plan de mellora distinto dos da letra a e b) o investimento poderá chegar a un máximo de 100.000 euros por UTA sen superar 200.000 euros por explotación cando a persoa titular sexa unha persoa física ou unha comunidade de bens. No caso de titulares persoas xurídicas, este límite máximo por explotación poderá chegar aos 800.000 euros, sen prexuízo do límite por UTA. Estes investimentos enténdense para un período de seis anos nos caso dos plans de melloras referidos na letra c) do parágrafo 7 do artigo 3.

Porén o anterior, no caso de explotacións con orientación produtiva principal á produción de leite, cunha produción superior aos 500.000 quilogramos, o investimento poderá chegar a un máximo de 150.000 euros por UTA sen superar 300.000 euros por explotación cando a persoa titular sexa unha persoa física ou unha comunidade de bens. No caso de titulares persoas xurídicas, este límite máximo por explotación poderá chegar aos 1.200.000 euros, sen prexuízo do límite por UTA.

O número de plans de mellora que se poderán aprobar por explotación e beneficiario/a aos solicitantes dos plans de melloras da letra c) do parágrafo 7 do artigo 3, para ese volume de investimento, será como máximo de tres nos seis últimos anos, contados desde a data a que corresponda a aprobación do último plan solicitado nas axudas das ordes para a modernización de explotacións agrarias de anteriores exercicios. Ademais, no caso da fusión de explotacións permitirase solicitar un plan adicional para a creación dunha entidade asociativa. Tamén os titulares de explotacións agrarias afectadas por unha catástrofe natural poderán solicitar un plan adicional, logo do informe técnico emitido polo Servizo Provincial de Explotacións Agrarias.

Porén o anterior, no caso de explotacións con orientación produtiva principal á produción de leite, cunha produción superior aos 500.000 quilogramos o número de plans de mellora que se poderán aprobar por explotación e beneficiario/a, para ese volume de investimento, será como máximo de catro nos seis últimos anos.

Para estes efectos, atribuiranse a unha soa explotación beneficiaria o conxunto de plans de investimentos agrarios realizados por calquera titular dela.

En calquera caso, serán denegadas aquelas solicitudes de axuda cando a explotación ou o peticionario tivesen pendentes de certificación un expediente de plan de mellora ou de mellora na competitividade das explotacións leiteiras na data en que remata o prazo para a solicitude.

b) Para o cálculo do investimento máximo, en función do límite máximo por UTA, consideraranse as UTA iniciais indicadas no artigo 3.1.f) desta orde.

Cando se trate dun plan de mellora dun agricultor/a mozo/a que se presente simultaneamente á primeira instalación, o límite máximo de investimento por UTA calcularase en función do número de UTA correspondente á situación posterior á realización do plan de mellora.

c) A determinación das axudas aos investimentos que se vaian realizar nas explotacións efectuarase de acordo coas condicións específicas que correspondan ao municipio asignado á explotación, en función da pertenza a este da fracción maioritaria dos bens, dereitos e elementos da explotación.

2. Contía e tipo de axudas.

a) A contía máxima de axuda, expresada en porcentaxe do investimento, con carácter xeral, poderá chegar ata:

1.º O 50% do investimento para bens inmobles e o 30% para bens mobles nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fan referencia os incisos i) e ii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, que poderán acadar os beneficiarios. Porén, no caso de bens mobles que supoñan un aforro no consumo de auga na explotación a porcentaxe poderá chegar ata o 50% do investimento. Así mesmo, para os solicitantes de axudas para plans de adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos poderá acadar o 25% do investimento elixible.

2.º O 40% para bens inmobles e o 25% para bens mobles nas demais zonas, que poderán acadar os beneficiarios. Porén, no caso de bens mobles que supoñan un aforro no consumo de auga na explotación a porcentaxe poderá chegar ata o 40% do investimento. Así mesmo, para os solicitantes de axudas para plans de adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos poderá acadar o 20% do investimento elixible.

b) No caso de agricultores ou agricultoras non profesionais, a axuda para bens inmobles reducirase un 15% e a de bens mobles un 10% con respecto ao indicado nos parágrafos 2.a) 1.º e 2.a) 2.º deste artigo, agás no caso de seren solicitantes de axudas para plans de adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos en que as porcentaxes son as indicadas nos números 1.º e 2.º da alínea a).

c) Se o beneficiario da axuda é un agricultor/a profesional, menor de 40 anos no momento da súa primeira instalación que, simultaneamente a ela, ou nos seguintes cinco anos, presente un plan de mellora para a súa explotación, poderá obter unha axuda suplementaria do 5% do investimento, como máximo, das previstas nos parágrafos 2.a) 1.º e 2.a) 2.º deste artigo, agás no caso de seren solicitantes de axudas para plans de adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos en que as porcentaxes son as indicadas nos números 1.º e 2.º da alínea a). Esta axuda suplementaria concederase, na súa integridade, cando o plan de mellora da explotación corresponda a un agricultor/a mozo/a instalado ou que se vaia instalar na modalidade de titularidade exclusiva ou cando se trate dunha explotación prioritaria asociativa e, polo menos, a porcentaxe de socios/as mozos/as que cumpran este requisito sexa igual ou superior ao 50% dos socios totais.

d) No caso de que o beneficiario da axuda sexa titular dunha explotación de produción ecolóxica, obterá unha axuda suplementaria de ata o 5% das previstas nos parágrafos 2.a) 1.º e 2.a) 2.º deste artigo, agás no caso de seren solicitantes de axudas para plans de adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos en que as porcentaxes son as indicadas nos números 1.º e 2.º da alínea a), y que en ningún caso poderá superar os límites de intensidade establecidos no Regulamento 1698/2005.

e) A axuda consistirá nunha subvención directa de capital ou nunha subvención de capital, total ou parcial, dunha ou varias anualidades de amortización de préstamos formalizados para levar a cabo o investimento, tendo en conta que a subvención non poderá superar o límite de intensidade de axuda sobre o investimento total indicado na letra a). Estes préstamos non poderán superar o 90% do investimento total que se vaia realizar, e formalizaranse no marco do convenio financeiro entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e a entidade financeira en vigor.

f) Non obstante, serán denegadas as solicitudes para investimentos de plan de mellora cuxo investimento auxiliable sexa inferior a seis mil (6.000) euros por explotación, salvo que o tramo de investimento que quede sen auxiliar, de acordo co límite que corresponda conforme o sinalado no número 1, non supere a dita cantidade.

Artigo 7. Prazo de xustificación do plan de mellora.

As axudas recollidas nesta sección terán carácter plurianual sendo o prazo de xustificación dos investimentos aprobados, como máximo ata o 1 de xullo de 2014, inclusive. Non obstante, poderanse atender as solicitudes de prórroga dos investimentos que se presenten e que estean xustificadas e tramitadas, de acordo co parágrafo seguinte, sempre que tanto a xustificación dos investimentos como a correspondente solicitude de pagamento, non exceda o 15 de setembro de 2015.

En referencia ao anterior, e en casos excepcionais en que a persoa beneficiaria por causas alleas á súa vontade debidamente xustificadas non poida rematar a mellora no prazo previsto, deberá solicitar, como mínimo con dous meses de antelación ao do prazo máximo previsto na resolución aprobatoria, unha prórroga do prazo de execución, especificando os motivos, que deberá ser aprobada polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar.

Artigo 8. Modificación dos plans de mellora.

1. Unha vez aprobado o expediente, calquera cambio sobre os investimentos que se consideraron elixibles deberá ser solicitado nos seis meses posteriores á data de resolución aprobatoria e autorizado polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar con anterioridade á execución dos mesmos. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamento destes novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

2. Non obstante o establecido no número anterior, nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade o plan de mellora para o cal ten concedidas axudas ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos polos que a solicita, recalculándose a axuda segundo corresponda á redución do investimento.

En caso de que no control administrativo desa solicitude de pagamento se detecten discrepancias co solicitado polo beneficiario, aplicarase o réxime de reducións e exclusións establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) n.º 65/2011 da Comisión.

2. Primeira instalación de agricultores/as mozos/as

Artigo 9. Requisitos dos/as beneficiarios/as.

1. Os/as agricultores/as mozos/as que desexen acceder ás axudas á incorporación de agricultores mozos á actividade agraria (A-procedemento MR404A) , ademais dos requisitos que se desprenden da definición recollida na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, deberán cumprir os seguintes:

a) Posuír, no momento da súa instalación, o nivel de capacitación profesional suficiente, segundo o punto 2.b) 3.º do artigo 3 desta orde ou comprometerse a adquirilo nun prazo de dous anos. Este prazo computarase desde a data de resolución da axuda.

b) Instalarse nunha explotación agraria que requira un volume de traballo equivalente polo menos a unha UTA ou acadar esta condición nun prazo máximo de dous anos desde a súa instalación.

c) Comprometerse por escrito a exercer a actividade agraria durante cinco anos, contados desde a data de certificación da axuda.

Este compromiso será sometido a seguimento, en virtude das inspeccións e controis que se establezan, e poderaselle exixir, para eses anos e unha vez finalizado o período voluntario de presentación da declaración do IRPF, que remita ao Servizo Provincial de Explotacións Agrarias a copia compulsada da declaración do IRPF e os boletíns de cotización á Seguridade Social ou o informe de vida laboral.

d) Cumprir a explotación as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, segundo o indicado no anexo V desta orde, no prazo máximo de dous anos desde a instalación do/a mozo/a.

e) Persoa maior de 18 anos e menor de 40 anos de idade no momento da solicitude de axuda.

f) No caso de instalarse nunha explotación prioritaria, acadar a condición de agricultor profesional.

2. A solicitude da axuda deberá presentarse antes da primeira instalación do peticionario ou dentro dos seis primeiros meses posteriores a ela. Os investimentos ou gastos de instalación realizados polo/a mozo/a dentro dos referidos seis primeiros meses poderán ser considerados auxiliables:

• Documentación que hai que presentar.

Para solicitar a axuda presentarán a seguinte documentación:

– Anexo III (procedemento MR404A).

– Fotocopia do DNI (só no caso de non autorizar a consulta de datos do Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia).

– Plan de explotación (plan empresarial do artigo 13 do Regulamento (CE) 1974/2006) que reflicta o grao de viabilidade económica e a situación da explotación en que se instala e prevexa para el, en xeral, unha renda procedente daquela, medida en termos de marxe neta, polo menos do 35% da renda de referencia e inferior ao 120% desta. A marxe neta anterior deberá acadarse nos dous anos seguintes á instalación, e sempre con anterioridade á certificación, e a revisión do plan empresarial farase nos cinco anos desde a data da aprobación da axuda, e consistirá en comprobar o mantemento das súas condicións e unha avaliación dos progresos e previsións expostos nel.

O plan de explotación non será requirido no caso de que o/a mozo/a que se instala presente un plan de mellora.

– Informe de vida laboral.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria sobre as declaracións do IRPF presentadas polo/a solicitante e, se é o caso, copia das indicadas no punto 2.a) 1.º do artigo 3 desta orde.

– Solicitude de cambio de titularidade da explotación, se é o caso, en favor do agricultor/a mozo/a, axustado ao modelo normalizado da consellería.

– Solicitudes de transferencia, en favor da nova persoa titular, de ser o caso, dos dereitos de prima e da cota láctea que teña a explotación, agás no caso de instalación nunha explotación asociativa.

– Conformidade da entidade bancaria coa concesión do préstamo (se for o caso).

– Memoria do plan de mellora.

– Planos e bosquexo, ou proxecto.

– Facturas pro forma, en que se detallen claramente os conceptos dos bens polos que se solicita (fabricante, características técnicas).

– O cumprimento na explotación das normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais mediante a presentación de informe, emitido polos servizos técnicos competentes desta consellería, que o confirme ou, de non ser ese o caso, mediante documento asinado en que se manifeste o compromiso de cumprilas no prazo de dous anos, contados desde o momento da súa instalación.

3. Considerarase como data de primeira instalación a máis antiga da alta en Facenda na actividade agraria ou alta na Seguridade Social. Non obstante, e para os efectos da axuda, naqueles casos en que o/a mozo/a estean dados de alta na Seguridade Social Agraria e o titular da explotación sexa outra persoa, poderase considerar como data da instalación a da alta en Facenda na actividade agraria.

4. Non procederán estas axudas cando a instalación do/da mozo/a implique unha segregación de parte da explotación.

5. Os documentos públicos sinalados nos puntos 1 e 2 do artigo 10, así como a solicitude de cambio de titularidade da alínea e) e as solicitudes de transferencia recollidas na alínea f), poderán ser presentados unha vez aprobado o expediente xunto coa xustificación da realización dos investimentos. Nestes casos, coa solicitude de axuda á primeira instalación xuntarase un compromiso debidamente asinado polas dúas partes.

Artigo 10. Modalidade da primeira instalación prevista.

A primeira instalación dun/ha agricultor/a mozo/a poderá realizarse mediante as seguintes modalidades:

1. Acceso á titularidade exclusiva ou compartida da explotación agraria prioritaria, por compra, herdanza, pacto sucesorio, doazón, arrendamento, parzaría ou figuras xurídicas análogas, asumindo o/a mozo/a que se instala, polo menos, o 50% dos riscos e das responsabilidades civil, fiscal e social da xestión da explotación. Isto acreditarase mediante a escritura pública correspondente, así como a declaración do IRPF ou imposto de sociedades, segundo o caso, do anterior titular.

Tamén se considerará acreditada a titularidade no caso de cónxuxes ou persoas ligadas cunha relación de análoga afectividade, que constitúan unha entidade sen personalidade xurídica de titularidade compartida da explotación agraria conforme a Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias e a inscriban no Rexistro de titularidade compartida das explotacións agrarias de Galicia.

Neste caso, ambos titulares terán a consideración de socios dunha entidade asociativa, para os efectos de outorgar as axudas íntegras por mozo incorporado, aínda tratándose da mesma explotación.

2. Acceso á cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria.

Na escritura pública que se asine para tal efecto deberá constar o seguinte:

a) A relación de todos os elementos que compoñen a explotación, valorados a prezo de mercado dos que, sendo propietario o titular, estean integrados nela, con expresión detallada dos que se lle transmiten ao/á mozo/a, que deberán representar, polo menos, un terzo do valor total daqueles. Sen prexuízo do anterior, incluirase na transmisión, polo menos, un terzo da propiedade, tanto dos predios rústicos como do conxunto dos restantes bens inmobles. En todo caso, deberá indicarse expresamente que os usos e o aproveitamento de todos os elementos da explotación transmitidos ao/á mozo/a cotitular continuarán integrados na referida explotación.

b) O acordo, cunha duración mínima de seis anos, entre a persoa titular e o/a agricultor/a mozo/a conforme este compartirá as responsabilidades xerenciais, os resultados económicos da explotación, os riscos inherentes á súa xestión e aos investimentos que nela se realicen, nunha proporción igual ou superior ao 50%.

3. Integración como socio/a nunha entidade asociativa con personalidade xurídica, preexistente ou de nova constitución, que sexa titular dunha explotación agraria prioritaria presentarase a seguinte documentación:

a) Unha certificación expedida polo órgano reitor da entidade, onde se especifiquen as condicións de participación do/a agricultor/a mozo/a e a súa contribución.

b) Os estatutos da entidade.

c) A relación de socios/as que exercen a dirección técnica e de xestión, e

d) A condición da explotación como prioritaria, conforme o disposto no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Cando entre os gastos ou investimentos dun/ha mozo/a que se instale como socio/a dunha entidade asociativa figure o concepto de achega económica do/a mozo/a á entidade, a xustificación do gasto poderá realizarse mediante a acreditación correspondente da achega en diñeiro do/a mozo/a á entidade xunto á acreditación do gasto realmente efectuado pola sociedade nos ditos investimentos.

4. Instalación por primeira vez nunha explotación agraria non prioritaria: aquela en que o/a mozo/a se instala por primeira vez como titular persoa física, que acade, polo menos, o 15% da renda de referencia en termos de marxe neta, compatibilizando a actividade agraria desenvolvida na súa propia explotación con calquera outra actividade económica. Neste caso, a axuda será de ata o 60% dos indicados no artigo 12. Ademais, a dimensión da explotación deberá absorber 0,25 UTA. No momento da certificación presentará a alta en Facenda na actividade agraria e a declaración da renda que xustifique a obtención de ingresos agrarios, ou compromiso de presentala.

5. Cando, sendo titular dunha explotación agraria cuxa marxe neta non supere o 20% da renda de referencia, pase a ser titular dunha explotación prioritaria, ademais de cumprir os requisitos do artigo 9.1, terase en conta:

– Que a persoa moza solicitante sexa titular de explotación agraria, o cal se acreditará coa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

– Que a explotación non recibise axudas para o plan de mellora nin primeira instalación, nin tivese a cualificación de explotación prioritaria (agás se estiver situada en zona de montaña).

– Que a marxe neta da explotación sexa inferior ao 20% da renda de referencia.

– Que na última declaración do IRPF da persoa solicitante debe acreditar unha renda agraria inferior ao 20% da renda de referencia.

6. Cando, sendo titular dunha explotación agraria cuns niveis de dedicación de tempo e traballo e de renda unitaria deste inferiores aos mínimos establecidos para os titulares de explotacións prioritarias, acaden esta consideración en calidade de agricultor a título principal, ademais de cumprir os requisitos do artigo 10.1, terase en conta:

Que a persoa moza solicitante sexa titular de explotación agraria, o cal se acreditará coa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

– Que a explotación non recibise axudas para plan de mellora nin primeira instalación, nin tivese a cualificación de explotación prioritaria (agás se estiver situada en zona de montaña).

– Que a marxe neta da explotación sexa inferior ao 35% da renda de referencia.

– Que na última declaración do IRPF da persoa solicitante debe acreditar unha renda agraria inferior ao 35% da renda de referencia.

Artigo 11. Axudas á primeira instalación.

A axuda á primeira instalación de agricultores/as mozos/as, dirixida a auxiliar gastos e investimentos derivados dela consistirá en:

1. Unha prima por explotación, nunha contía máxima de 20.000 euros que se poderá substituír, total ou parcialmente, por unha bonificación de xuro equivalente.

2. Unha bonificación de xuros, que poderá aplicarse sobre o xuro preferente na súa totalidade, por un importe non superior a 20.000 euros dun préstamo formalizado no marco do convenio financeiro establecido entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e as entidades financeiras, o importe do cal non poderá superar o 90% do gasto total e será compatible coas axudas do número 1.

A contía máxima de axuda expresada anteriormente poderase incrementar nun 10% nos seguintes casos:

a) Cando se xere na explotación, polo menos, 1 UTA asalariada adicional á do/a mozo/a que se instala.

b) Cando a explotación estea situada nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fan referencia os incisos i), ii) e iii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005.

c) Cando o/a mozo/a teña aprobado un contrato de explotación sustentable. Neste caso, o incremento virá condicionado a que a dita aprobación sexa anterior á data de certificación do expediente de primeira instalación.

3. Non obstante o establecido nos párrafos 1 e 2, as axudas á primeira instalación non poderán superar os 52.000 euros nin o importe dos gastos e investimentos da instalación realizados.

Artigo 12. Casos especiais de primeiras instalacións.

1. Respecto dunha mesma explotación non poderá percibirse máis dunha prima por primeira instalación, durante o prazo dos cinco anos seguintes á data da súa concesión. No caso de instalacións múltiples, as axudas distribuiranse en función do grao de participación de cada mozo/a no conxunto dos gastos e investimentos derivados das ditas instalacións. Exceptúanse desta regra as primeiras instalacións dos/as mozos/as mediante a súa integración como socios nunha entidade asociativa, que se outorgarán de forma íntegra a cada mozo/a solicitante, sempre que o volume de traballo na explotación asociativa requira unha UTA para cada mozo/a que se instale.

2. As axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as poderanse conceder tamén naqueles casos en que a instalación se produza nunha explotación de nova creación. Nestas situacións deberase acreditar o acceso á explotación, mediante documento público, xa sexa de arrendamento do predio ou predios, compravenda, cesión, etc., ou documento de arrendamento a través do Bantegal.

3. Os cónxuxes ou parellas de feito legalmente recoñecidas, que acrediten que están en réxime de separación de bens no momento da solicitude, serán asimilados ás axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as nalgunha das modalidades indicadas no artigo 10. No caso de cónxuxes ou parellas de feito legalmente recoñecidas, en réxime de gananciais, só poderán ser beneficiarios das axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando o/a mozo/a se incorpore nunha explotación en que o titular sexa o seu cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida, e constitúan unha sociedade entre si, sempre que a explotación proporcione polo menos unha RUT do 35% da renda de referencia para cada un dos membros.

b) Cando se instale por integración como socio/a dunha entidade asociativa, que sexa resultado da fusión de, polo menos, dúas explotacións preexistentes en funcionamento, aínda que figure como socio/a partícipe o outro cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida, sempre que a explotación resultante proporcione unha RUT para cada mozo ou moza, polo menos, do 35% da renda de referencia.

Artigo 13. Aplicación das axudas da primeira instalación.

1. Para os efectos de aplicación das axudas previstas neste artigo, teranse en conta os seguintes gastos e investimentos:

– Pagamento da anualidade dun contrato de arrendamento de terras.

– Gastos notariais e rexistrais derivados da primeira instalación.

– Gastos de permisos, licenzas e autorizacións administrativas orixinados pola instalación do beneficiario.

– Achega económica do/a mozo/a á entidade asociativa para a súa integración como socio/a nela.

– Adquisición de dereitos de produción e dereitos a prima de carácter individual e transferible conforme a normativa vixente de carácter sectorial que resulte de aplicación.

– Custos de avais dos préstamos de primeira instalación.

– Pagamento dos dereitos hereditarios, se é o caso, a coherdeiros/as da explotación familiar en que se instala a persoa beneficiaria.

– Maquinaria agrícola.

– Adquisición ou acondicionamento da vivenda, a cal deberá constituír a residencia habitual do/a mozo/a e estar situada na mesma comarca ou nunha comarca limítrofe á da explotación. Ademais, a construción nova efectuarase nun soar da propiedade, privativa ou ganancial, do mozo ou moza.

Pola súa banda, a construción ou acondicionamento exterior da vivenda deberá ser acorde coa tipoloxía da zona e coa normativa urbanística correspondente.

Así mesmo, as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán ter outorgada a licenza municipal, como moi tarde, o 30 de setembro do ano da convocatoria. Ademais, no caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial, este deberá estar outorgado, como moi tarde, o 30 de setembro do ano da convocatoria. O non cumprimento destes requisitos suporá a non aprobación da axuda.

– Adecuación do capital de explotación.

2. No caso de investimentos en bens materiais ou inmateriais (obras), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, de acordo co establecido no número 6 do artigo 4 da presente orde.

Artigo 14. Prazo de xustificación e acreditación da primeira instalación.

1. O prazo de xustificación dos investimentos e gastos aprobados para a primeira instalación será o mesmo que o previsto para os plans de mellora no artigo 7 desta orde.

2. A acreditación de que se produciu a primeira instalación, con carácter previo á percepción da axuda, efectuarase coa presentación:

a) Da documentación suficiente xustificativa da realización dos gastos de instalación aprobados.

b) Do documento de alta no réxime na actividade agraria da Seguridade Social que lle corresponda e o documento de alta no censo de actividades económicas do Ministerio de Economía e Facenda (declaración censual modelo 036 ou 037).

c) Da declaración do IRPF correspondente ao último período, se é o caso.

d) Dos documentos indicados no último parágrafo do artigo 9, de non telos presentado coa solicitude de axuda.

3. En casos excepcionais en que a persoa beneficiaria, por causas alleas á súa vontade debidamente xustificadas, non poida rematar os investimentos elixibles no prazo previsto, deberá solicitar, como mínimo con dous meses de antelación ao do prazo máximo previsto na resolución aprobatoria, unha prórroga do prazo de execución, especificando os motivos, que deberá ser aprobado polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar.

4. Unha vez aprobado o expediente, calquera cambio sobre os investimentos que se consideraron elixibles deberá ser solicitado nos seis meses posteriores á data de resolución aprobatoria e autorizado polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar con anterioridade á súa execución. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamento destes novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

5. Non obstante o establecido no número anterior, nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade os investimentos para os cales ten concedidas axudas ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos polos que a solicita, recalculándose a axuda segundo corresponda á redución do investimento.

En caso de que no control administrativo desa solicitude de pagamento se detecten discrepancias co solicitado polo beneficiario, aplicarase o réxime de reducións e exclusións establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) n.º 65/2011 da Comisión.

Sección 2.ª Procedemento de concesión das axudas

Artigo 15. Presentación de solicitudes.

1. A presentación das solicitudes de axudas para cada medida das incluídas nesta orde realizarase segundo o previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados que estarán á disposición dos interesados nas mencionadas oficinas. Coa solicitude de axuda prestentarase a documentación complementaria establecida nesta orde para cada tipo de axuda solicitada.

2. Ademais, de acordo co artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas que soliciten as axudas previstas nesta orde, acreditarán, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da axuda, que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por concepto ningún, coa Xunta de Galicia. A presentación da solicitude de concesión da axuda pola persoa interesada comportará, durante todo o período de compromisos, a autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As oficinas agrarias comarcais asesorarán as persoas solicitantes na realización dos estudos técnico-económicos necesarios para a elaboración dos plans de mellora das estruturas das explotacións e das axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as, iniciando a instrución dos expedientes, os cales serán remitidos debidamente cubertos aos servizos de explotacións agrarias.

Artigo 16. Conformidade previa á formalización do préstamo.

Na tramitación de calquera das solicitudes de axuda previstas nesta orde que estean vinculadas a préstamo, e como condición para que a axuda sexa aprobada, a persoa solicitante deberá achegar a conformidade coa concesión do préstamo correspondente dunha entidade financeira asinante do convenio financeiro.

Artigo 17. Distribución do crédito e criterios de prioridade.

1. Distribución do crédito e criterios de prioridade das axudas aos plans de melloras.

a) Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 29, segundo o tipo de solicitante:

a.1. Solicitante dun plan de mellora para a reordenación de superficies de pastoreo para uso en común: 6%.

a.2. Solicitude dun plan de adaptación ás normas mínimas para a protección de porcos: 6%.

a.3. Solicitante de plan de mellora distinto ao do punto a.1: 88%.

b) Dentro de cada un dos grupos anteriores establecerase unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación:

1) Explotación prioritaria: 6 puntos.

2) Investimentos que supoñan aforro no consumo de auga na explotación, superiores ao 50% do investimento total elixible: 6 puntos.

3) Investimentos en implantación de pradarías e peches para pastoreo, superiores ao 50% do investimento total elixible: 5 puntos.

4) Plan de mellora ligado a primeira instalación: 5 puntos.

5) Explotacións leiteiras con carga gandeira inferior a 3,5 UGM/ha: 3 puntos.

6) Situación da explotación nun concello de montaña: 3 puntos.

7) Explotacións de produción ecolóxica: 3 puntos.

8) Explotación de titularidade compartida: 1 puntos.

No caso de empate en puntos priorizaranse as explotacións prioritarias, e se o empate continúa priorizaranse as situacións na orde indicada neste punto, e se seguise o empate priorizaranse en orde de maior a menor investimento elixible.

c) No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se cubra a totalidade do importe especificado na letra a), os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

2. Prioridade das axudas á primeira instalación:

Establecerase unha orde de prioridade segundo os seguintes criterios de prioridade:

a) Primeira instalación ligada a un plan de mellora: 5 puntos.

b) Instalación nunha explotación ecolóxica: 3 puntos.

c) Axuda ligada ao préstamo ata: 3 puntos.

d) Situación da explotación nun concello de montaña: 3 puntos.

e) Instalación do/a mozo/a mediante a modalidade establecida no artigo 10.1: 2 puntos.

f) Cónxuxe que se incorpora á actividade agraria a unha explotación de titularidade compartida: 1 punto.

No caso de empate en puntos priorizaranse as primeiras instalacións ligadas a un plan de mellora, e se o empate continúa priorizaranse as situacións na orde indicada neste punto.

Artigo 18. Tramitación e resolución.

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución de cada expediente corresponderá ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, que estará presidido pola subdirectora xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. Posteriormente serán notificadas as persoas interesadas e, de ser o caso, a entidade financeira correspondente, segundo o previsto na normativa vixente e nos convenios establecidos ou que se establezan entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e as entidades financeiras.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de nove meses desde a publicación desta orde. Se transcorrer o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativos de reposición e contencioso-administrativo.

3. Na resolución aprobatoria indicarase o prazo de execución dos investimentos aprobados establecido nos artigos 7 e 14 respectivamente.

Artigo 19. Certificación dos investimentos e gasto.

1. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento, con posterioridade á data de presentación da solicitude ou da data da acta de non inicio se esta for anterior a aquela, de acordo co que establece o punto 16 do artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e con anterioridade á data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicarllo, por escrito, preferentemente, ás oficinas agrarias comarcais, con anterioridade ao remate do prazo concedido para a execución das melloras, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento, para os efectos do Regulamento (UE) n.º 65/2011 da Comisión.

3. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais, acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro).

No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «cofinanciado con fondos comunitarios».

As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola de outro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións; consignaranse todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, se lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que si o recoñece.

k) Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de pro rata; nestes casos, deberá xuntarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

4. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria deberá ser orixinal ou copia compulsada, e estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

5. No caso de incorporación de mozos á actividade agraria cando se trate de investimentos en maquinaria, ademais da factura, achegarase xustificante da inscrición no rexistro de maquinaria agrícola. No caso de maquinaria arrastrada, presentarase a documentación de matriculación.

6. Condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben:

a) Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.) só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

d) Os anteriores supostos deberán respectar o establecido no artigo 5 do Real decreto 1852/2009.

7. Unha vez comunicada a finalización dos investimentos, o persoal técnico das oficinas agrarias comarcais, dos servizos provinciais de Explotacións Agrarias ou outro designado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizarán as correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 6.000 euros de investimento, agás nos casos referidos no último parágrafo do artigo 7.

8. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

9. No caso de que no control administrativo sobre as UTA da explotación na solicitude de pagamento, se o número desas UTA é menor que o que figura na aprobación do expediente na situación prevista, suporá un incumprimento dos compromisos da aprobación e levará como consecuencia a perda do dereito á axuda. Así mesmo, se no caso de que no dito control se verifica que non se cumpren os condicionantes para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes e non se acada a puntuación mínima exixida para esa aprobación, suporá un incumprimento dos compromisos da aprobación e igualmente levará como consecuencia a perda do dereito á axuda.

10. Antes do pagamento das axudas para plans de mellora ou da primeira instalación de agricultores/as mozos/as, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma.

11. a) Os beneficiarios das axudas establecidas na sección 1.ª.1 (plans de melloras) poderán solicitar o aboamento dun anticipo, nos tres meses posteriores á data de concesión da axuda, o cal non poderá superar nin o 20% do custo total do investimento considerado como elixible, de acordo co artigo 56.2 do Regulamento (CE) 1974/2006, nin o 50% da subvención concedida, segundo se establece no artigo 63.1.2 do Decreto 11/2009, ou calquera outra porcentaxe superior aprobada regulamentariamente pola Comisión Europea.

b) Así mesmo, e consonte o referido artigo 56 do Regulamento (CE) 1974/2006, a súa liquidación deberá supeditarse á constitución dunha garantía bancaria ou dunha garantía equivalente que corresponda ao 110% do importe anticipado, e a garantía liberarase cando a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria comprobe que o beneficiario cumpre todos os requisitos exixidos na convocatoria para o pagamento da axuda e o importe dos gastos considerados finalmente como elixibles supera o importe do anticipo.

12. Sen prexuízo dos anteriores puntos, e para os efectos da xustificación dos investimentos, terase en consideración o establecido no artigo 4 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

13. O beneficiario deberá dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

Artigo 20. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda, excepto as previstas no Real decreto 457/2010, do 16 de abril, polo que se regulan as bases para a concesión de axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola, así como nas previstas nas axudas destinadas ás explotacións gandeiras para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 21. Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria, sempre que cumpran as condicións previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Reintegro das axudas.

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Axudas non reintegrables.

a) Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

1.º Falecemento do beneficiario.

2.º Longa incapacidade profesional da persoa beneficiaria.

3.º Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

4.º Catástrofe natural grave que afecte considerablemente as terras da explotación.

5.º Destrución accidental dos edificios para o gando da explotación.

6.º Epizootia que afecte a totalidade ou a unha parte do gando do/a produtor/a.

A persoa beneficiaria ou o seu habente causa notificará por escrito á autoridade competente os casos de forza maior ou as circunstancias excepcionais, presentando as probas pertinentes á satisfacción da devandita autoridade, no prazo dos dez días hábiles seguintes á data en que a persoa beneficiaria ou o seu habente causa estea en condicións de facelo.

b) Cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria transfira a súa explotación a outra persoa que cumpra os requisitos exixidos, esta poderá asumir o compromiso e subrogarse en compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas. Poderá non exixir o reembolso se, no caso de cesamento definitivo das actividades agrarias por parte dunha persoa beneficiaria que cumprise unha parte significativa do compromiso, a asunción do compromiso polo/a sucesor/a non resulta factible.

3. a) Cando se conceda un anticipo de acordo co sinalado no artigo 19.11.a), e unha vez certificados os investimentos, consonte o artigo 19, se a axuda definitiva a que ten dereito resultar inferior ao importe do anticipo, o beneficiario reembolsará a diferenza entre o anticipo percibido e a axuda que lle corresponde, máis os xuros legais calculados segundo o disposto no artigo 5 do Regulamento (UE) n.º 65/2011 da Comisión, salvo que concorra algunha das causas de forza maior sinaladas no número 2.

b) Se o beneficiario percibe un anticipo e non executa os investimentos no prazo máximo previsto nos artigos 7 e 14, deberá reintegrar todo o anticipo máis os xuros legais contados desde a data do pagamento, salvo que concorra algunha das causas de forza maior sinaladas no número 2.

4. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e coa orde establecida.

Artigo 24. Recursos administrativos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 25. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural e do Mar farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader, e serán informados tamén os beneficiarios do eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

2. Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 e 500.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa ou un panel publicitario, respectivamente, no cal figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural».

3. Así mesmo, neste senso deberase tamén cumprir o establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 26. Controis, reducións, exclusións e sancións.

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria será a responsable de efectuar os seguintes controis en aplicación do Regulamento (UE) n.º 65/2011 da Comisión:

a) En todos os casos:

– Control administrativo sobre o 100% das solicitudes de axuda. As solicitudes que superen este control serán propostas para aprobación polos servizos provinciais de Explotacións Agrarias. De entre elas seleccionaranse por concorrencia competitiva as que serán aprobadas.

– Control administrativo sobre o 100% das solicitudes de pagamento. As solicitudes de pagamento que superen este control serán propostas para o pagamento.

– Control sobre o terreo sobre unha porcentaxe das solicitudes de pagamento que superasen o control administrativo da solicitude de pagamento.

– Control a posteriori sobre unha porcentaxe dos expedientes xa pagados e que estean dentro do período de cumprimento de compromisos.

b) A maiores dos anteriores, no caso das primeiras instalacións comprobarase o cumprimento do plan empresarial sobre unha porcentaxe dos expedientes xa pagados e que estean dentro do período de compromisos.

2. Os pagamentos calcularanse sobre a base do que se considera elixible, tras determinar:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento. Para tal efecto, tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

A cantidade que se pagará ao beneficiario será a definida no importe b). Cando o importe a) supera o importe b) en máis dun 3%, a cantidade pagadoira é igual ao importe b) menos a diferenza entre os dous importes. Esta redución non se aplicará cando o beneficiario poida demostrar que non é responsable da inclusión do importe non elixible.

As reducións prescritas aplicaranse igualmente sobre os gastos non elixibles identificados nos controis sobre o terreo, cando son posteriores ao pagamento, e nos controis a posteriori.

3. Cando se determine intencionalidade na presentación dunha declaración falsa, o beneficiario quedará excluído da axuda Feader en cuestión e do resto das axudas vinculadas á medida durante o exercicio Feader de que se trate e os dous seguintes. Ademais, recuperaranse os importes aboados pola operación ata ese momento, no caso de ter pagamentos parciais.

4. Así mesmo, será aplicable o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007. Todo o anterior é sen prexuízo das sancións a que puideren dar lugar a aplicación da lexislación vixente en materia de axudas.

Sección 3.ª Convocatoria 2012

Artigo 27. Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2012 as axudas regulamentadas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas, con carácter xeral, nesta orde.

Artigo 28. Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A presentación da solicitude de axuda realizarase segundo o previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente nos rexistros das oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados na Orde do 19 de xullo de 2011, así como tamén poderase presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: http://www.xunta.es/sede-electronica

3. Non obstante o anterior, para os casos de primeiras instalacións de mozos/as motivadas por cesamento anticipado na actividade agraria acollidos ás axudas ás que fai referencia o artigo 23 do Regulamento 1698/2005, de Feader, ou por falecemento, xubilación ou invalidez do actual titular da explotación, o prazo permanecerá aberto ata o 30 de novembro.

Artigo 29. Financiamento das axudas.

O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas con fondos Feader nunha porcentaxe do 57,56%, efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

1. 16.22.712B 722.0 (CP 2007 00399), para as axudas previstas na sección primeira número 1: Plans de mellora da devandita orde, na cal existe crédito adecuado para o ano 2012, cen mil euros (100.000 euros); para o ano 2013 de un millón cincocentos mil euros (1.500.000 euros), para o ano 2014 de sete millóns cincocentos mil euros (7.500.000 euros), e para o ano 2015 de sete millóns cincocentos mil euros (7.500.000 euros). En total dezaseis millóns seiscentos mil euros (16.600.000 euros). A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

2. 16.22.712B 722.0 (CP 2007 00400) para as axudas previstas na sección primeira número 2: Primeira instalación de agricultores mozos, na cal existe crédito adecuado para o ano 2012, cen mil euros (100.000 euros); para o ano 2013 dun millón de euros (1.000.000 euros), para o ano 2014 de cinco millóns novecentos mil euros (5.900.000 euros). En total sete millóns euros (7.000.000 euros). A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.

3. As cantidades dos números 1 e 2 deste artigo correspóndense cos compromisos dos expedientes que se aprobarán nesta convocatoria. Os ditos gastos serán comunicados á Comisión Europea no período establecido pola programación dos fondos Feader. En todo caso os compromisos adaptaranse ao período de subvencionalidade establecido na Decisión que aproba o PDR Galicia 2007-2013, Decisión CE (2008) 703, do 15 de febreiro, modificada pola Decisión C (2010) 1227, do 5 de marzo de 2010.

Disposición adicional primeira. Cualificación de explotacións agrarias prioritarias.

Nos casos en que a documentación presentada pola persoa solicitante das axudas previstas nesta orde sexa suficiente e se reúnan os requisitos exixidos, o director xeral de Produción Agropecuaria efectuará a cualificación da explotación como prioritaria, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización de explotacións agrarias e no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Disposición adicional segunda. Normativa subsidiaria.

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 e no Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, e nos regulamentos que o desenvolven, así como tamén no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, do 4 de xullo, e na Lei 35/2011, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, do 4 de outubro.

Disposición adicional terceira. Publicidade das axudas.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional cuarta. Documentación en poder da Administración.

Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural e do Mar ou na súa base de datos, non será necesario que os presente a persoa solicitante, serán obtidos directamente pola unidade tramitadora do expediente, entre outros, folla de saneamento gandeiro, cota láctea, dereitos de prima, axudas do pagamento único, declaración de superficie, cualificación da explotación como prioritaria, cualificación da explotación como ecolóxica ou contrato de explotación sustentable. Así mesmo, terase en conta o que establece a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de xaneiro de 2012 (Diario Oficial de Galicia n.º 10, do 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico.

Disposición adicional quinta.

Os expedientes de axuda presentados ao abeiro da convocatoria de 2011 respecto dos cales non se ditou resolución expresa de concesión da axuda, poderanse ter en conta na convocatoria de 2012, sempre que a persoa interesada así o solicite expresamente e cumpra co disposto nesta convocatoria.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase ao director xeral de Produción Agropecuaria para o establecemento das marxes brutas das principais actividades produtivas das explotacións das distintas comarcas galegas, así como para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde, as cales serán publicadas na web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Disposición adicional segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V
Aspectos relacionados coas limitacións sectoriais e o cumprimento das normas ambientais de hixiene e benestar dos animais exixibles ás explotacións beneficiarias destas axudas

A) Limitacións sectoriais.

1. En razón do produto, do tipo de investimento e da capacidade actual e prevista da explotación, poderán excluírse deste réxime de axudas os investimentos que aumenten a produción sen saídas normais do mercado. En todo caso, serán de aplicación as limitacións á produción, investimentos ou axudas reguladas nas organizacións comúns de mercado.

2. Os investimentos que se vaian realizar naqueles sectores para os cales se teñan establecido cotas, primas ou calquera outro dereito de produción, serán auxiliables sempre que se acredite, á súa finalización, a dispoñibilidade deles en contía suficiente, o cal se comprobará na base de datos da Consellería.

3. Estas axudas non serán de aplicación aos investimentos dirixidos a mellorar a produción agraria que sexan auxiliados acolléndose aos fondos establecidos nas organizacións comúns de mercado. No caso concreto da viña, non se concederán axudas para a súa reestruturación previstas no Regulamento (CE) 1493/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, polo que se establece a OCM vitivinícola, e normativa de desenvolvemento.

4. No sector da produción do mel non se auxiliarán as accións establecidas no Regulamento (CE) 797/2004 do Consello, do 26 de abril, relativo ás medidas destinadas a mellorar as condicións de produción e comercialización dos produtos da apicultura.

5. Estas axudas non se aplicarán a investimentos no sector forestal, xa recollidas na subsección segunda do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

B) Para poder acceder ás axudas ao desenvolvemento rural no período 2007-2013, e en particular ás destinadas á mellora das estruturas agrarias, a normativa aplicable ao dito período establece no Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no artigo 26, na súa alínea b), que as explotacións agrarias cumpran as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate.

1. Normas mínimas de ambiente, hixiene e benestar dos animais exixibles ás explotacións beneficiarias.

a) As explotacións con actividade gandeira obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra enfermidades, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 8/2003, de sanidade animal, e normativa que a desenvolve.

b) As explotacións con actividade agrícola obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra os axentes nocivos, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 43/2002, de sanidade vexetal, e normativa que a desenvolve.

A seguir enuméranse as normas de aplicación:

Normas ambientais.

Directiva 96/61/CE do Consello do 24 de setembro de 1996 relativa á prevención e ao control integrados da contaminación.

Lei 4/1989, de conservación de espazos naturais e da flora e fauna silvestres (Directiva 79/409 CEE e parte da Directiva 92/43/CE) e as súas modificacións.

Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Real decreto 1997/1995, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (Directiva 92/43 CE), e as súas modificacións.

Lei 10/1998, sobre residuos (Directiva 91/156/CEE), e as súas modificacións.

Real decreto 261/1996, sobre protección contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias (Directiva 91/76/CE), e as súas modificacións.

Real decreto 1310/90 e Orde do 26 de outubro de 1993 sobre o emprego de lodos de depuradora en agricultura e as súas modificacións.

Normas de hixiene.

Entre as normas de hixiene que requiren adaptación das explotacións e de recente entrada en vigor figuran:

Regulamento (CE) 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, relativo á hixiene dos produtos alimenticios.

Regulamento (CE) 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal.

Directiva 2002/99/CE sobre normas zoosanitarias aplicables á produción, transformación, distribución e introdución dos produtos animais destinados a consumo humano.

Normas de benestar dos animais.

Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, relativo á protección dos animais en explotacións gandeiras (Directiva 98/58/CE), e as súas modificacións.

Sector vacún (becerros).

Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de becerros, modificado polo Real decreto 229/1998, do 16 de febreiro. (Directiva 91/629/CEE), e as súas modificacións.

Sector avícola.

a) Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras, e as súas modificacións.

b) Real decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación de avicultura de carne, e as súas modificacións.

Sector porcino.

a) Real decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativo ás normas mínimas para a protección de porcos, e as súas modificacións.

b) Decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións porcinas, e as súas modificacións.

Sector cunícola.

Explotacións cunícolas: Real decreto 1547/2004 do 25 de xuño, que establece as normas de ordenación das explotacións cunícolas, e as súas modificacións.

Sector apícola.

Explotacións apícolas: Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, modificado polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, e as súas modificacións.

ANEXO VI

Investimentos incremento superficie forraxeira:

Cercas e mallas

Pastor electrico

Implantación de pradarías con e sen eliminación dos tocos

Implantación cultivos:

Acolchados para horta ou para flor

Invernadoiros

Umbráculos

Implantación de plantas ornamentais

Implantación de outros cultivos

Plantación de froteiras

Instalacións aforro de auga:

Conduccions xerais

Estanque ou balsa

Sistemas de rega

Pozos

Saneamentos e drenaxes

Bomba de auga

Depósito de auga

Instalacións de muxidura:

Equipamentos de muxidura (excepto robot)

Tanque de refrixeración

Instalacións agrícolas:

Alprendes e almacéns

Cortes, construcións e instalacións para as diferentes especies de gando

Fosa lavado-lixiviado

Fosa xurro

Silos forraxeiros

Silo de penso

Bebedoiro portatil

Adaptación das explotacións porcinas á normativa de benestar

Instalacións aforro enerxético:

Baterías condensadores

Grupo electróxeno

Instalación de produción térmica/biomasa

Instalación placa para arrefriamento do leite

Instalación de enerxía solar, fotovoltaica, eólica

Paneis para produción de enerxía solar.

Sistema recuperador de calor

Variadores de frecuencia

Outros:

Equipamento de detección de celo e mamite

Honorarios de proxecto e anteproxecto

Potabilizadora

Sistema dosificador de medicinas

Maquinaria agrícola:

Tractores, maquinaria e apeiros agrícolas

Poderanse aprobar investimentos, baixo o concepto «outros investimentos» sempre que se trate de melloras que pola súa especificidade ou a súa innovación tecnolóxica non foron recollidas no anexo. Nestes casos, xunto coa solicitude presentarase unha memoria en que se xustifique a súa importancia e necesidade para o funcionamento da explotación, así como, de ser o caso, a innovación tecnolóxica que introduce.

Tamén deberán presentar tres orzamentos diferentes, independentemente do volume de investimento, ou unha xustificación de que non hai oferta suficiente para obter os tres orzamentos.

O importe destas melloras será o menor dos tres orzamentos presentados.

Estes investimentos para seren elixibles deberán ter un informe favorable do servizo territorial correspondente, e seren comunicados á Subdirección Xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias.