Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 9 de maio de 2012 Páx. 17342

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se fixan o lugar e a data de realización da proba práctica para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante Resolución do 20 de xaneiro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, convócanse as probas para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG n.º 24, do 4 de febreiro).

Na base sexta da dita resolución establécese que «O tribunal cualificador das probas será designado por resolución do director xeral de Conservación da Natureza, que se publicará no DOG. Nesta resolución fixarase, así mesmo, a data e o lugar de realización das probas».

Na base sétima da dita resolución establécese que «Os exames estarán constituídos por un exercicio teórico por escrito e un exame práctico con cans e proxeccións de imaxes seleccionadas pola Consellería do Medio Rural».

Mediante Resolución do 26 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, desígnase o Tribunal Cualificador e se fixan o lugar e a data de realización da proba teórica para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG n.º 158, do 19 de agosto).

En virtude da citada competencia,

resolvo:

Primeiro. A proba práctica desenvolverase en dúas partes: exercicios de obediencia e modificación de conduta con cans, onde o aspirante deberá defender oralmente as técnicas utilizadas e responderá as preguntas realizadas polo tribunal e un exercicio escrito sobre vídeos de comportamento e adestramento canino visionados.

A dita proba realizarase no Refuxio do Bando situado en Zamarracedo, Bando, Santiago de Compostela, os días 24 e 25 de maio. A distribución dos aspirantes para a realización da proba será a seguinte:

– Os aspirantes cuxos apelidos estean comprendidos entre a letra A e a letra G (ambas as dúas inclusive) realizarán a proba o 24 de maio de 2012 ás 9.00 horas.

– Os aspirantes cuxos apelidos estean comprendidos entre a letra H e a letra P (ambas as dúas inclusive) realizarán a proba o 24 de maio de 2012 ás 11.30 horas.

– Os aspirantes cuxos apelidos estean comprendidos entre a letra Q e a letra R (ambas as dúas inclusive) realizarán a proba o 25 de maio de 2012 ás 9.00 horas.

– Os aspirantes cuxos apelidos estean comprendidos entre a letra S e a letra Z (ambas as dúas inclusive) realizarán a proba o 25 de maio de 2012 ás 11.30 horas.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2012.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza