Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 9 de maio de 2012 Páx. 17344

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 121/2012, do 26 de abril, polo que se modifica a denominación da Facultade de Humanidades e da Escola Universitaria de Fisioterapia da Universidade da Coruña.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior non supón só a modificación das titulacións da anterior ordenación das ensinanzas universitarias senón tamén a dos centros en que estas se imparten. Neste decreto autorízase a modificación da denominación, na Universidade da Coruña, da Facultade de Humanidades que pasará a denominarse Facultade de Humanidades e Documentación e da Escola Universitaria de Fisioterapia que pasará a denominarse Facultade de Fisioterapia, para adaptala á estrutura dos novos estudos de grao.

En aplicación do artigo 8 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, por proposta do Consello de Goberno da universidade da Coruña, co informe previo favorable do seu consello social, logo do informe favorable do Consello Galego de Universidades en exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e seis de abril de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Autorizar a modificación da denominación da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, que pasará a denominarse Facultade de Humanidades e Documentación.

Artigo 2.

Autorizar a modificación da denominación da Escola Universitaria de Fisioterapia da Universidade da Coruña, que pasará a denominarse Facultade de Fisioterapia.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria