A Corporación Municipal en Pleno, na sesión que tivo lugar o 26 de marzo de 2012, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:
«Primeiro. Prestar aprobación inicial á modificación puntual n.º 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Sanxenxo, contida no documento asinado o 14 de marzo de 2012 por Rafael Vázquez Abal, José Manuel Rey Rial e Juan Lorenzo Ramírez.
Segundo. Ao abeiro do disposto no artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA), sométase o expediente completo ao trámite de información pública durante un prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión na provincia de Pontevedra.
Terceiro. Simultaneamente, e durante o mesmo tempo que a información pública, déase audiencia aos concellos limítrofes, e solicítense os informes sectoriais que resulten pertinentes, consonte o previsto nos informes dos técnicos municipais que figuran unidos ao expediente, co fin de que sexan emitidos no prazo máximo dun mes, agás que a lexislación sectorial sinale outro prazo».
En consecuencia, durante o prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán consultar o expediente nas oficinas da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Sanxenxo, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e formular por escrito as alegacións que xulguen oportunas.
Sanxenxo, 29 de marzo de 2012.
Catalina González Bea
Alcaldesa presidenta