Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 4 de maio de 2012 Páx. 16797

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello do Saviñao

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Saviñao.

O Pleno do Concello do Saviñao, en sesión extraordinaria e urxente do día 28 de marzo de 2012, conforme o disposto no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co disposto nos artigos 11 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, e 7 da vixente Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, acordou, por maioría absoluta:

1. Aprobar inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Saviñao, elaborado por Abante Arquitectura S.L.P., en que se inclúe o informe de sustentabilidade ambiental (ISA).

2. Someter o plan xeral a información pública, por un prazo de dous meses, efectuando a publicación dos anuncios correspondentes no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión da provincia (El Progreso e La Voz de Galicia). Para estes efectos o período de información pública rematará transcorridos os dous meses desde o seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante este prazo todas as persoas interesadas poderán facer uso do seu dereito a consultar os documentos nas dependencia do Concello do Saviñao e presentar as alegacións escritas oportunas, en horario de oficina.

3. Suspender, de conformidade co sinalado no artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e con carácter xeral, o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento nos cales as novas determinacións supoñan unha modificación da ordenación urbanística vixente. Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento.

O Saviñao, 30 de marzo de 2012.

Joaquín González González
Alcalde presidente