Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 3 de maio de 2012 Páx. 16200

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se prorroga a bolsa de interinos regulada na Orde do 10 de febreiro de 2009 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia e aprobada pola Resolución do 26 de abril de 2010 da Dirección Xeral de Xustiza.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, establece que os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza poderán nomear funcionarios interinos por necesidade do servizo cando non sexa posible, coa urxencia exixida polas circunstancias, a prestación de servizos por funcionarios de carreira, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen por disposición da Comunidade Autónoma.

Mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, e a teor do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o órgano encargado de exercer as competencias con respecto ao referido persoal é a Dirección Xeral de Xustiza.

Mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 10 de febreiro de 2009, regúlase a selección e o nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (DOG n.º 43, do 3 de marzo).

A dita orde prevé no seu artigo 6.3 que as bolsas terán unha vixencia de dous anos, salvo que se esgote algunha das súas listas ou que, por modificacións lexislativas ou por circunstancias especiais, sexa necesario realizar unha nova convocatoria. Esta convocatoria anticipada requirirá a consulta previa á comisión paritaria de interinos.

Ao estar próxima a finalización da vixencia das actuais bolsas, é procedente acordar a súa prórroga ata que se realice a nova convocatoria, que requirirá a negociación previa coas organizacións sindicais máis representantivas.

Con base no anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto.

Prorrogar durante seis meses, desde a entrada en vigor da presente resolución, a vixencia da bolsa de interinos regulada na Orde do 10 de febreiro de 2009 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, e aprobada pola Resolución do 26 de abril de 2010 da Dirección Xeral de Xustiza.

Segundo. Recursos.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición, ante o director xeral de Xustiza, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente, no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2012.

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza