Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 2 de maio de 2012 Páx. 15902

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 17 de abril de 2012 sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago de Compostela na rúa da Estrada con esquina á travesía da Estrada.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta co Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente por ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 3.10.2007 (aprobación parcial) e do 1.9.2008.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 24.6.2011 declarar a non necesidade de someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan informes técnico do arquitecto-xefe do Servizo de Planeamento e Xestión do 15.7.2011; e xurídico da xefa de Sección de Xestión Urbanística e do secretario do concello do 20.7.2011, previos á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

4. A modificación non foi sometida a informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da Lei 9/2002) por non afectar a clasificación do solo, a intensidade de uso nin os sistemas xerais previstos no planeamento (artigo 93.4 da LOUG).

5. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 29.9.2011. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 11.10.2011, e DOG do 14.10.1.2011). Non foron presentadas alegacións segundo certificado do 15.12.2011. O acordo foi notificado aos concellos estremeiros.

6. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do concello pleno do 29.12.2011.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O proxecto afecta uns terreos situados entre o sector de solo urbanizable programado SUP-7 A Pontepedriña (con plan parcial aprobado o 30.6.2003, modificado e mantido en vigor coas súas modificacións, polo plan xeral) e a rúa da Estrada.

2. O ámbito abrangue 1.050 m2 de superficie, clasificados como solo urbano consolidado con ordenanza 3 Edificación en liña e unha altura máxima de B+2 e 12 m.

3. A modificación ten por obxecto unificar as cornixas das edificacións estremeiras no solo urbanizable programado SUP-7 (B+5P) coas do ámbito da modificación (B+2P) e deberase dispor a edificación en niveis para mantela de xeito que non se xere a medianeira vista no límite entre o ámbito da modificación e o sector SUP-7.

4. Para conseguir tal obxectivo a modificación engade un número 7 ao artigo 140 da normativa do plan xeral, introducindo unha variante 3B da ordenanza 3 Edificación en liña, de xeito que no rueiro sinalado poderase igualar a altura de cornixa coa da edificación estremeira prevista no plan parcial do SUP 7,s sen incrementar a edificabilidade, o que comporta a correlativa redución do fondo máximo edificable.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar:

1. De conformidade co artigo 94.1 da LOUG, as modificacións de planeamento urbanístico deberán fundamentarse en razóns de interese público debidamente xustificadas. A xustificación da proposta é a obtención dunha mellora de estética urbana ao posibilitar a supresión da medianeira vista que se aparecería na estrema do ámbito da modificación co sector SUP 7 debida ao desnivel entre B+2 e B+5, o que pode ter acollida como unha mellora da ordenación detallada vixente.

2. A redacción modificada da normativa non supón alteración das aliñacións do rueiro nin aumento de intensidade de uso. Os aumentos de altura propostos son proporcionados co largo das rúas a que dan fronte, permitindo así o mantemento dunhas condicións de habitabilidade suficientes (artigo 48.1 e 48.5 da LOUG).

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva a modificación puntual do PXOM do Concello de Santiago de Compostela, na rúa da Estrada con esquina á travesía da Estrada, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas