Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 27 de abril de 2012 Páx. 15506

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 17 de abril de 2012 pola que se modifica a que regula as axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia convocadas nos exercicios 2010 e 2011.

Mediante a Orde do 26 de maio de 2010 (DOG do 1 de xuño) convocáronse as axudas do Programa de consolidación de unidades de investigación para o exercicio 2010. No artigo 8 establécese como data límite para a xustificación destas axudas o 15 de novembro.

Mediante a Orde do 29 de marzo de 2011 (DOG do 25 de abril) convocáronse as axudas do Programa de consolidación de unidades de investigación para o exercicio 2011. No artigo 8 establécese como data límite para a xustificación destas axudas o 15 de outubro.

Mediante a Orde do 24 de xaneiro de 2012 establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia, parcialmente cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa operativo de Galicia 2007-2013. Esta orde foi publicada no DOG do 8 de febreiro de 2012. No artigo 8 desta orde de bases recóllese que o 30 de novembro de cada ano será a data límite para a xustificación de cada anualidade das novas axudas que se convoquen do Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas.

Para evitar confusións e erros derivados da existencia de diferentes datas de xustificación, cómpre igualar as datas das ordes de convocatoria de 2010 e 2011 á data recollida na orde de bases, isto é, o 30 de novembro.

En consecuencia, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1.

Modificación do artigo 8 da Orde do 26 de maio de 2010 (DOG do 1 de xuño) pola que se convocan as axudas do Programa de consolidación de unidades de investigación para o exercicio 2010, de xeito que a data límite para presentación da xustificación de gasto e pagamento da anualidade de 2012 é o 30 de novembro de 2012.

Artigo 2.

Modificación do artigo 8 da Orde do 29 de marzo de 2011 (DOG do 25 de abril) pola que se convocan as axudas do Programa de consolidación de unidades de investigación para o exercicio 2011, de xeito que a data límite para a presentación da xustificación de gasto e pagamento da anualidade de 2012 e 2013 é o 30 de novembro de 2012 e 2013 respectivamente.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria