Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 27 de abril de 2012 Páx. 15505

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2012 pola que se dá publicidade ao acordo de constitución do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG n.º 19, do 27 de xaneiro) entrou en vigor o día 20 de febreiro de 2012, aos vinte días da súa publicación. A disposición adicional primeira do citado decreto establece que a constitución da Axencia Galega de Innovación se producirá coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de dous meses desde a súa entrada en vigor, sinalando tamén que na data de constitución da Axencia Galega de Innovación quedará suprimida a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria, subrogándose a Axencia na totalidade dos seus dereitos e obrigas derivados do exercicio das correspondentes competencias e sucedéndoa en todas as súas competencias e funcións. Resultarán igualmente suprimidas a Subdirección Xeral de Xestión do PGDIT e a Subdirección Xeral de Innovación Empresarial e os servizos delas dependentes, e resultará modificada a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria aprobada polo Decreto 324/2009, do 11 de xuño, nos termos previstos na disposición derradeira primeira do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro.

Na súa virtude, e logo de convocatoria polo conselleiro de Economía e Industria, o Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación realizou a súa sesión constitutiva o día 18 de abril de 2012, polo que esta consellería

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do seguinte acordo do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación, adoptado o día 18 de abril de 2012 que ten o seguinte teor literal:

O presidente, despois de dar a benvida aos integrantes do órgano colexiado, declara formalmente constituído o Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2012.

P.D. (Orde 30.4.2009; DOG número 87, do 6 de maio)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria