Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 26 de abril de 2012 Páx. 15308

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 9 de abril de 2012 pola que se convoca a concesión de subvencións estatais para os promotores de vivendas protexidas destinadas a arrendamento e para os promotores de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O seu artigo 4.2.º establece que: «as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da Comunidade Autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19.2.º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia».

Á vista do anterior, para dar cumprimento ao disposto no artigo 4.3.º do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e en virtude do disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria correspondente ás bases reguladoras aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro), para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a favorecer a construción de vivendas protexidas para arrendamento e de aloxamentos protexidos.

Artigo 2. Persoas beneficiarias.

1. Poderán solicitar as devanditas subvencións aquelas persoas físicas ou xurídicas promotoras de vivendas protexidas destinadas a arrendamento e de aloxamentos protexidos que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 27, no suposto de arrendamento a 25 anos, 28, no suposto de arrendamento a 10 anos, e 35, 36 e 37 para aloxamentos protexidos, ou os requisitos da disposición transitoria primeira, punto 2.a), do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 e nos capítulos I e II do título II do Decreto 402/2009, do 22 de outubro.

En todo caso, a promoción terá que contar con cualificación definitiva emitida con anterioridade á publicación desta orde.

2. As circunstancias que serán tidas en conta para resolver sobre estas subvencións serán as acreditadas no expediente de cualificación así como as acreditadas pola documentación indicada no artigo 5.3.º desta orde.

3. No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, terase en conta o establecido no artigo 2 do Regulamento 1998/2006 da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea do día 28 de decembro de 2006.

Artigo 3. Contía das subvencións.

1. Para aqueles promotores que conten con préstamo convido cuxa concesión se comunicara ao Ministerio de Fomento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011, as contías serán as seguintes:

a) No caso de vivendas protexidas destinadas a arrendamento por 25 anos, a contía será de 350 euros por metro cadrado de superficie útil computable, que será a superficie útil da vivenda co límite de 90 metros cadrados, se son vivendas de réxime especial e de 250 euros por metro cadrado de superficie útil computable se son vivendas de réxime xeral. No caso de que a promoción estivese situada nun ámbito territorial de prezo máximo superior, a subvención incrementarase en 15 euros por metro cadrado de superficie útil computable.

b) No caso de vivendas protexidas destinadas a arrendamento por 10 anos, a contía será de 250 euros por metro cadrado de superficie útil computable, que será a superficie útil da vivenda co límite de 90 metros cadrados, se son vivendas de réxime especial e de 200 euros por metro cadrado de superficie útil computable se son vivendas de réxime xeral. No caso de que a promoción estivese situada nun ámbito territorial de prezo máximo superior a subvención incrementarase en 15 euros por metro cadrado de superficie útil computable.

2. Para aqueles promotores que conten con préstamo convido cuxa concesión non se comunicara ao Ministerio de Fomento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011, as contías serán as seguintes:

a) No caso de vivendas protexidas destinadas a arrendamento por 25 anos, a contía será de 230 euros por metro cadrado de superficie útil computable, que será a superficie útil da vivenda co límite de 90 metros cadrados, se son vivendas de réxime especial, e de 160 euros por metro cadrado se son vivendas de réxime xeral. No caso de que a promoción estivese situada nun ámbito territorial de prezo máximo superior, a subvención incrementarase en 10 euros por metro cadrado de superficie útil computable.

b) No caso de vivendas protexidas destinadas a arrendamento por 10 anos, a contía será de 140 euros por metro cadrado de superficie útil computable, que será a superficie útil da vivenda co límite de 90 metros cadrados, se son vivendas de réxime especial, e de 110 euros por metro cadrado de superficie útil computable se son vivendas de réxime xeral. No caso de que a promoción estivese situada nun ámbito territorial de prezo máximo superior, a subvención incrementarase en 10 euros por metro cadrado de superficie útil computable.

3. Os promotores que cualifiquen vivendas terminadas para aluguer conforme o punto 2.a) da disposición transitoria 1.ª do Real decreto 2066/2008, na redacción dada polo Real decreto 1713/2010, poderán optar ás axudas recollidas no número 2 deste artigo.

4. No caso de aloxamentos protexidos cuxa promoción e financiamento fosen obxecto de acordo en Comisión Bilateral de Seguimento do Plan de Vivenda realizada con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011 a contía será de 500 euros para colectivos vulnerables e de 320 euros para colectivos específicos por metro cadrado de superficie útil de vivenda e de servizos comúns protexida, a cal non poderá superar o 30% da superficie dos aloxamentos.

As ditas contías, igualmente calculadas, serán de 300 euros para colectivos vulnerables e de 190 euros para colectivos específicos, no caso de que o dito acordo tivese data posterior.

Artigo 4. Crédito orzamentario e contía total máxima da convocatoria.

As subvencións que se convocan mediante esta orde concederanse con cargo aos créditos que figuran consignados para esta finalidade nas seguintes aplicacións orzamentarias, as cales están dotadas adecuada e suficientemente para atender ás concesións que procedan:

– 07.83.451B.770.0, proxecto 2006 00604, do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2012, resérvase o importe total de 2.007.722 €.

– 07.83.451B.781.1, proxecto 2008 00597, do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2012, resérvase o importe total de 614.250 €.

Artigo 5. Solicitudes.

1. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que corresponda pola situación da promoción, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante xunto cos seguintes documentos:

a) Autorización ao IGVS para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos presentados no procedemento administrativo. No suposto de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, a persoa interesada estará obrigada a presentar copia compulsada do DNI.

b) No caso de non tela presentado con anterioridade, dilixencia de toma de razón no Rexistro da Propiedade da cualificación definitiva das vivendas protexidas destinadas a arrendamento por nota á marxe da inscrición da obra nova, con expresión das súas circunstancias esenciais, en particular o prazo de duración do réxime de protección.

c) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude e relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

d) No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, deberá xuntar unha declaración de que a axuda global de minimis que recibiu non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais de acordo co establecido no artigo 3.2.º.c) do Regulamento 1998/2006 da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; así como unha declaración de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1 do citado regulamento.

2. As solicitudes presentaranse en calquera rexistro do IGVS, e tamén poderanse presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A presentación da solicitude implicará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se puideran obter de oficio, requirirase ao interesado a súa presentación.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións indicadas.

Artigo 6. Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta presente orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Procedemento de tramitación das subvencións.

1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde, debidamente cuberta e acompañada da documentación que nela se indica consonte co artigo 5.1.º desta orde.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do anterior, o IGVS poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

2. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, o/a xefe/a da área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente ao/á director/a xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 4 desta orde, resolverá o que conforme a dereito proceda.

3. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro da área provincial do IGVS competente para a súa tramitación.

Artigo 8. Resolución das subvencións.

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7 do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitaron as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude tal e como se establece na disposición adicional primeira do Decreto 402/2009.

2. Contra a resolución de concesión ou denegación da subvención, que será ditada pola Dirección Xeral do IGVS, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 9. Pagamento das subvencións.

Ditada a resolución de concesión, tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as subvencións aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 10. Compatibilidade e incompatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos que correspondan, non poderá superar o prezo, custo ou orzamento protexido das actuacións comprendidas nesta convocatoria.

Artigo 11. Reintegro da subvención.

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do estado estableza outro diferente.

2. Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

3. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O/a director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, a proposta da área provincial ditará resolución expresa, debidamente motivada, en que figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención comunicándolle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

3. Contra a resolución de modificación da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 13. Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o IGVS publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun rexistro informático de carácter permanente, a disposición do IGVS, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 14. Deber de colaboración e facultade de inspección.

1. As persoas beneficiarias ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Disposición adicional.

Delégase no director xeral do IGVS a facultade para que, mediante resolución que se publique no Diario Oficial de Galicia, incremente ou reaxuste os orzamentos nesta ou noutras aplicacións orzamentarias, tal e como permiten os artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file