Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 26 de abril de 2012 Páx. 15441

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental (EMAS) da entidade mercantil Ourense de Transportes, S.A.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 23 de novembro de 2004 procédese á inscrición do centro da entidade Ourense de Transportes, S.A., con CIF A32106809, sito na travesía de Vía Vella, 17, 32001 Ourense, no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental co número ES-GA-000039.

Segundo. Na citada declaración ambiental facíase constar que «a próxima validación e verificación se realizará en setembro de 2005». Unha vez rematado o prazo para a presentación da seguinte declaración ambiental validada, non se recibiu, por parte de Ourense de Transporte, S.A. ningún tipo de comunicación desde a inscrición no rexistro.

Terceiro. Con data do 7 de febreiro de 2011 enviouse unha comunicación á empresa en que se informaba de que, de non recibir ningún tipo de documentación ou comunicación relativa ao mantemento no rexistro no prazo de tres meses, se procedería a dala de baixa no rexistro EMAS.

Cuarto. Logo de varios intentos infrutuosos de comunicación coa empresa, acórdase dar un trámite de audiencia á entidade mercantil Ourense de Transporte, S.A., con CIF A32106809, sita na travesía de Vía Vella, 17, 32001 Ourense, concedéndolle un prazo de quince días contados desde a notificación do citado escrito para formular alegacións e achegar os documentos e xustificacións que considere convenientes, ao abeiro do disposto no artigo 14.5 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño.

Quinto. Con data do 21 de febreiro de 2012 élle notificado, a través do Diario Oficial de Galicia, o citado acordo á interesada, coa mención expresa dos requisitos exixidos polo artigo 58.2.º da Lei 30/1992, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro. Esta resolución correspóndelle ao secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, segundo os artigos 12 ao 14 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental e segundo o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Segundo. O artigo 14.1 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS), dispón: 1. Unha vez inscrito o centro no rexistro, se este non presentase a seguinte declaración ambiental validada no prazo fixado pola propia empresa na súa solicitude, que en ningún caso será superior a tres anos, e non pagase a taxa de rexistro, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cancelará a inscrición do centro no rexistro e informará de tal medida a dirección do centro.

Terceiro. O número 5 do citado precepto establece: 5. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, antes de ordenar a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro, dará trámite de audiencia ao interesado concedéndolle un prazo de quince días para que presente as alegacións, documentos e xustificacións que considere oportunos. A resolución que acorde a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro será motivada e notificarase á dirección do centro e ao rexistro de establecementos industriais.

Dado que non se obtivo resposta por parte da interesada a todos e cada un dos requirimentos realizados, e vistos os preceptos sinalados e demais de xeral e pertinente aplicación, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en virtude da competencia que lle outorga o Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, e segundo o Decreto 44/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

RESOLVE:

Cancelar, de conformidade co disposto no artigo 14.1 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS), a inscrición do centro da entidade mercantil Ourense de Transporte, S.A., na travesía de Vía Vella, 17, 32001 Ourense.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental