Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 26 de abril de 2012 Páx. 15299

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de abril de 2012 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Praza Pública.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Praza Pública con domicilio na rúa Barcelona número 38, na Coruña.

Feitos:

1. Pablo No Couto, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Praza Pública foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 13 de febreiro de 2012, ante o notario Ramón González Gómez, co número de protocolo 84, Filipe Antonio Fernández Díez, Carlos Alberto Amoedo Souto e Pablo No Couto que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto: o fomento da información e o debate públicos como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega, ben como a promoción da cultura galega.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Filipe Antonio Fernández Díez como presidente; Carlos Alberto Amoedo Souto como vicepresidente; e Pablo No Couto como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Praza Pública, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 10 de abril de 2012.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Praza Pública, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza