Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 24 de abril de 2012 Páx. 14959

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2012 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección de delegación de facultades.

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), na súa xuntanza do 29 de marzo de 2012, acordou ampliar as delegacións de facultades na Dirección Xeral do instituto, co obxecto de conseguir unha maior axilidade nos seus procedementos.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Publicar a seguinte delegación de facultades acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 29 de marzo de 2012:

1. Deléganse na Dirección Xeral as facultades para:

– Acordar a contratación de todo o persoal do instituto, incluído o persoal de alta dirección, agás o director xeral do Igape.

– Resolver todos os procedementos xestionados polo Igape de concesión, modificación ou denegación de subvencións e axudas públicas e os procedementos tramitados en concorrencia competitiva, resolver tamén os arquivamentos dos expedientes polas causas previstas na lexislación vixente. Nesta delegación enténdense incluídos os procedementos resoltos polo presidente do Igape por delegación do Consello de Dirección.

– Iniciar e resolver todos os procedementos de incumprimento incoados con respecto a subvencións e axudas públicas xestionadas polo Igape, incluídas as formalizadas mediante convenio de colaboración autorizado por Consello de Dirección. Nesta delegación enténdense incluídos os procedementos iniciados polo presidente do Igape por delegación do Consello de Dirección.

– Rescindir os préstamos outorgados polo Igape, cando a sociedade prestameira sexa declarada en concurso de acredores.

– Formalizar convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos obxectivos do Igape previamente autorizados polo seu Consello de Dirección.

– Iniciar e resolver todos os expedientes de contratación e formalizar e modificar os contratos coas adxudicatarias, incluída a realización de obras, así como a realización de todo tipo de negocios xurídicos de disposición sobre bens inmobles titularidade do Igape e a subscrición de cantos contratos de arrendamento de bens sexan precisos para o funcionamento do instituto.

– Formalizar contratos de apertura de contas correntes en entidades financeiras, logo de autorización da Consellería de Facenda.

– Acordar, de xeito mancomunado con calquera das persoas titulares dunha dirección de área ou da Secretaría Xeral do Igape, actos de disposición contra as contas correntes aperturadas, autorizándoa para o establecemento de sinaturas suplentes.

– Designar os membros das Comisións de Valoración previstas nas bases reguladoras e nas convocatorias das axudas e subvencións do instituto.

– Resolver as modificacións nos orzamentos do instituto naqueles supostos non reservados á Consellería de Facenda, por proposta da Secretaría Xeral, por iniciativa propia ou do correspondente director de área.

– Autorizar todos os gastos que deban ser imputados aos orzamentos do instituto.

– Aprobar todas as operacións de xestión de ingresos e as de natureza extraorzamentaria, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral.

– Ser a tesoureira e ordenadora de pagamentos. Nos casos de ausencia, a persoa titular da Dirección Xeral poderá habilitar expresamente a persoa titular da Secretaría Xeral ou a calquera das titulares das direccións de área para que a substitúan nas súas facultades.

– Formular as contas anuais do instituto previstas no Plan Xeral de Contabilidade Pública dentro do primeiro trimestre do ano seguinte. Dentro do primeiro semestre do ano seguinte procederase a someter á aprobación do Consello de Dirección do instituto as contas anuais, acompañadas do informe elaborado por auditor externo independente.

– Calquera outra facultade decisoria ou de xestión non atribuída especificamente a outros órganos do instituto.

2. Substitución.

Nos casos de ausencia da persoa titular da Dirección Xeral, habilítase a persoa titular da Secretaría Xeral para que substitúa as facultades delegadas no número 1 deste acordo, coa posibilidade de substitución pola súa vez por calquera das persoas titulares das direccións de área do Igape que a Secretaría Xeral designe expresamente.

3. Derrogación.

Quedan derrogadas, en canto contradigan a presente delegación, todas as anteriores delegacións de facultades aprobadas a favor da Presidencia e da Dirección Xeral do Igape.

3. Entrada en vigor.

Este acordo entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica