Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 19 de abril de 2012 Páx. 14126

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 3 de abril de 2012 pola cal se aproba o Regulamento de funcionamento da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Preámbulo

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, estableceu un novo procedemento de adxudicación de parques eólicos polo cal adquiren unha especial transcendencia os proxectos de desenvolvemento de natureza industrial, dentro da comunidade autónoma, asociados aos parques eólicos. Non obstante, para poder levar a cabo un correcto control dos proxectos industriais presentados polos promotores eólicos engadiuse a través da Lei 15/2010, do 28 de decembro, unha disposición adicional segunda á Lei 8/2009, pola que se creaba a comisión de seguimento da execución dos proxectos de natureza industrial.

A Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas crea, a través do punto dous da súa disposición derradeira segunda, a comisión de seguimento dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro, e estableceu que os aspectos concretos referidos aos seus fins, organización e funcionamento serían obxecto dun desenvolvemento regulamentario a través dunha orde da consellería competente en materia enerxética.

Polo que, en cumprimento da disposición derradeira segunda da Lei 12/2011, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, se aproba este Regulamento de funcionamento da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Artigo 1. Definición.

A comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos é un órgano colexiado, dependente da Consellería de Economía e Industria, que ten competencia no ámbito do control e seguimento dos seguintes aspectos:

Os criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro.

As actuacións industriais asociadas aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Artigo 2. Funcións.

Son funcións da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos:

a) Realizar o seguimento da execución das actuacións polas que os proxectos eólicos foron seleccionados, mantendo de xeito periodizado o control da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial asociados, en atención ás anualidades, investimentos e empregos.

b) Solicitar aos promotores a información necesaria para poder controlar o desenvolvemento das actuacións de cada plan industrial dentro de cada unha das anualidades.

c) Avaliar as solicitudes de modificacións feitas polos adxudicatarios do concurso e propoñer a procedencia ou non de cambios nos anteproxectos dos parques eólicos admitidos a trámite e/ou instalacións de conexión, así como de características esenciais dos plans industriais asociados.

d) Establecer procedementos e calendarios de inspección que permitan determinar o grao de cumprimento das obrigas derivadas dos plans industriais que foron avaliados.

e) Realizar as propostas de revogación das adxudicacións en caso de incumprimento das obrigas derivadas das actuacións asociadas aos seus plans industriais e do resto de criterios de selección do concurso.

Artigo 3. Composición.

A comisión de seguimento e control estará integrada por seis membros e funcionará en pleno e por seccións.

Exercerá a súa presidencia a persoa titular da dirección do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que nomeará os cinco membros restantes. Será designada como persoa titular da secretaría da comisión un dos seus membros, distinto do que exerza a presidencia.

Vogais: a distribución será a seguinte:

a) Dous/dúas vogais da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas por proposta do/a titular da dirección xeral con competencias en materia de enerxía.

b) Un/unha vogal do Inega por proposta do/a director/a do Inega.

c) Dous/dúas vogais do Igape por proposta do/a director/a do Igape.

Os nomeamentos das persoas membros da comisión de seguimento faranse procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición.

Artigo 4. Asistencia e colaboración de terceiros.

O/a presidente/a da comisión poderá autorizar a asistencia e participación nas sesións da comisión, de persoas que non pertenzan a ela, e que, por proposta da maioría dos membros da comisión, poidan exercer labores de asesoramento e consulta en asuntos específicos, con carácter temporal, con voz e sen voto.

Artigo 5. Presidencia.

Correspóndelle ao/a presidente/a da comisión:

a) Desempeñar a representación do órgano.

b) Nomear os/as cinco membros restantes da comisión, dous/dúas por proposta do titular da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, un/unha por proposta do/a director/a do Inega e dous/dúas por proposta do/a director/a do Igape.

c) Acordar a convocatoria das sesións tanto ordinarias como extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta as peticións dos demais membros formuladas con suficiente antelación.

d) Presidir as sesións, moderando o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

e) Dirimir co seu voto os empates, co obxecto de adoptar acordos.

f) Asegurar o cumprimento das leis.

g) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano.

h) Exercer cantas outras funcións lle sexan inherentes á súa condición de presidente/a do órgano.

En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente/a será substituído/a polo/a vogal da comisión de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, de entre as persoas compoñentes.

Artigo 6. Membros.

1. Correspóndelles aos/as membros da comisión:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria das sesións, onde se recolla o contido da orde do día. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa referida antelación.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular, de ser o caso, o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican, ben que non poderán absterse nas votacións aqueles que teñan a condición de autoridade ou persoal ao servizo da Administración autonómica.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obter a información precisa que lle permita cumprir coas funcións asignadas.

f) Cantas outras funcións lle sexan inherentes á súa condición.

2. Con excepción do/a presidente/a da comisión, que adquiriu a súa condición en virtude da disposición adicional segunda da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a adquisición da condición de membro da comisión, que é persoal e indelegable, producirase no momento de ser nomeado/a.

3. Os membros da comisión perderán a súa condición de tales por:

a) Renuncia expresa mediante escrito dirixido ao presidente da comisión.

b) Perda das condicións necesarias para ser elixido/a.

c) Decisión xudicial firme que anule a súa elección como membro da comisión.

d) Acordo de cesamento por parte do presidente da comisión, por proposta do titular do órgano ou organismo que propuxo o seu nomeamento.

Artigo 7. Secretaría.

Actuará como secretario/a da comisión un membro da propia comisión, designado/a polo/a presidente/a desta, e corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións con voz e voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións, así como das citacións dos membros, por orde da súa presidencia.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros da comisión con esta e, en consecuencia, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións de consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas funcións lle sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a secretario/a será substituído/a polo/a vogal da comisión que designe a súa presidencia.

Artigo 8. Convocatoria de sesións.

A comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos será convocada polo secretario/a desta, por decisión da súa presidencia ou por petición da maioría dos seus membros.

As sesións poderán ser ordinarias ou extraordinarias. As convocatorias de ambos tipos de sesións serán notificadas aos membros da comisión cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

As notificacións das convocatorias de sesións, tanto ordinarias coma extraordinarias, poderán facerse efectivas por correo electrónico, a través das direccións facilitadas polos membros da comisión, nos termos e cos efectos previstos nos números 3 e 4 do artigo 59 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común, e no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As notificacións das convocatorias deberán conter a orde do día, o lugar, a data e a hora sinalados para a realización da sesión en primeira e segunda convocatoria. Á dita notificación achegarase, se é o caso, a documentación necesaria para o desenvolvemento da sesión.

Artigo 9. Inicio e desenvolvemento das sesións.

Para que a comisión estea validamente constituída, para poder celebrar as sesións, levar a cabo deliberacións e adoptar acordos, requirirase a presenza, en primeira convocatoria, do/a presidente/a e do/a secretario/a ou, de ser o caso, de quen os/as substitúa, e da metade, polo menos, dos seus membros.

En segunda convocatoria, se non puido realizar a sesión en primeira convocatoria, será suficiente a presenza do presidente/a e do secretario/a ou, de ser o caso, de quen os substitúa, e da terceira parte dos membros da comisión.

A orde do día será establecida polo presidente/a, e deberanse incluír preceptivamente os puntos solicitados pola maioría dos membros da comisión.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros da comisión e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 10. Adopción de acordos.

Os acordos da comisión serán adoptados por maioría de votos dos/das membros que asistan á respectiva sesión.

Entenderanse aprobadas por asentimento, sen necesidade de realizar votación expresa, as propostas que efectúe o/a presidente/a da comisión cando, una vez anunciadas por este/a, non provoquen obxección ni oposición ningunha.

As votacións, en caso de ser necesario, realizaranse a man alzada, salvo que algún membro exprese o seu desexo de que sexan secretas, en cuxo caso se realizarán mediante papeletas.

Artigo 11. Actas.

De cada sesión que realice a comisión, levantará acta o/a secretario/a, que deberá recoller os/as asistentes, a orde do día da reunión, o lugar e a hora en que se realizou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

Na acta recolleranse, por solicitude dos respectivos membros da comisión, o voto contrario ao acordo adoptado e as súas razóns, a abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do voto favorable. Así mesmo, calquera membro terá dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue no acto ou dentro do prazo que sinale o/a presidente/a, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou achegarase copia a esta.

Os membros da comisión que discrepen do acordo maioritario poderán formular, no prazo de corenta e oito horas e por escrito, voto particular, que se incorporará ao texto aprobado.

Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán exentos da responsabilidade que, de ser o caso, poida derivar dos acordos.

As actas aprobaranse na mesma sesión ou na seguinte á que se refiran, e no entanto o/a secretario/a poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da posterior aprobación da citada acta.

Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente esa circunstancia.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogada a Orde do 23 de febreiro de 2011 pola cal se aproba o Regulamento de funcionamento da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial asociados aos parques eólicos adxudicatarios dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Disposición derradeira primeira.

En todo o non establecido neste regulamento observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derradeira segunda.

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar cantas disposicións sexan precisas para garantir a finalidade desta orde.

Disposición derradeira terceira.

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2012.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria