Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 18 de abril de 2012 Páx. 13965

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 3 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (IN519B).

Os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas, van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.

Coa finalidade de realizar a renovación destas infraestruturas, para evitar a súa obsolescencia, ou de habilitar outras novas non previstas na súa orixe, e co obxecto de motivar o esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía e Industria estima necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos de investimento en materia de infraestruturas de instalacións e de servizos ás empresas.

Como medio e instrumento para favorecer as actuacións indicadas, a Consellería de Economía e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á mellora das infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente procederase á convocatoria destas axudas para o ano 2012.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria, dirixidas a concellos, incluídas no programa de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia (IN519B), que se inclúen como anexo I a esta orde.

2. Así mesmo, por medio de esta orde convócanse as devanditas subvencións conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para o ano 2012.

Artigo 2. Crédito orzamentario.

As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Importe euros

08.04.732-A 760.0

Actuacións para infraestruturas en polígonos industrais

2.195.143,00 €

Cómpre sinalar que estas subvencións están cofinanciadas nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) n.º 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; no Regulamento (CE) n.º 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión así como no Regulamento (CE) n.º 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) n.º 1083/2006, e nun 30% polo Fondo de Compensación Interterritorial.

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes.

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexos II, III e IV desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado IN519B que se publica como anexos II, III e IV a esta orde, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da documentación a que se fai referencia no artigo 6 das bases, admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede do representante legal da entidade solicitante.

Para a tramitación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012, ao Servizo de Administración Industrial, a través do teléfono 981 54 43 88 ou a través do enderezo de correo electrónico axudas-in519b.cei.dxi@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os formularios de solicitude deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, presentándoo asinado no rexistro da Xunta de Galicia (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral de Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante, Lei 30/1992).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses.

Artigo 6. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519B, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es).

b) Nos teléfonos 981 54 43 88 e 981 54 55 72 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación.

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2012.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2012

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. Estas bases teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica.

2. Os proxectos que se subvencionarán ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2012.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais implantados no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes.

Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables.

1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuación:

a) A dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía dos que se derive un aforro con relación aos existentes no parque e que sexan eficientes desde o punto de vista enerxético consonte o estado actual da técnica.

b) Novas plantas de depuración de augas (b.1); os proxectos poderán incluír, ou ter como obxecto, os colectores con vertedura á depuradora municipal (b.2).

c) Xestión de residuos.

d) Vías de acceso a parques empresariais.

e) Instalación de sistema de seguridade e vixilancia.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2012.

3. Non se valorarán para os efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizadas con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gastos subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación ni os impostos persoais sobre a renda.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. As actuacións que se realizarán ao abeiro desta orde encádranse dentro do eixo 2, tema prioritario 08 Outros investimentos en empresas, actuación 03 Creación, mellora e ordenación de solo industrial do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

6. Os gastos subvencionables ao abeiro desta orde deberán axustarse ao disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento.

As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

A intensidade das axudas será dun 90% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros por solicitude; a intensidade de axuda poderá ser inferior neste último caso e naquel grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación onde se produza o esgotamento do crédito dispoñible.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.

1. As axudas concedidas, en virtude desta orde, serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza e a Administración ou entidade que as conceda, sempre que a suma de todas elas non supere o custo elixible do proxecto, non podéndose acoller a outras axudas procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de acordo co disposto no artigo 34 do Regulamento (CE) n.º 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo de 2006.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no artigo 3.1 destas bases, nun parque empresarial. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes.

Xunto coas solicitudes deberase achegar a seguinte documentación:

2.1. Formularios normalizados de solicitude: anexo II e anexo III.

2.2. Documento acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

2.3. NIF do concello solicitante en vigor. Se o NIF que hai que presentar dispón de código electrónico de verificación coa AEAT, poderá presentar documento sen compulsar.

2.4. Acordo do Pleno do concello para acometer a actuación solicitada.

2.5. Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver. Dentro desta memoria desenvolverase un capítulo específico en relación á xustificación dos datos necesarios para a avaliación da solicitude segundo o artigo 11 das bases. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada tomaranse como válidos os da memoria xustificativa.

No caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para a súa execución ou licenza, deberase presentar este asinado por un técnico competente.

2.6. Orzamento desagregado dos gastos.

2.7. Planos da actuación a escala axeitada.

2.8. Declaracións expresas recollidas no anexo IV.

3. A documentación presentada incluirá orixinais ou copias cotexadas.

4. En aplicación do disposto no artigo 51 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, os concellos están exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social de non ter pendentes de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou de ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axuda, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. A aceptación da axuda supón a publicación na listaxe de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes dos interesados irán acompañadas dos documentos e das informacións determinadas na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercitarse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificio administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou mediante o procedemento habitual para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 8. Órgano competente.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, correspondendo ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 9. Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda ou emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, producindo os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante, que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a. Presidente: o director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b. Vogais: o subdirector xeral de Administración industrial e os responsables de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria o un funcionario por eles designado.

c. Secretario: o xefe de servizo de Administración industrial ou un funcionario designado polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

d. Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 11. Criterios de valoración.

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables, ademais o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, establecéndose os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Superficie do parque empresarial:

– Ata 100.000 m2 (3 puntos).

– Desde 100.001 m2 ata 500.000 m2 (5 puntos).

– Máis de 500.000 m2 (2 puntos).

2. Nivel de ocupación do parque empresarial:

– Ata 100 empresas (3 puntos).

– Desde 101 ata 300 empresas (5 puntos).

– Máis de 300 (2 puntos).

3. Poboación do concello no que se atopa o parque empresarial:

– Ata 60.000 habitantes (3 puntos).

– Máis de 60.000 habitantes (2 puntos).

4. En cada tipoloxía de investimento, valorarase o menor custo subvencionable en relación aos custos subvencionables das solicitudes admitidas para a súa valoración, a devandita asignación farase de xeito proporcional (máximo 3 puntos).

5. O emprego da lingua galega na solicitude e na documentación que cómpre achegar segundo o artigo 6 das bases reguladoras (proxecto, memoria, etc.) así como nas emendas aos requirimentos, se é o caso (1 punto).

6. Para cada tipoloxía, puntuaranse de xeito proporcional, entre as solicitudes admitidas a valoración, os seguintes parámetros.

Tipoloxía a). Maior aforro enerxético anual estimado en kwh (máximo 5 puntos).

Tipoloxía b).

b.1) Maior capacidade anual de tratamento de auga da nova planta depuradora (en m3) (máximo 5 puntos).

b.2) Maior caudal anual que a nova infraestrutura derivará á depuradora municipal (en m3) (máximo 5 puntos).

Tipoloxía c). Maior número de toneladas de residuos anuais que se poderán xestionar coa nova infraestrutura (máximo 5 puntos).

Tipoloxía d). Maior lonxitude do tramo da vía de acceso en metros lineais (máximo 5 puntos).

Tipoloxía e). Maior número de empresas directamente afectadas pola infraestrutura de vixilancia (máximo 2,5 puntos). Número de incidencias/denuncias derivadas da inseguridade no polígono no ano 2011 (máximo 2,5 puntos).

7. Localización do proxecto nas provincias de Lugo ou Ourense (2 puntos).

8. No caso de empates terán preferencia os proxectos presentados polos concellos de menor número de habitantes.

Avaliaranse, coa mínima puntuación, aqueles puntos que non queden xustificados adecuadamente na memoria do proxecto presentada.

Artigo 12. Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13. Resolución e notificación.

1. Á vista da relación valorada das solicitudes admitidas a trámite e da relación de expedientes que se derive do disposto no artigo 9.4 e, unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución que elevará ao conselleiro.

2. Para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para seren atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que se desenvolva polo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución no taboleiro da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 14. Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses que se contarán a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b. Recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días hábiles desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a súa condición de beneficiario, conforme o disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, xustificando motivadamente a causa da renuncia.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios.

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

a. Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

b. Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determina na concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c. As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas á fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recolle o artigo 31.4.a da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o artigo 29.4.a da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 21.3 desta orde.

d. Someterse ás actuacións de comprobacións que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f. Os beneficiarios da axuda deberán facer referencia, na súa publicidade ou na información que xeren en relación aos proxectos subvencionados, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, cumprindo as medidas en materia de información e publicidade establecidas nas disposicións comunitarias de aplicación e, en especial no Plan de Comunicación Feder Galicia 2007-2013 e na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web:

(http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe)

En concreto, durante a execución das obras subvencionadas deberá estar visible un cartel informativo de acordo co disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Durante a execución dos proxectos cun custo total (en contribución pública total) superior a 500.000 €, o beneficiario colocará un cartel informativo no propio enclave da obra, de acordo co artigo 8.3 do Regulamento (CE) n.º 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, debendo permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizado, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, nun prazo máximo de 6 meses.

Recoméndase que se o custo total non supera os 500.000 €, se coloque un cartel informativo no propio enclave da obra, de acordo co sinalado no parágrafo anterior, especialmente se se superan os 100.000 €.

Artigo 18. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas.

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100% das actuacións, estando suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe atarse ao disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Artigo 19. Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención os concellos beneficiarios terán ata o 15 de novembro de 2012 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 4 da convocatoria, a seguinte documentación:

1.1. Xustificación de ter realizado o investimento para o que se concedeu a subvención mediante os documentos que se relacionan a continuación:

Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Orixinal ou copia cotexada das facturas das actuacións realizadas así como xustificante de pagamento destas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a da data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

1.2. Certificado da secretaría ou intervención do cumprimento coa normativa de contratación pública (Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público) no cal se recolla que os gastos derivados da contratación da actuación subvencionada non se corresponden con proxectos modificados e/ou complementarios.

1.3. Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello solicitante.

1.4. Informe técnico no que se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, incluíndo a xustificación da necesidade ou non de avaliación ambiental dos proxectos de acordo coa normativa vixente.

1.5. Certificado no que se recolla o cumprimento da tramitación ambiental do proxecto, ou xustificante da non procedencia deste, asinado por técnico municipal.

1.6. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

1.7. Declaración responsable, segundo anexo V, da titularidade de conta bancaria onde se fará efectivo o pagamento da axuda ao beneficiario, e na que consta a entidade bancaria, o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

1.8. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que, polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

4. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, debendo conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) n.º 1083/2006 do Consello do 11 de xullo.

Artigo 20. Pagamento e anticipos.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobacións oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, se é o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a. Poderase anticipar ata o 80% do importe da subvención concedida, por ter sido autorizado polo Consello da Xunta de Galicia.

b. Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4.º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Incumprimentos, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros por demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación da subvención, así como o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprimento do requisito de permanencia das instalacións subvencionadas establecido no artigo 17.c. da presente orde, coa excepción recollida nos artigos 31.5 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 29.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nos artigos 36 e 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia e no Decreto11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión.

Artigo 24. Remisión normativa.

Para todo o non disposto nestas bases haberá que aterse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia así como no Regulamento (CE) 1080/2006, no Regulamento (CE) 1083/2006 e o Regulamento (CE) 1828/2006, relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e o resto da normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file