Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Mércores, 4 de abril de 2012 Páx. 11982

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de marzo de 2012, conxunta das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do Medio Rural e do Mar, sobre réxime da avaliación ambiental dos establecementos de acuicultura na parte litoral da zona terrestre.

No marco actual vixente existen ámbitos do litoral nos que é posible a implantación de actividades de acuicultura. Para disipar calquera dúbida convén aclarar, con carácter inmediato, o réxime aplicable, en virtude da normativa vixente, ás instalacións de acuicultura na parte litoral da zona terrestre, de acordo coa zonificación establecida no Plan de Ordenación do Litoral (POL), e na lexislación sectorial que resulte de aplicación, precisando os supostos en que resulte exixible avaliación de impacto ambiental e/ou estudo de impacto e integración paisaxística.

Para iso integrouse a regulación de carácter territorial procedente dos distintos instrumentos de planificación territorial e sectorial vixente e sintetizáronse na serie cartográfica denominada coherencia territorial que divide o territorio da parte litoral da zona terrestre nunha serie de áreas continuas (niveis) e descontinuas. Debe quedar claro que esta división non substitúe ou modifica ningunha regulación de natureza territorial, sectorial ou urbanística, senón que simplemente reflicte unha síntese do «estado da cuestión» da regulación normativa no ámbito do litoral, resultando que as zonas continuas clasificadas como:

Nivel 1: zonas sen protección de ningunha clase, así como os espazos portuarios que non estean baixo ningunha figura de protección.

Nivel 2: mellora ambiental e paisaxística do POL e zonas de reserva da biosfera (transición).

As zonas continuas situadas nestes niveis serán aptas de inmediato para o desenvolvemento da actividade acuícola, con respecto ás zonas descontinuas e sen ser necesario esperar á aprobación do PDAL.

Por iso faise necesario tramitar unha orde conxunta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Consellería do Medio Rural e do Mar que estableza, con carácter inmediato, o réxime aplicable, conforme a normativa vixente, aos establecementos de acuicultura litoral, en que precise os supostos en que resulte exixible a avaliación de impacto ambiental ou/e estudo de impacto e integración paisaxística, puntualizando que «se exixirá avaliación de impacto ambiental en todas as instalacións con capacidade de produción superior a 500 toneladas ao ano». Conforme a lexislación xeral, a devandita avaliación é facultativa para o órgano ambiental (artigo 3.2 en relación co anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental). Non obstante, o propio artigo prevé a posibilidade de que as comunidades autónomas establezan o sometemento destes proxectos a avaliación de impacto ambiental, ben mediante a análise caso a caso ben mediante a fixación de limiares e de acordo cos criterios do anexo III. Un deses criterios é o da situación dos proxectos, pola sensibilidade ambiental das áreas xeográficas que poidan verse afectadas. Entre elas figuran as zonas costeiras.

Por outra parte, e en virtude do establecido nos artigos 16 e 17 do mencionado Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, aquelas instalacións que aínda non superando unha capacidade de produción de 500 toneladas ao ano, poidan afectar directa ou indirectamente os espazos da Rede Natura 2000, someteranse a avaliación de impacto ambiental cando así o determine o órgano ambiental, de xeito motivado e tras a análise caso a caso.

Segundo a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA) en chan rústico de protección de augas, costas, interese paisaxístico e patrimonio cultural, as instalacións de acuicultura necesitan autorización da Comunidade Autónoma, ademais da preceptiva licenza municipal (artigo 38.1 en relación co 33.2.l). A propia lei dispón que este réxime é aplicable ao chan urbanizable non delimitado mentres non se aprobe o correspondente plan de sectorización (artigo 21.4).

Este marco lexislativo debe poñerse en conexión co establecido no Plan de Ordenación do Litoral (POL) respecto dos usos. En función da zona en que se encontre, e de acordo co citado plan, pode ser un uso permitido, compatible ou incompatible (artigo 47.1). As construcións e instalacións de acuicultura en terra son uso permitido nas zonas de ordenación (artigo 56.1) e compatible nas zonas de mellora ambiental e paisaxística (artigo 55.2). Nas zonas de protección intermareal, costeira, os corredores e os espazos de interese son incompatibles (artigos 53.3, 54.3, 57.3 e 58.3).

Para os usos permitidos, o POL non establece requisitos específicos. Para os compatibles, o propio plan require un informe, que deberá prestar especial atención ás condicións de integración paisaxística (artigo 51.1). No suposto de usos para os cales, de conformidade coa LOUGA, se exixa autorización autonómica previa á licenza municipal, solicitarase informe vinculante ao organismo con competencia en materia de paisaxe, co obxecto anteriormente descrito, o cal poderá exixir, se é o caso, estudo de impacto e integración paisaxística (artigo 51.2).

Neste marco legal, considérase conveniente establecer coa debida precisión e de acordo coa normativa vixente e, en particular, as determinacións do POL, o réxime aplicable ás instalacións de acuicultura, en función do ámbito en que se pretendan instalar. Deste modo, reforzarase a seguridade xurídica destas instalacións, eliminando incertezas sobre o trámite ambiental que lles corresponde en función da súa natureza e situación, así como sobre a necesidade de elaborar, se é o caso, un estudo de impacto e integración paisaxística.

Este é o propósito perseguido por esta orde, que ten o carácter de disposición de desenvolvemento e aclaración da normativa do POL na súa aplicación aos establecementos de acuicultura. De aí que a diten conxuntamente as dúas consellerías implicadas.

En síntese, da normativa citada dedúcese que os establecementos de acuicultura que se pretendan instalar no litoral galego poden estar nalgún destes supostos, desde o punto de vista do seu sometemento a avaliación ambiental e paisaxística:

1. Sometidos a avaliación de impacto ambiental (AIA):

– As instalacións de acuicultura intensiva con capacidade de produción superior a 500 toneladas anuais.

– O resto de instalacións cando pola súa situación poidan afectar directa ou indirectamente algún espazo da Rede Natura 2000, e así o determine o órgano ambiental de xeito motivado e tras a súa análise caso a caso.

Conforme o previsto no artigo 11 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, o estudo de impacto ambiental deberá incorporar un estudo de impacto e integración paisaxística, e o informe de impacto e integración paisaxística integrarase na correspondente declaración de impacto ambiental.

2. Precisan dun estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP): son as que, non tendo que someterse a avaliación de impacto ambiental, estean situadas en zonas nas cales o POL considera compatible este uso e o coide conveniente o órgano competente en materia de paisaxe ao emitir o informe previsto no artigo 51 do POL. Tamén será preceptivo nas actuacións que se desenvolvan nos ámbitos en que o POL expresamente exixe EIIP, como son os desenvolvementos de ámbitos de recualificación (artigo 71).

3. Non sometidos a EIA, nin precisan EIIP, pero si requiran o informe do órgano competente en materia de paisaxe previsto no artigo 51 do POL: son as demais instalacións situadas en zonas en que o POL considera compatible este uso.

4. Non sometidos a EIA, nin precisan EIIP, nin tampouco o informe do órgano competente en materia de paisaxe prevista no artigo 51 do POL: son as demais instalacións situadas en zonas en que o POL considera permitido este uso.

Nas zonas de protección intermareal e costeira e demais espazos en que este uso está considerado incompatible, de acordo co POL ou o réxime específico do espazo de que se trate, non se poderán autorizar instalacións de acuicultura en terra ata a entrada en vigor do Plan Director da Acuicultura Litoral e de acordo coas súas determinacións, se é o caso.

En virtude do exposto e de acordo co previsto no artigo 38 da Lei 1/1983, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Consellería do Medio Rural e do Mar

DISPOÑEN:

Artigo único.

O réxime aplicable ás instalacións de acuicultura que se pretendan instalar no litoral galego, desde o punto de vista da súa avaliación ambiental e de impacto paisaxístico, é o seguinte:

1. Nas zonas en que o Plan de Ordenación do Litoral (POL) considera permitido este uso: será preceptiva a avaliación de impacto ambiental para as instalacións de acuicultura intensiva con capacidade de produción superior a 500 toneladas anuais. Non é exixible o informe do órgano competente en materia de paisaxe, previsto no artigo 51 da normativa do POL.

2. Nas zonas en que o POL considera compatible este uso, aplicaranse as seguintes regras:

a) As instalacións de acuicultura intensiva con capacidade de produción superior a 500 toneladas anuais someteranse a avaliación de impacto ambiental. O estudo de impacto ambiental deberá incorporar un estudo de impacto e integración paisaxística, integrándose o informe do órgano competente en materia de paisaxe na correspondente declaración de impacto ambiental.

b) As instalacións con capacidade de produción inferior á citada, necesitarán estudo de impacto e integración paisaxística cando o requira o órgano competente en materia de paisaxe, con ocasión da emisión do informe previsto no artigo 51 da normativa do POL e, en todo caso, nos supostos en que o citado plan exixe expresamente o devandito estudo.

c) Nos demais casos, unicamente se requirirá o informe do órgano competente en materia de paisaxe a que se fai referencia na alínea anterior.

3. En todo caso, aquelas instalacións que non alcanzando unha capacidade de produción de 500 toneladas anuais, poidan afectar directa ou indirectamente algún espazo pertencente á Rede Natura 2000, someteranse a avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental de forma motivada e tras a súa análise caso a caso. O estudo de impacto ambiental deberá incorporar un estudo de impacto e integración paisaxística, integrándose o informe do órgano competente en materia de paisaxe na correspondente declaración de impacto ambiental.

4. Nas zonas de protección intermareal e costeira e demais espazos en que este uso está considerado incompatible, de acordo co POL ou o réxime específico de conservación do espazo natural de que se trate, non se poderán autorizar instalacións de acuicultura na parte litoral da zona terrestre ata a entrada en vigor do Plan Director da Acuicultura Litoral e de acordo coas súas determinacións.

Disposición derradeira.

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas Rosa M.ª Quintana Carballo

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio Conselleira do Medio Rural

e Infraestruturas e do Mar