Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Xoves, 29 de marzo de 2012 Páx. 11074

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 15 de marzo de 2012 sobre aprobación definitiva da modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento municipal do concello de Ordes (A Coruña) sobre o uso específico de cemiterios.

O Concello de Ordes remite o proxecto da modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento municipal, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ordes conta cunhas Normas subsidiarias de planeamento de ámbito municipal aprobadas definitivamente polo Pleno do Concello o 28.11.1996.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 14.12.2009 declarar a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica esta modificación. Este trámite pode considerarse conservado a pesar da entrada en vigor da Lei 2/2010, de modificación da LOUG, conforme o indicado no número 1.1.2 da Instrución 1/2011 da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DOG do 11 de maio).

3. Esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 9.4.2010 informe previo á aprobación inicial da modificación, ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG.

4. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a proposta na sesión do 27.4.2010. Sometido a información pública polo prazo de dous meses (DOG do 5 de maio, La Voz de Galicia do 4 de maio e El Correo Gallego do 4 de maio de 2010) non foron presentadas alegacións, segundo o certificado incluído para o efecto no expediente.

5. Constan informes técnicos (favorable da arquitecta técnica municipal do 13.4.2010) e xurídicos (favorable da secretaría do concello do 13.4.2010) (artigo 85.1 da LOUG).

6. Constan informes do Servizo de Control de Riscos Ambientais na Coruña da Consellería de Sanidade, do 7.5.2010, e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, do 7.6.2010, 19.10.2010 e 28.10.2011, favorables.

7. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación en sesión do 24.11.2011.

8. O Concello de Ordes solicita a aprobación definitiva mediante escrito do 29.12.2011 (rexistro de entrada no edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña o 3.1.2012).

9. A documentación presentada consiste en expediente administrativo, proxecto con dilixencia de ter sido aprobado inicialmente o 27.4.2010 e tres exemplares do proxecto con dilixencia de teren sido aprobados provisionalmente o 29.12.2011. Os proxectos están subscritos polo arquitecto Isidro López Yáñez, Estudio Técnico Gallego, como servizo municipal.

II. Obxecto da proposta.

1. A modificación ten por obxecto a alteración da redacción da parte de «usos non regulados especificamente polas ordenanzas urbanísticas», do tomo de «usos e tramitación», en «clases, regulación e condicións dos usos», capítulo 3 (Parámetros de identificación e clasificación dos usos).

2. A redacción en vigor prevé que, respecto daqueles usos que en razón das súas características ou circunstancias non é propio abranguelos nas ordenanzas urbanísticas pola natureza singular da súa peculiaridade, regulada por normativa específica e suficiente para os efectos urbanísticos (como os cemiterios, aeroportos, etc.) abonda con sinalar o seu encravamento e identificación no ordenamento. Isto implica, conforme a memoria do proxecto, a imposibilidade de ampliar os cemiterios previstos no planeamento.

A proposta ten por obxecto a eliminación de maiores limitacións impostas polas normas subsidiarias para o uso de cemiterio, engadindo un parágrafo específico, en que se destaca que no solo de núcleo rural só se permiten ampliacións de cemiterios existentes e se establecen as condicións específicas desas ampliacións, en especial nos núcleos de Mesón do Vento, Leira e Ardemil.

Así mesmo, inclúese a ficha de once elementos que resultan catalogados como consecuencia dos estudos realizados durante a tramitación da modificación.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Ordes en relación co informe emitido pola SXOTU o 9.4.2010, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar:

1. As razóns de interese público entendéronse concorrentes no informe que emitiu con carácter previo á aprobación inicial a SXOTU do 9.4.2010.

2. O proxecto permite no solo de núcleo rural unicamente ampliacións de cemiterios, limitando o seu tamaño e réxime de autorización desde o punto de vista na normativa de patrimonio cultural, o que se adecua á observación 2 do informe da SXOTU do 9.4.2010.

3. As once fichas de elementos catalogados completan o catálogo das normas subsidiarias co contido mínimo establecido no artigo 75.4 da LOUG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

Visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento do concello de Ordes, de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas