Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Xoves, 29 de marzo de 2012 Páx. 11071

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 97/2012, do 16 de marzo, polo que se modifica o Decreto 36/2010, do 11 de marzo, polo que se regula o procedemento para o nomeamento do persoal emérito no ámbito sanitario.

O Decreto 36/2010, do 11 de marzo, establece o procedemento para o nomeamento do persoal emérito do Servizo Galego de Saúde, como un recoñecemento ás condicións singulares que concorren nos profesionais que contribuíron á mellora do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Neste decreto establécense os requisitos que deben reunir os profesionais para acceder á condición de eméritos e, así mesmo, os méritos que se terán en conta para os efectos da valoración por parte da comisión correspondente.

Transcorridos dous anos da vixencia do citado decreto é necesario realizar unha modificación puntual para mellorar a participación nas convocatorias, engadindo ao mesmo tempo un novo criterio para a valoración dos méritos necesarios para o outorgamento da condición de persoal emérito.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, e segundo o disposto no artigo 37.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o Consello da Xunta, na súa reunión do día dezaseis de marzo de dous mil doce,

ACORDOU:

Artigo único. Modificación do Decreto 36/2010, do 11 de marzo, polo que se regula o procedemento para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario.

O Decreto 36/2010, do 11 de marzo, polo que se regula o procedemento para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario, modificase nos seguintes termos:

Un. O artigo 3 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 3. Requisitos para ser nomeado persoal emérito.

Para ser nomeado persoal emérito, as persoas interesadas deben reunir os requisitos seguintes:

1. Atoparse en situación de xubilación e non ter cumprida a idade de 72 anos.

2. Reunir a condición de persoal licenciado sanitario estatutario fixo en situación de servizo activo no Servizo Galego de Saúde no momento de acceder á súa xubilación.

3. Ter prestado, polo menos, 10 anos de servizo activo no Servizo Galego de Saúde.

4. Acreditar un conxunto de méritos especialmente relevantes no ámbito da asistencia sanitaria, a docencia ou a investigación ou polos servizos prestados no Servizo Galego de Saúde ou ben noutro servizo do Sistema Nacional de Saúde.

5. Dispoñer e acreditar, de conformidade co procedemento que se determine, a capacidade funcional necesaria para realizar as actividades de consultoría, informes e docencia que lle sexan asignadas».

Dous. O artigo 4 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 4. Méritos que se terán en conta para o seu nomeamento.

Para o nomeamento de persoal emérito consideraranse os seguintes méritos:

a) O labor desempeñado no ámbito asistencial, docente e de investigación, así como os resultados das avaliacións correspondentes.

b) O deseño, asesoría, dirección e ou coordinación e participación en proxectos, plans ou iniciativas que contribuísen coa súa posta en marcha a mellorar as prestacións do Servizo Galego de Saúde.

c) O desempeño de cargos de responsabilidade ou directivos.

d) As estadías en institucións sanitarias, científicas e/ou académicas estranxeiras, sempre que repercutisen favorablemente no funcionamento do sistema sanitario público de Galicia.

e) Ter recoñecido o grao IV na carreira profesional.

f) Posuír o grao de doutor/a, no caso de investigadores/as».

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade