Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 21 de marzo de 2012 Páx. 9822

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 92/2012, do 8 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de ampliación e mellora do sistema de tratamento de auga potable de Monforte de Lemos.

O concello de Monforte de Lemos, en sesión que tivo lugar o día vinte e seis de decembro de dous mil once, aprobou o proxecto de obras de ampliación e mellora do sistema de tratamento de auga potable e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e este contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, de 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello e o informe dos técnicos, o abastecemento de auga a Monforte de Lemos consta dun sistema de captación e tratamento duplicado (subsistema de Ribasaltas e o subsistema de San Vicente). O sistema actualmente en funcionamento, a ETAP de Ribasaltas, atópase nun estado de deterioración moi elevada, sendo a súa explotación extremadamente complexa debido ás numerosas deficiencias que presenta, podendo considerarse que se atopa nun estado de ruína técnica.

Ante a dubidosa rendibilidade económica e técnica de aproveitar a segunda rede de captación, o criterio dos técnicos aconsella como alternativa máis desexable a potenciación e remodelación do sistema de Ribasaltas para o abastecemento de todo o concello de Monforte de Lemos.

Por todo o anterior, resulta urxente a ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto, co fin de reducir no posible a duración da actual situación, na que un servizo esencial como é o abastecemento domiciliario de auga potable, se está prestando nunhas instalacións en estado operativo de ruína.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2.º e 28.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de ampliación e mellora do sistema de tratamento de auga potable de Monforte de Lemos, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza