Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 20 de marzo de 2012 Páx. 9632

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se delega nas persoas titulares das xefaturas de servizo de Turismo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra o exercicio de determinadas competencias.

O Decreto 1/2012 modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia para adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, tendo en conta os criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Na súa virtude, o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, procede a establecer os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia, entre os cales se inclúe a Secretaría Xeral para o Turismo.

Ademais, mediante o Decreto 82/2012, do 23 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcéntranse, por un lado, na persoa titular da Secretaría Xeral para o Turismo as competencias que a normativa sectorial vixente en materia de turismo lle atribúe á persoa titular da consellería competente en materia de turismo, e, por outro lado, nas persoas titulares das xefaturas de servizo de Turismo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra da Secretaría Xeral para o Turismo as competencias atribuídas pola normativa sectorial vixente en materia de turismo ás xefaturas territoriais competentes en materia de turismo.

Tendo en conta o gran volume de actividade administrativa que a normativa sectorial vixente en materia de turismo lle atribúe á persoa titular da Secretaría Xeral para o Turismo (Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, o Decreto 52/2011, do 24 de marzo, polo que se establece a ordenación de apartamentos e vivendas turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 108/2006, do 15 de xuño, polo que establece a ordenación turística dos restaurantes e das cafetarías da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 267/1999, do 30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros, o Decreto 297/2002, do 24 de outubro, polo que se regulan o Libro de visitas da inspección turística e as follas de reclamacións de turismo...) e co fin de evitar unha concentración excesiva e lograr unha maior axilidade administrativa, faise conveniente que, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa, e con suxeición á normativa legal vixente, se deleguen nas persoas titulares das xefaturas de servizo de Turismo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra da Secretaría Xeral para o Turismo determinadas competencias.

A delegación de competencias da persoa titular da Secretaría Xeral para o Turismo noutros órganos dela redunda en beneficio tanto da Administración como das persoas interesadas, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas como á tutela dos intereses públicos, de acordo cos principios informadores da actividade administrativa e que a Constitución recolle no artigo 103.1.

A pretensión que se persigue é conseguir unha maior eficacia na tramitación e resolución dos asuntos atribuídos a esta secretaría xeral, de acordo co actual escenario de xestión ao que se enfrontan os diferentes órganos que a integran.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Delegar nas persoas titulares das xefaturas de servizo de Turismo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra da Secretaría Xeral para o Turismo o exercicio das seguintes competencias:

a) Resolución das modificacións de grupo, categoría, capacidade, superficie, modalidade, denominación, titularidade e calquera outra que modifique as condicións nas que se outorgou a clasificación turística dos establecementos hoteleiros, dos albergues turísticos, dos establecementos de turismo rural, das empresas de restauración e dos apartamentos e vivendas turísticas.

b) Resolución das modificacións de categoría, capacidade, superficie, denominación, titularidade e calquera outra que modifique as condicións nas que se outorgou a autorización turística dos campamentos de turismo.

c) Resolución das modificacións de titularidade, denominación, cambio de tempada e calquera outra que modifique as condicións nas que se outorgou a clasificación turística dos furanchos.

d) Resolución das modificacións de grupo, denominación, locais e calquera outra que modifique as condicións nas que se outorgou a clasificación turística das empresas de intermediación.

Segundo. A Secretaría Xeral para o Turismo poderá, non obstante, revogar, en calquera momento, o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6.9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Terceiro. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2012.

María Carmen Pardo López
Secretaria xeral para o Turismo