Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2012 Páx. 9572

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2012, da Dirección de Recursos Económicos, pola que se fan públicas a aprobación definitiva e as disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o novo hospital de Pontevedra, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 16 de febreiro de 2012.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5.º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 16 de febreiro de 2012, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1.º Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o novo hospital de Pontevedra –sometido a información pública mediante Resolución do 14 de decembro de 2010 da Dirección de Recursos Económicos (DOG n.º 242, do 20 de decembro de 2010)– para os efectos establecidos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2.º Declarar de utilidade pública as obras, instalacións e servizos previstos no proxecto sectorial, así como a necesidade de ocupación para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial do novo hospital de Pontevedra, de conformidade co establecido no artigo 11.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

3º. Declarar de marcado carácter territorial as dotacións previstas no proxecto sectorial para os efectos do disposto no artigo 11.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, e na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (que modifica a Lei 10/1995).

4.º Consonte o disposto nos artigos 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, e 11.2 do Decreto 80/2000, deberase modificar, se for o caso, o planeamento urbanístico municipal para adecuar as súas determinacións ao proxecto que se aproba.

5.º Anular o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de decembro de 2008 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o Complexo Hospitalario de Montecelo (Pontevedra)».

Contra o dito acordo cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o novo hospital de Pontevedra, para a súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2012.

Pablo Torres Arrojo
Director de Recursos Económicos

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal
para o novo hospital de Pontevedra

A. Ordenanzas reguladoras.

1. Normas xerais.

1.1. Natureza e ámbito.

O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do novo hospital de Pontevedra desenvolve o ámbito para a implantación da devandita dotación sanitaria. As presentes ordenanzas regulan os usos e edificación dentro deste ámbito.

Segundo establece o artigo 11.1 do Decreto 80/2000, as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

Esta normativa aplícase á superficie total do ámbito, 227.567 m2 delimitada nos planos deste proxecto.

1.2. Modificación e vixencia.

Segundo o artigo 14 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, a modificación do proxecto sectorial poderase realizar en calquera momento, seguindo o procedemento establecido no artigo 13 do mesmo decreto, con exclusión do trámite previsto no seu punto 1.

O proxecto sectorial poderá caducar e extinguir os seus efectos, segundo o artigo 15 do mesmo decreto, no suposto de que se produza declaración de caducidade por incumprimento dos prazos previstos para o seu inicio ou terminación por causa imputable ao titular das obras, ou que estas sexan interrompidas por un tempo superior ao autorizado sen causa xustificada, agás obtención previa da correspondente prórroga que poderá outorgar a Consellería de Sanidade.

A declaración de caducidade corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Sanidade e despois de informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e audiencia aos interesados.

A declaración de caducidade indicará, se é o caso, as determinacións do plan urbanístico municipal que deban ser modificadas, as condicións a que queden sometidas as construcións e instalacións xa realizadas e aquelas outras que resulten axeitadas para corrixir ou eliminar os impactos que puideren producirse no medio físico.

1.3. Alcance normativo do documento.

O alcance normativo do proxecto sectorial provén do contido normativo dos documentos urbanísticos que o integran, das ordenanzas reguladoras e planos de ordenación.

1.4. Cumprimento da lexislación vixente.

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións legais vixentes ou que poidan ser ditadas, sobre as distintas materias que afecten.

1.5. Definicións.

Para os efectos do presente documento, cando se nomeen os seguintes termos entenderanse co significado que a seguir se define:

• Área de movemento da edificación.

É a superficie da parcela susceptible de ser ocupada pola edificación libremente, de maneira que non existe obriga de limitarse a aliñación ou recuamento obrigatorio. Defínese como tal toda a área interior delimitada polo viario anular, na cal se sitúa a edificación do hospital. Dentro desta área situarase a totalidade da edificación, incluídos volumes voados.

• Superficie ocupada.

É a comprendida dentro dos límites definidos pola proxección vertical sobre un plano horizontal das liñas externas de toda a construción. Para o conxunto da superficie ocupada non se terán en conta os voados e as marquesiñas.

• Superficie edificada.

É a comprendida entre os límites exteriores da construción en planta, en cada unha das plantas, baixo ou sobre rasante.

Considéranse incluídos no cómputo de edificabilidade:

– Os corpos saíntes, terrazas e balcóns pechados por tres ou máis dos seus lados.

Considéranse elementos excluídos do cómputo de edificabilidade os seguintes:

– Os ocos de ascensores, condutos de instalacións de sección superior a 50 cm2 e as entreplantas técnicas.

– Os espazos baixo cuberta que non reúnan as condicións de estancia permanente de persoas.

– Os patios interiores descubertos.

– Os soportais, o espazo baixo marquesiñas e as plantas diáfanas non pechadas.

– Os elementos de remate de cuberta e aqueles propios de instalacións técnicas, antenas, ascensores e escaleiras.

– As plantas soto e semisoto destinadas exclusivamente a instalacións do edificio ou da urbanización.

– As plantas soto destinadas a garaxe-aparcadoiro.

• Superficie total edificada.

É a suma de todas as superficies edificadas de todas as plantas.

• Edificabilidade máxima.

É aquela que non pode superar a edificación, por ser o máximo permitido no ámbito. Calcúlase co sumatorio do total de metros cadrados de superficie total edificada resultante en todas as plantas.

• Espazos libres de parcela.

Son os espazos non edificados dentro da parcela dotacional sanitaria ou calquera outra que non sexa zona verde ou espazo libre.

• Rasante de referencia.

É a cota altimétrica do perfil lonxitudinal da vía de referencia.

• Vía de referencia.

É aquel elemento do viario rodado respecto do cal se realiza a medición de alturas da edificación, que será aquel desde o cal se produza o acceso á planta baixa.

• Planta sobre rasante.

É a planta cuxo chan se encontra ao nivel da rasante de referencia en contacto co edificio, ou como máximo 1,5 m por debaixo ou 1,0 m por enriba desta.

• Planta baixo rasante ou soto.

É aquela cuxo teito se encontra por debaixo da rasante de referencia ou do terreo en contacto co edificio, a unha distancia menor de 1,5 m por enriba da devandita rasante. Nos casos en que a planta se encontre en parte baixo rasante e en parte sobre rasante, computarase a edificabilidade de cada parte segundo corresponda.

• Planta baixa.

Aquela que ten acceso desde algunha das vías rodadas definidas xeometricamente no plano I.O2 «Planta de trazados. Rasantes e pendentes».

• Altura máxima da edificación.

A altura da edificación é a dimensión vertical dun edificio. É a distancia vertical medida en número de plantas desde a rasante de referencia da vía a que dá fronte ou ten acceso o edificio, ata a cara superior da última placa.

Ao existir desnivel topográfico entre as vías que dan acceso ás dúas fachadas principais (fachadas leste e oeste), a edificación deberá inscribirse dentro do volume capaz definido polo plano que une as alturas máximas definidas nos accesos das devanditas fachadas.

2. Condicións de uso.

2.1. Normas xerais.

Son as condicións que regulan a utilización das edificacións segundo a actividade que se desenvolva nelas.

Segundo a clasificación de usos do vixente Plan Xeral de Ordenación, os usos definidos clasifícanse en dominante e complementarios.

2.2. Uso dotacional sanitario.

O uso característico é o dotacional sanitario; é o que serve para prover os cidadáns de asistencia médica, así como servizos sanitarios e hospitalarios, paliativos e de recuperación e rehabilitación.

2.3. Uso dotacional docente e investigador.

Comprende o uso dotacional correspondente ás actividades formativas, de ensino e investigación relacionados coa creación, aplicación e difusión do coñecemento.

2.4. Uso dotacional administrativo.

Comprende aquela parte do uso dotacional encargado da administración deste, exercendo funcións de oficina das funcións públicas institucionais e a prestación de servizos públicos.

2.5. Uso dotacional asistencial.

Constitúeno as diferentes actividades de atención social a grupos que necesitan unha atención diferenciada, incluíndo aqueles tales como gardaría, centro de día de anciáns ou minusválidos, asilos ou calquera outro de funcións análogas.

2.6. Uso garaxe-aparcadoiro.

É o uso destinado á estancia de vehículos que non constitúe aparcadoiro nas vías.

Non se poderá utilizar como superficie de aparcadoiro a cuberta dos edificios. Non computarán edificabilidade as plantas soto destinadas a garaxe-aparcadoiro e os seus usos auxiliares.

As restantes condicións que haberá de cumprir o uso garaxe-aparcadoiro son as definidas no artigo 60 da normativa urbanística do vixente PXOM.

2.7. Uso terciario.

Enténdense incluídos dentro do uso terciario as actividades terciarias de características xerais, incluíndo as de índole comercial de venda e servizos de carácter privado, a venda de mercadorías polo miúdo, a prestación de servizos técnicos, informativos, recreativos e outros, tanto de carácter público como privado.

2.8. Uso de espazos libres e zonas verdes.

Correspóndese con aqueles espazos non edificados destinados fundamentalmente a plantación, xardinaría e mantemento do estado natural do terreo, admitíndose diversos tratamentos paisaxísticos co obxectivo principal de garantir o repouso e esparexemento da poboación, e a protección dos elementos naturais que o precisen.

3. Normas comúns de edificación.

3.1. Superficie edificada computable.

É a comprendida entre os límites exteriores da construción en planta, en cada unha das plantas.

Considéranse elementos excluídos do cómputo de edificabilidade os seguintes:

– Os patios interiores descubertos.

– Os soportais, o espazo baixo marquesiñas e as plantas diáfanas non pechadas.

– Os elementos de remate de cuberta e aqueles propios de instalacións técnicas, antenas, ascensores e escaleiras.

– As plantas soto e semisoto destinadas exclusivamente a instalacións do edificio ou da urbanización.

– As plantas soto destinadas a garaxe-aparcadoiro.

3.2. Aproveitamento da parcela.

A actuación proxectada pretende a implantación dun hospital como uso global característico na parcela. Ademais, considérase a implantación doutros usos dotacionales complementarios do principal.

O aproveitamento total definido da parcela correspóndese cunha edificabilidade bruta de 1 m2/m2, e un máximo de 227.567 m2.

4. Normas particulares de zona.

4.1. Ordenanza 1: solo urbano dotacional sanitario (DS).

• Ámbito de aplicación.

Comprende os terreos grafados no plano de ordenación coa denominación DS.

• Uso predominante.

Uso dotacional sanitario.

• Usos compatibles.

Considéranse compatibles co uso predominante os usos de garaxe-aparcadoiro, dotacional docente e investigador, dotacional administrativo, dotacional asistencial, terciario, hostaleiro e industrial en categorías 1 e 2, segundo as definicións incluídas no vixente PXOM.

• Parcelación.

Non se establece parcela mínima.

• Posición da edificación.

Non se fixan condicións de posición da edificación na parcela, que poderá dispoñerse libremente segundo as necesidades dentro da parcela dotacional sanitaria DS.

• Altura máxima da edificación.

A altura máxima da edificación respecto da rasante de referencia é de planta baixa máis dez plantas (PB+10). Esta altura encóntrase definida graficamente mediante unha sección reguladora no plano I.01 (plano de ordenación), que forma parte do presente documento.

4.2. Ordenanza 2: solo urbano de espazos libres e zonas verdes (ZV).

• Ámbito de aplicación.

As parcelas que no plano de ordenación I.01 se denominan ZV.

• Uso predominante.

Zonas verdes e espazos libres.

• Usos compatibles.

Considéranse compatibles co uso predominante equipamentos ao servizo do espazo libre en cuestión, tales como quioscos, pérgolas, invernadoiros, almacéns de ferramenta, etc.

• Parcelación.

Non se establece parcela mínima.

• Posición da edificación.

Non se fixan condicións de posición das edificacións.

• Volume da edificación.

Permítese unha edificabilidade de 0,05 m2/m2, cunha altura máxima de 5 m equivalente a planta baixa.

4.3. Ordenanza 3: solo urbano de sistema viario (SV).

O proxecto sectorial establece no correspondente plano de ordenación I.01 o sistema viario dentro do seu ámbito, tanto rodado coma peonil, definindo xeometricamente a rede viaria co seu trazado en planta e perfil.

5. Normas de urbanización.

5.1. Rede viaria.

Está configurada por vías de circulación en dobre sentido e con carrís de 3,50 m de largo como mínimo, e beirarrúas de largo mínimo de 2,0 m. As dúas grandes rotondas de acceso contan cun diámetro exterior de 45 m.

5.2. Firme.

Cada unha das vías debe estar pavimentada de acordo co seu uso. As partes do viario rodado susceptibles de circulación polos vehículos de bombeiros, e de acordo co DB-SE-5 do CTE, deberá cumprir cunha capacidade portante de 20 Kn/m2.

5.3. Disposición de servizos.

As canalizacións dispoñeranse baixo as beirarrúas, se é posible, ou, de acordo coa xeometría e a regulamentación vixente, realizarase a canalización baixo a calzada.

5.4. Rede de abastecemento de auga.

As conducións situaranse a unha profundidade mínima respecto da xeratriz superior de 1,0 m e irán reforzadas con envolvente de formigón nos cruzamentos de calzadas.

As conexións ás canalizacións mestras ou aneis principais de distribución desde as distintas edificacións faranse controladas. A rede será en malla, co obxecto de ter unha maior garantía de servizo en caso de avaría, así como para evitar ramais cegos que repercutan negativamente na calidade da auga. Así mesmo, dispoñeranse todos os elementos necesarios para garantir o correcto funcionamento desta, tales como válvulas de corte, de desaugadoiro, ventosas, etc. A rede tenderase baixo as beirarrúas en gabias, asentada sobre camada de area. Nos cruzamentos de calzada reforzarase con envolvente de formigón; o mesmo se fará nos trazados a parcela onde se produza o paso de tráfico rodado.

Por outra parte, as canalizacións de auga potable irán sempre a unha cota superior ás de saneamento. A canalización deberá ir como mínimo 50 cm por enriba das conducións de rede de sumidoiros e separada 30 cm de calquera canalización de alta tensión eléctrica ou telefónica e 20 cm das canalizacións de baixa tensión eléctrica.

5.5. Rede de saneamento.

O diámetro das canalizacións non será inferior a 30 cm. A velocidade máxima non superará os 3,0 m/s e a mínima non será inferior a 0,5 m/s, sempre de acordo coas normas xerais de urbanización definidas no título II do vixente PXOM de Pontevedra. Ambas as redes se resolverán con canalización de PVC con xunta elástica. A canalización irá colocada en gabia, de forma que a xeratriz superior desta quede a unha profundidade igual ou maior de 0,8 m respecto do nivel do pavimento rematado. Estas gabias irán localizadas na zona destinada a calzada. Cando a canalización non alcance esa profundidade mínima, reforzaranse con envolvente de formigón en masa.

As conexións á rede desde os sumidoiros ou conexións de servizo faranse a pozo ou ben mediante pezas especiais directamente ás canalizacións.

5.6. Rede eléctrica.

Os centros de transformación necesarios situaranse en calquera lugar na parcela dotacional sanitaria (DS), sempre que se dispoñan accesibles desde o exterior.

Toda a rede se realizará subterránea en condutor normalizado R.H.V., entubado en canalización de polietileno de 160 mm de diámetro, dispoñéndose unha terna de cables por tubo.

As canalizacións realizaranse baixo a calzada, preferentemente pola zona destinada a aparcadoiros. Nos cruzamentos de calzada e baixo os accesos de vehículos, este tubo reforzarase con envolvente de formigón.

Os proxectos que se desenvolvan posteriormente faranse sobre a base das directrices que marque a compañía subministradora e segundo a demanda definitiva.

5.7. Rede de iluminación publica.

Establécense dous criterios para a iluminación pública: un para a rede viaria e outro para as zonas verdes.

Para as zonas viarias considerarase un nivel luminoso mínimo de 15 lux e unha uniformidade de 0,3, e a iluminación realizarase con luminarias pechadas de 100 e 150 W, equipadas con lámpadas de vapor de sodio de alta presión (VSAP) e luminarias con FHS (fluxo ao hemisferio superior) ≤ 3%.

Para as zonas verdes considerarase un nivel luminoso mínimo de 5 lux e a iluminación realizarase con luminarias con FHS (fluxo ao hemisferio superior) ≤ 2,5%.

5.8. Rede de telefonía e telecomunicacións.

Deixarase prevista a condución en canalización de polietileno, así como as arquetas de conexión e derivación necesarias para o posterior tendido por parte dos operadores do servizo das liñas telefónicas necesarias e das liñas de telecomunicacións adaptadas ao Real decreto 279/1999.

A canalización de distribución irá enterrada 60 cm e estará separada como mínimo 20 cm de calquera canalización eléctrica.

5.9. Rede de gas.

O material empregado nas canalizacións para gas será o polietileno, empregándose tubos lisos deste material que cumprirán a norma UNE 53.333.

Irán tendidos en gabias a unha profundidade mínima de 60 cm medida sobre a xeratriz superior do tubo, sobre unha capa de area de 15 cm e marcando a súa posición mediante fita de sinalización de perigo.

5.10. Obras que afecten servizos públicos.

Se as obras que se executen afectan servizos de carácter xeral ou público, os propietarios comunicarano por escrito ás empresas correspondentes ou entidades administrativas, con 8 días de anticipación ao comezo destas, en cuxo prazo as devanditas empresas ou entidades deberán tomar as medidas oportunas en evitación de danos propios ou a terceiros, dos cales serán responsables desde a finalización do prazo anteriormente mencionado.

5.11. Depósito de entullos e materiais.

Os entullos e fornecementos de materiais non se poderán amorear na vía pública nin apoiarse nos valos ou muros de peche.

5.12. Estadas e material auxiliar.

Todas as estadas auxiliares da construción deberán executarse baixo dirección facultativa competente e dotaranse das precaucións necesarias para evitar que os materiais e ferramentas de traballo poidan caer á rúa, na cal se colocarán os sinais de precaución que en cada caso sexan convenientes.

En toda clase de construción, así como no uso de maquinaria auxiliar desta, gardaranse as precaucións de seguranza no traballo exixidas polas leis vixentes en cada momento sobre a materia.

5.13. Valos de obras.

1. En toda obra de nova planta ou derrubamento e nas de reforma ou conservación que afecten as fachadas, deberá colocarse un valo de protección de dous metros de altura, como mínimo, de materiais que ofrezan seguranza e conservación decorosa e situada á distancia máxima de dous metros da aliñación oficial. En todo caso, deberá quedar arredada do bordo, polo menos 0,60 metros, para permitir o paso de peóns.

2. Cando por circunstancias especiais non se faga aconsellable a aplicación das devanditas normas, o técnico municipal correspondente fixará as características do valo e pode ordenar a súa desaparición total no momento en que rematen os traballos indispensables en planta baixa; as obras continuarán nas plantas superiores, colocando antes unha estada de protección que permita o tránsito pola beirarrúa e ofreza a debida seguranza para a circulación na vía pública.

3. Cando as obras ou instalacións poidan supoñer, en si mesmas ou na súa montaxe, un perigo para os viandantes, exixirase durante as horas de traballo a colocación na rúa dunha corda ou palenque cun operario que advirta o perigo. Cando as características de tránsito a aconsellen, poderá limitarse o traballo a determinadas horas.

4. A instalación de valos enténdese sempre con carácter provisorio, en canto dure a obra, por iso desde o momento en que transcorra un mes sen dar comezo as obras, ou estean interrompidas, deberá suprimirse o valo e deixar libre a beirarrúa ao tránsito público.

6. Condicións ambientais e hixiénicas.

6.1. Emisións á atmosfera.

Esta normativa ten por obxecto regular as actividades, situacións e instalacións que sexan susceptibles de produciren fumes, gases, poeiras, vapores e cheiros no ámbito de aplicación do presente proxecto sectorial, para evitar a contaminación atmosférica.

Queda prohibida, con carácter xeral, toda combustión que non se realice en fogares idóneos, provistos dos dispositivos de captación, depuración, condución e evacuación pertinentes.

Os aparellos térmicos instalados deberán corresponder a tipos previamente homologados.

Os niveis de emisión de contaminantes e opacidade de fumes dos xeradores de calor deberán axustarse aos límites fixados na lexislación vixente.

Os fumes, vapores e outros efluentes contaminantes, calquera que for a súa orixe, deberán evacuarse ao exterior mediante condutos ou chemineas, nas condicións e características prescritas nesta ordenanza.

As chemineas de instalacións domésticas, industriais e de calefacción ou de produción de auga quente centralizada, deberán axustarse aos criterios de construción contidos na lexislación vixente.

As chemineas deberán asegurar un perfecto tiro, cunha velocidade dos fumes adecuada para evitar a saída de chamas, faíscas en ignición, cinzas e partículas, en valores superiores aos permitidos.

As instalacións deberán ter dispositivos adecuados nos tubos e condutos de fumes, portas dos fogares, etc. que permitan efectuar a medición da depresión na cheminea e caldeira, temperatura do gas, análise dos gases de combustión e cantos controis sexan necesarios para comprobar as condicións do seu funcionamento, segundo o disposto na lexislación vixente.

Queda prohibida a limpeza dos condutos de evacuación e chemineas mediante sopraxe de aire ao exterior.

Os límites de emisión e inspiración, así como a determinación do nivel destes, axustaranse ao disposto nas normas específicas vixentes.

As chemineas das instalacións industriais deberán estar provistas dos orificios e sistemas precisos para poder realizar a toma de mostras de gases e pos, debendo estar dispostos de maneira que se eviten turbulencias e outras anomalías que poidan afectar a representatividade das medicións, de acordo coas especificacións contidas na lexislación vixente.

A instalación, autorización e funcionamento das actividades potencialmente contaminantes axustaranse ao disposto na lexislación vixente:

– Lei 8/2002 de Galicia, do 18 de decembro, de protección do ambiente atmosférico de Galicia.

– Lei 12/1995 de Galicia, do 29 de decembro, do imposto sobre contaminación atmosférica.

– Decreto 29/2000 de Galicia, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica.

– Orde do 27 de novembro de 2001 de Galicia, polo que se aproba o Regulamento do imposto de contaminación atmosférica e se aproban diferentes modelos de declaración e de declaración de liquidación.

– Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.

– Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, de protección do ambiente atmosférico.

– Real decreto 547/1979, do 20 de febreiro, sobre modificación do anexo IV do Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, de protección do ambiente atmosférico.

– Orde do 18 de outubro de 1976, de prevención e corrección da contaminación atmosférica industrial.

– Real decreto 1321/1992, de modificación do Real decreto 1613/1985, que establece valores de calidade para o dióxido de xofre e os fumes negros.

– Real decreto 108/1991, do 1 de febreiro, sobre a prevención e redución da contaminación no ambiente producida polo amianto.

– Real decreto 646/1991, do 22 de abril, de normas sobre limitación de emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes procedentes de grandes instalacións de combustión.

– Real decreto 117/2003, do 31 de xaneiro, sobre limitación de emisións de compostos orgánicos volátiles debidas ao uso de disolventes en determinadas actividades. c.e. 2/04/2003.

– Real decreto 1073/2002, sobre avaliación e xestión da calidade do aire en relación con dióxidos de xofre e de nitróxeno, óxido de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono.

– Real decreto 117/2003, do 31 de xaneiro, sobre limitación de emisións de compostos orgánicos volátiles debido ao uso de disolventes en determinadas actividades.

– Real decreto 430/2004, do 12 de marzo, polo que se establecen novas normas sobre limitación de emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes procedentes de grandes instalacións de combustión, e se fixan certas condicións para o control das emisións á atmosfera das refinarías de petróleo.

– Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación.

6.2. Augas residuais.

A produción de verteduras á rede de saneamento de augas pluviais ou fecais deberá axustarse ao disposto na lexislación vixente en materia de verteduras e protección ambiental de leitos fluviais, e en xeral, do dominio público hidráulico:

– Decreto 16/1987, de Galicia, do 14 de xaneiro, de deseño técnico do Plan hidrolóxico das bacías intracomunitarias de Galicia.

– Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

– Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas. c.e. 25/09/2001.

– Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación.

– Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve a Lei de augas.

– Real decreto 927/1988, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Administración pública da auga e da planificación hidrolóxica, en desenvolvemento dos títulos II e III da Lei de augas.

– Real decreto 1315/1992, do 30 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Regulamento do dominio público hidráulico aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, co fin de incorporar á lexislación interna a Directiva do Consello 80/68/CEE, do 17 de decembro de 1979, relativa á protección das augas subterráneas contra a contaminación causada por determinadas substancias perigosas.

– Real decreto 484/1995, do 7 de abril, sobre medidas de regularización e control de verteduras.

– Real decreto 995/2000, do 2 de xuño, polo que se fixan obxectivos de calidade para determinadas substancias contaminantes e se modifica o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

– Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. c.e. 30/11/2001.

– Real decreto 606/2003, do 23 de maio, polo que se modifica o Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

– Modificacións do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo.

6.3. Xestión de residuos inertes.

Considéranse residuos inertes aqueles que non experimentan ningún tipo de transformación física, química ou biolóxica segundo a definición do artigo 2 do Real decreto 105/2008, por tanto a súa toxicidade residual representa menor impacto ambiental que a doutro tipo de residuos. Inclúen entullos derivados de obras, terras e maquinaria en desuso.

Co obxecto de reducir a produción de residuos inertes, adoptaranse as seguintes medidas tanto durante a execución das obras coma na fase de explotación da instalación:

– Fomentar prácticas de formación ambiental entre os traballadores.

– Xestionar os residuos de forma que se facilite a súa recuperación.

– Separar os residuos e acondicionar un contedor específico para cada tipo, fomentando a recolla selectiva desde o punto de orixe.

– Realizar o transporte e xestión dos residuos a través de transportistas e xestores autorizados.

– Propiciar a xestión de residuos a través de bolsas de subprodutos.

– Elixir elementos que posúan maior aptitude para seren reciclados.

– Reutilizar materiais de demolicións e cachote.

– Depositar en entulleiras autorizadas os residuos inertes que non poidan recibir tratamento.

6.4. Xestión de residuos perigosos.

Co obxecto de reducir a produción de residuos perigosos durante a execución das obras, adoptaranse as seguintes medidas durante a fase de construcións das edificacións previstas no ámbito ordenado polo presente proxecto sectorial:

– Fomentar prácticas de formación ambiental entre os traballadores.

– Xestionar os residuos de forma que se facilite a súa recuperación.

– Separar os residuos e acondicionar un contedor específico para cada tipo, fomentando a recolla selectiva desde o punto de orixe.

– Acondicionar zonas para o almacenamento temporal dos residuos perigosos que eviten derramamento, verteduras e mesturas entre residuos.

– Realizar a correcta etiquetaxe dos residuos almacenados, indicando o seu grao de perigosidade.

– Realizar o transporte e xestión dos residuos a través de transportistas e xestores autorizados.

– Usar pinturas e tintas con compoñentes naturais, evitando as baseadas en disolventes e substituíndoas por outras con base de auga.

6.5. Residuos sólidos urbanos e asimilables (clase I e clase II).

Son os xerados nas áreas da dotación sanitaria nas cales non se realizan actividades sanitarias e, por tanto, non se xeran residuos que supoñan un risco para a saúde e, por tanto, non requiren precaucións especiais. Inclúense neste tipo os residuos de oficinas, almacéns, salas de espera, cafetarías, etc. Pertencen a esta clase o papel, o vidro, a madeira, restos de comida, material de xardinaría e aqueles similares aos domésticos. Tamén se encontran dentro da consideración de residuos urbanos os procedentes de limpeza de espazos libres, vías públicas e zonas verdes, así como os procedentes das operacións de mantemento e reparación.

A xestión dos residuos da actividade médica co fin de previr os riscos que xeran as súas instalacións e actividades, debe cumprir coa lexislación vixente relativa aos residuos, que non é outro que o Decreto 460/1997, do 21 de novembro, que establece normas para a xestión dos residuos de establecementos de saúde na Comunidade Autónoma de Galicia. Segundo esta normativa os residuos xerados pola actividade sanitaria defínense e clasifícanse do seguinte xeito:

– Clase I. Residuos sólidos urbanos.

– Clase II. Residuos sanitarios asimilables a urbanos.

– Clase III. Residuos sanitarios especiais.

Grupo 1. Infecciosos.

Grupo 2. Cultivos e reservas de axentes infecciosos.

Grupo 3. Filtros de diálise de pacientes infecciosos.

Grupo 4. Fluídos corporais.

Grupo 5. Residuos cortantes e punzantes utilizados na actividade sanitaria.

Grupo 6. Residuos anatómicos humanos procedentes da actividade sanitaria que queden excluídos do regulado no Regulamento de policía sanitaria mortuoria.

Grupo 7. Residuos de animais infecciosos ou inoculados con axentes infecciosos.

Grupo 8. Residuos procedentes da actividade sanitaria de pacientes afectados pola enfermidade de Creutzfeldt-Jakob.

Grupo 9. Residuos citostáticos.

– Clase IV. Residuos de natureza química.

a) Residuos xerados nas unidades de radioloxía, laboratorios, así como residuos farmacéuticos, medicamentos e produtos veterinarios.

b) Outros residuos tóxicos e perigosos, tales como aceites usados, disolventes ou similares.

c) Residuos radioactivos.

d) Cadáveres e restos humanos de suficiente entidade.

A produción, xestión e transporte dos residuos urbanos no ámbito do proxecto sectorial deberán axustarse ao disposto na lexislación vixente en materia de residuos urbanos:

– Lei 10/1997 (Galicia), do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

– Decreto (Galicia) 154/1998, do 28 de maio, polo que se publica o catálogo de residuos de Galicia.

– Resolución do 28 de outubro 1998. Plan de xestión de RSU de Galicia.

– Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de produtor e xestor de residuos de Galicia e se crea o Rexistro Xeral.

– Orde do 11 de maio de 2001, pola que se regula o contido básico dos estudos de minimización da produción de residuos perigosos.

– Decreto 352/2002, que regula a produción de residuos de construción e demolición.

– Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e réxime administrativo en residuos sólidos urbanos.

– Decreto 221/2003, do 27 de marzo, polo que se establece un réxime simplificado no control de traslado dos residuos perigosos producidos por pequenos produtores de residuos.

– Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación.

– Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos.

– Orde do 28 de febreiro de 1989, sobre xestión de aceites usados.

– Orde do 13 de xuño de 1990, pola que se modifica a Orde do 28 de febreiro de 1989, pola que se regula a xestión de aceites usados (BOE do 21 de xuño de 1990).

– Orde do 28 de outubro de 1992, pola que se amplía o ámbito de aplicación da Orde do 31 de outubro de 1989 (BOE do 6 de novembro de 1992).

– Real decreto 1771/1994, polo que se modifica o Real decreto 833/1988, do 20 de xullo.

– Lei 11/1997, do 24 de abril, de envases e residuos de envases.

– Real decreto 952/1997, polo que se modifica o Regulamento para a execución da Lei 20/1986, básica de residuos tóxicos e perigosos.

– Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

– Real decreto 782/1998, do 30 de abril, polo que se aproba o Regulamento para o desenvolvemento e a execución da Lei 11/1997, de envases e residuos de envases.

– Real decreto 1481/2001, de eliminación de residuos mediante depósito en entulleira.

– Orde MAM/304/2002, sobre operacións de valorización e eliminación de residuos, e corrección de erros.

6.6. Xestión de residuos sanitarios especiais (clase III).

Este tipo de residuos soamente se xeran na fase de explotación da instalación. O material propio da actividade médica (agullas, gasas, tecidos extirpados, material de laboratorio, etc.) convértese en residuos médicos desde o momento en que este material é rexeitado porque a súa utilidade ou a xestión clínica os dan por amortizados.

Adoptaranse as seguintes medidas durante as fases de deseño e explotación da dotación sanitaria, co obxecto de reducir a produción de residuos sanitarios especiais, e sobre os cales non se poden formular obxectivos de redución de cantidades concretas:

– Estudo da localización e dimensións axeitadas dos almacéns temporais de residuos, para garantir a súa seguranza, hixiene e inocuidade.

– Implantación dun plan de xestión de residuos sanitarios na fase de utilización.

– Establecer plans de formación para minimizar os riscos derivados da manipulación.

6.7. Emisións acústicas.

A instalación, autorización e funcionamento das actividades potencialmente contaminantes axustaranse ao disposto na lexislación vixente:

– Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

– Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

– Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

– Decreto 320/2002, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica.

– Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación.

– Real decreto 212/2002, polo que se regulan as emisións sonoras no ámbito debidas a determinadas máquinas ao aire libre.

As condicións acústicas exixibles a diversos elementos construtivos que compoñen a edificación cumprirán as exixencias da normativa concreta aplicables.

6.8. Eficiencia enerxética.

O aforro e a eficiencia enerxética son obxectivo prioritario, polo que optimizar o consumo enerxético é un criterio de deseño fundamental que condiciona as características do novo hospital. Para reducir as necesidades enerxéticas do edificio utilizáronse diversos criterios que se describirán nesta sección co obxectivo de que o proxecto de execución do edificio posúa unha cualificación enerxética B ou superior. Segundo o Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, a cualificación enerxética da edificación quedará expresada nos certificados de eficiencia enerxética de proxecto e edificio rematado, mediante o indicador enerxético (emisións anuais de CO2, expresadas en kg por m2 de superficie útil do edificio). O rango de valores dos indicadores enerxéticos subdivídese en grupos (do A ao E) que constitúen as diferentes clases de eficiencia.

Para iso o edificio deseñarase superando os límites exixidos nas distintas partes do RITE e do Código técnico da edificación (CTE), no documento correspondente a aforro de enerxía (HE), que ten como obxectivos básicos:

1. Conseguir un uso racional da enerxía necesaria para a utilización dos edificios, reducindo a límites sustentables o seu consumo, e conseguir que parte deste consumo proceda de enerxías renovables.

2. Para satisfacer este obxectivo, os edificios proxectaranse, construiranse, utilizaranse e manteranse cumprindo as exixencias básicas impostas polo CTE.

3. O documento básico «DB-HE Aforro de Enerxía» especifica parámetros obxectivos e procedementos cuxo cumprimento asegura a satisfacción das exixencias básicas e a superación dos niveis mínimos de calidade propios do requisito básico de aforro de enerxía.

Unha das formas para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e reducir o consumo de enerxía e as emisións de CO2 é actuar sobre a envolvente térmica do edificio, de tal forma que diminuamos as perdas (inverno) ou ganancias (verán) de calor que se producen a través dela.

O Código técnico da edificación no seu documento básico HE (Aforro de enerxía), na súa sección HE1 (Limitación da demanda enerxética) define os valores máximos da transmitancia térmica de cerramentos e particións interiores da envolvente térmica U (W/m2ºK) en función das zonas climáticas:

Cerramentos e particións interiores

Zonas A

Zonas B

Zonas C

Zonas D

Zonas E

Muros de fachada, particións interiores en contacto con espazos non habitables, primeiro metro do perímetro de chans apoiados sobre o terreo(1) e primeiro metro de muros en contacto co terreo

1,22

1,07

0,95

0,86

0,74

Chans(2)

0,69

0,68

0,65

0,64

0,62

Cubertas(3)

0,65

0,59

0,53

0,49

0,46

Vidros e marcos

5,70

5,70

4,40

3,50

3,10

Medianís

1,22

1,07

1,00

1,00

1,00

Neste edificio deberá reducirse amplamente o valor das transmitancias exixidas no CTE co obxecto de reducir a demanda enerxética do edificio.

Outro aspecto fundamental será o rendemento das instalacións térmicas, de acordo coa normativa vixente, onde cobran especial importancia os rendementos dos equipos xeradores de calor ou refrixeración.

Así mesmo, as instalacións de iluminación utilizarán tecnoloxías enerxeticamente eficaces e que cumpran cos criterios de iluminación axeitados ás necesidades dos usuarios.

En relación coas contribucións de enerxías renovables asociadas á utilización de enerxía solar e fotovoltaica, superaranse amplamente os requisitos exixidos no CTE da edificación podendo implantarse outras enerxías renovables recoñecidas polo CTE (biomasa, xeotérmica...).

No proxecto de execución analizarase a posibilidade de implantar unha central de trixeneración que utilizará como combustible o gas natural, adaptada á demanda de calor e de refrixeración do edificio, cumprindo cos criterios establecidos no Real decreto 661/2007 e na súa normativa complementaria. A trixeneración é unha das tecnoloxías máis eficientes enerxeticamente, xa que a produción simultánea de electricidade e calor permite aumentar o rendemento enerxético global da xeración eléctrica, que pasaría do 40% a superar o 60%.

Por outra parte, os principais equipamentos do edificio que teña exixencia de etiquetaxe enerxética terán a categoría B ou superior.

B. Execución do proxecto sectorial.

1. Tramitación.

Segundo o establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e nos artigos 12 e 13 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, os pasos na tramitación serán os seguintes:

a) Declaración por parte do Consello da Xunta de Galicia do proxecto como de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, logo de informe do conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas.

b) Trámite de exposición pública, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e no xornal de maior difusión na comunidade autónoma, e trámite de audiencia ás entidades locais sobre as cales incide o proxecto. Solicitude de informes sectoriais e exposición pública do informe de sustentabilidade ambiental.

c) Redacción do texto refundido coas modificacións ou correccións que procedan á vista do resultado da información pública e dos informes emitidos, e informe preceptivo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

d) Aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira de Sanidade, e despois do informe preceptivo do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

e) O acordo de aprobación definitiva será publicado no Diario Oficial de Galicia e o proxecto sectorial entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

2. Sistema de actuación.

A iniciativa de desenvolvemento e xestión é pública e corresponde á Xunta de Galicia a través da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

O sistema de actuación será o de expropiación forzosa e corresponde á Xunta de Galicia, a través do seu organismo autónomo Servizo Galego de Saúde (Sergas), a tramitación dos expedientes expropiatorios como administración actuante. O Sergas actuará como órgano xestor e beneficiario da expropiación.

3. Promotor da actuación.

O promotor da actuación é o Servizo Galego de Saúde (Sergas), con CIF n.º Q6550006H, organismo autónomo dependente da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

4. Prazos de execución.

O prazo máximo de execución das obras previstas no presente proxecto sectorial prevese de 5 anos contados desde a conclusión do expediente expropiatorio dos bens e dereitos necesarios para a execución deste.

5. Fases de execución.

Establécese unha única etapa para a execución da totalidade das obras de urbanización, incluídas as conexións cos sistemas xerais viario, de saneamento, abastecemento de auga, enerxía eléctrica e telecomunicacións.

Establécese a posibilidade da redistribución posterior en fases da execución dos trámites e obras necesarios para a materialización do proxecto. A seguir, definimos unha posible distribución de fases.

1. Tramitación administrativa do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

2. Tramitación do expediente de expropiación dos bens afectados polo proxecto sectorial.

3. Construción da vía de acceso norte.

4. Construción da urbanización e simultaneamente dos edificios da infraestrutura hospitalaria.

C. Memoria xustificativa do PSIS: novos números 2.3.9 e 2.3.10.

Os seguintes números deben ser entendidos como parte constitutiva da Memoria xustificativa do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do novo hospital de Pontevedra para a súa aprobación definitiva, e, máis concretamente, como subdivisións do número 2.3 (Relación coa lexislación e o planeamento).

A necesidade de incorporación ao documento do proxecto sectorial dos seguintes números 2.3.9 e 2.3.10 xorde da debida incorporación das determinacións emanadas do informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento, así como da finalización do procedemento de avaliación ambiental estratéxica despois da aprobación da Memoria ambiental por parte da Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Estes novos números non supoñen modificacións nas análises, criterios ou propostas reflectidos no resto do documento do PSIS. Significan a plasmación dunha serie de determinacións que deberán ser cumpridas por aqueles documentos urbanísticos ou técnicos que posteriormente desenvolvan a dotación, instalacións, edificacións e usos no ámbito. É por iso polo que os seguintes números se formulan como determinacións que se engaden ao corpo do documento do PSIS.

Por tanto, consideraranse incorporados á Memoria do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do novo hospital de Pontevedra os seguintes números:

2.3.9. Determinacións sobre aviación civil.

A totalidade do ámbito do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do novo hospital de Pontevedra encóntrase incluído nas zonas de servidume aeronáuticas legais correspondentes ao aeroporto de Vigo. En particular, o ámbito encóntrase afectado principalmente pola superficie de aproximación intermedia (ILS), a superficie de aproximación final (VOR RWY 20) e a superficie de aproximación intermedia (VOR RWY 20).

Dado que a rasante de vía máis elevada sobre a cal se asenta o hospital, cunha altura máxima de PB+10, é 126,60 m e que as servidumes aeronáuticas se encontran aproximadamente a partir de 600 metros, ambos sobre o nivel do mar, existe cota abonda para que as servidumes aeronáuticas non sexan superadas polas devanditas construcións e os seus elementos, incluídos os guindastres de construción e similares.

No plano incluído no documento adxunto deste anexo represéntanse as liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo que afectan o ámbito, as cales determinan as alturas (respecto do nivel do mar) que non debe superar ningunha construción (incluídos todos os seus elementos como antenas, pararraios, chemineas, equipamentos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, etc.) modificacións do terreo ou obxecto fixo (postes, antenas, aeroxeradores incluídas as súas pas, carteis, guindastres, etc.) así como as dimensións máximas dos vehículos.

2.3.10. Determinacións da memoria ambiental aprobada.

O proxecto técnico que desenvolva en detalle as características construtivas e de execución desta dotación hospitalaria debe incluír as seguintes determinacións expostas na memoria ambiental:

– Deberá elaborar un estudo de impacto e integración paisaxística no cal, ademais da visibilidade da dotación no ámbito, se teñan en conta aspectos como a morfoloxía da edificación, materiais a utilizar, mobiliario urbano, iluminación, zonas verdes, etc. Así mesmo, deberán incorporarse tamén no devandito proxecto.

– Deberá determinar que se levarán a cabo as medicións e se elaborarán os informes diarios definidos no plan de seguimento que forma parte do informe de sustentabilidade ambiental (ISA) incluído no PSIS.

O plan de seguimento establece unha serie de indicadores de sustentabilidade cuxa medición periódica permitirá coñecer a súa evolución. Con eles elaboraranse informes diarios que serán enviados ao órgano ambiental. Durante a fase de obras redactaranse un informe de inicio e outro de fin das obras, mentres que durante o funcionamento da dotación se emitirán informes anuais.

– Deberá incorporar tamén as consideracións e medidas propostas no informe de sustentabilidade ambiental (ISA) para o conxunto de variables consideradas no número 2.1.4. da memoria ambiental, e que se refiren a seguir, de modo que quede absolutamente garantido o seu cumprimento.

As variables definidas no ISA e recollidas na memoria ambiental son as seguintes:

• Paisaxe.

Esta variable foi tida en conta principalmente na definición dos obxectivos dos núcleos, infraestruturas e comunicacións existentes, e dos enclaves de interese histórico. Descríbese a afección que supón unha alteración no ambiente tanto na fase de obras coma na de explotación, destacando a visibilidade da nova infraestrutura e a ruptura e alteración da paisaxe agroforestal. Defínense medidas para priorizar o mantemento da integridade paisaxística en todas as fases do proxecto e, así, diminuír as afeccións a estes elementos estratéxicos do territorio, entre as cales cabe mencionar a adaptación dos volumes da dotación á orografía do contorno fraccionando a súa envergadura total.

No que respecta á fragmentación do territorio, o hospital pretende ser unha dotación en que se poida gozar dunha contorna natural como parte da estratexia encamiñada á humanización do hospital. Con esta finalidade, a edificación rodéase de grandes espazos libres que poidan revexetarse e nun segundo anel consérvanse as masas arbóreas existentes, mantendo o equilibrio natural.

• Natureza.

Defínense as posibles alteracións da vexetación existente na área, que está nunha zona que presenta unha alta influencia antrópica. Esta variable foi considerada na definición dos obxectivos para a conservación das especies arbóreas autóctonas, así como os ríos e leitos fluviais. Márcanse medidas para a preservación da integridade funcional dos sistemas naturais, que é fundamental para minimizar a afección da nova dotación no ambiente.

• Patrimonio.

Identifícanse os elementos significativos existentes na contorna, o castro de Lusquiños e a ermida de San Cibrán, e páutanse medidas que contribúen á preservación e valorización destes elementos.

• Sociedade e economía.

Para conservar a estrutura demográfica e socioeconómica da área de influencia definiuse como obxectivo a minimización dos impactos en todas as fases do proxecto sobre os núcleos, infraestruturas e comunicacións existentes, valorando como positiva a posibilidade de fomento do desenvolvemento socioeconómico debido á creación de novos servizos na zona.

• Edificacións.

Analizouse a relación da edificación cos condicionantes bioclimáticos, e trasladáronse os resultados ao deseño do edificio. O impulso por unha edificación eficiente no consumo de recursos e a prevención da contaminación está implícito nos obxectivos para a protección de ríos e leitos fluviais e para a conservación das especies arbóreas autóctonas xa que o uso excesivo de recursos e a contaminación poden afectar en boa medida a estes elementos estratéxicos do territorio. Pola súa vez, tamén influirá na minimización dos impactos sobre os núcleos, infraestruturas e comunicacións existentes.

• Mobilidade.

Valoráronse as necesidades de mobilidade xeradas pola dotación, así como a eficiencia da conectividade dos principais itinerarios, e foron tidos en conta á hora de seleccionar os obxectivos específicos para os núcleos, infraestruturas e comunicacións existentes. Os devanditos factores encóntranse englobados no obxectivo de permitir a continuidade das actividades habituais, así como mellorar a variedade modal no transporte.

• Enerxía.

Constátase que unha infraestrutura desta envergadura leva consigo un alto consumo enerxético, así que se establecen medidas para a promoción do aforro enerxético e o impulso do uso de recursos enerxéticos renovables.

• Atmosfera.

Prevese durante as obras e funcionamento da nova dotación o aumento da produción de polución. Adóptanse medidas para o control das emisións contaminantes, mediante sistemas de prevención e control de emisións. Este é un dos obxectivos específicos para conseguir a conservación das especies arbóreas. Tamén se pretende unha minimización da contaminación acústica aos núcleos do ámbito mediante medidas preventivas e correctoras, tanto durante a fase de obras coma de funcionamento.

• Ciclo hídrico.

Tense en consideración que a impermeabilización do chan ocupado polas infraestruturas diminúe a superficie de filtración das augas pluviais ao terreo. Para paliar estes efectos, minimízase na medida do posible a superficie ocupada polas edificacións, e establécense medidas para garantir o mantemento do ciclo hídrico en todas as súas fases, a viabilidade dos sistemas de abastecemento e a promoción do aforro no consumo de auga. Deste xeito minimízanse ao mesmo tempo os impactos sobre os ríos e leitos fluviais, e indirectamente sobre as especies vexetais que participan do ciclo hídrico.

• Ciclos de materiais.

Valorouse que o consumo de recursos desta alternativa é elevado. Como medida preventiva e protectora proponse a xestión eficiente dos materiais e dos residuos, para contribuír a unha minimización dos impactos existentes en todas as fases do proxecto, así como permitir a continuidade das actividades habituais.

• Solo.

Defínese a afección ao solo como a redución da capacidade agroforestal e produtiva, a causa da transformación en superficie urbanizada. O nivel produtivo dos terreos na actualidade baséase na súa capacidade forestal principalmente. Como medida, axústase o uso de solo tanto ao ámbito coma aos obxectivos do proxecto, contribuíndo á minimización dos impactos sobre núcleos do ámbito, os cales se desexa protexer de accións erosivas ou doutro tipo.

• Edificacións.

Analizouse a relación da edificación cos condicionantes bioclimáticos e trasladáronse os resultados ao deseño do edificio. O impulso por unha edificación eficiente no consumo de recursos e a prevención da contaminación está implícito nos obxectivos para a protección de ríos e cursos fluviais e para a conservación das especies arbóreas autóctonas, xa que o uso excesivo de recursos e a contaminación poden afectar en boa medida estes elementos estratéxicos do territorio. Pola súa vez, tamén influirá na minimización dos impactos sobre os núcleos, infraestruturas e comunicacións existentes.

Todas estas determinaciónsse inclúen no prego de prescricións técnicas incluído no anteproxecto do novo hospital de Pontevedra, que establece as condicións que obrigatoriamente debe cumprir o proxecto técnico que desenvolva en detalle as características construtivas e de execución desta dotación hospitalaria.

missing image file