Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2012 Páx. 9069

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga á empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. a autorización administrativa, se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública do proxecto da infraestrutura de distribución de gas natural denominada Punto de entrega a Gas Galicia en 10 bar en Culleredo (expediente IN627A 2011/6-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A., con CIF A63485890 e con enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, Local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 20.7.2011 a empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto da infraestrutura de distribución de gas natural denominada Punto de entrega a Gas Galicia en 10 bar en Culleredo, acompañada do preceptivo proxecto de instalacións. Esta infraestrutura gasista configúrase como a orixe do gasoduto de distribución de gas natural denominado Ramal de subministración en 10 bar a Carral, que está a promover a empresa Gas Galicia SDG, S.A.

A autorización da infraestrutura gasista que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados, necesarios para o establecemento destas instalacións, e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

As características desta infraestrutura gasista son as seguintes:

• Partirá da rede existente de distribución de gas natural denominada Ramal e rede da Coruña de Gas Natural Distribución SDG, S.A., á súa saída da posición I-015.1 de Enagás, no termo municipal de Culleredo, e finalizará na punta de tubaxe deixada tras a válvula de saída do armario de regulación (16/10 bar).

• As instalacións obxecto deste proxecto son as seguintes:

– Toma en carga e accesorios sobre a rede existente ramal e rede da Coruña de Gas Natural Distribución SDG, S.A.

– Armario de regulación 16/10 bar (tipo AR-01), que se situará nas inmediacións da rúa As Reixas, ao oeste da posición I-015.1 de Enagás, no termo municipal de Culleredo.

– Válvulas de seccionamento á entrada e saída deste armario de regulación.

– Tubaxe de entrada e saída.

• O seu orzamento ascende á cantidade de trinta e sete mil oitocentos corenta euros (37.840 €).

Segundo. O 20.9.2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu informe sobre o devandito proxecto en que conclúe que non procede sometelo ao trámite de avaliación de impacto ou efectos ambientais.

Terceiro. O 4.10.2011 esta dirección xeral resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto denominado Punto de entrega a Gas Galicia en 10 bar en Culleredo, promovido pola empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 27.10.2011, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 28.10.2011 e nos xornais La Voz de Galicia e La Opinión de A Coruña do 21.10.2011, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios do Concello de Culleredo durante un prazo de vinte días (desde o 18.10.2011 ao 10.11.2011).

Así mesmo, esta dirección xeral cursou as preceptivas notificacións individuais a todas as persoas que aparecen como interesadas no procedemento expropiatorio, e cuxos predios afectados se relacionaron no anexo da devandita resolución de información pública do 4.10.2011.

Durante o período de información pública legalmente establecido non se presentaron alegacións.

Cuarto. Así mesmo, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas trasladou as separatas deste proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada condución de gas, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta:

N.º

Entidade

Resumo da resposta

1

Concello de Culleredo

Informe do 21.10.2011: informan favorablemente sobre o proxecto de referencia.

Quinto. A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) informou favorablemente sobre o proxecto de referencia o 25.10.2011.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. Canto aos bens e dereitos afectados por este gasoduto e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. a autorización administrativa, aprobar o proxecto de execución e recoñecer, en concreto, a utilidade pública do proxecto da infraestrutura de distribución de gas natural denominada Punto de entrega a Gas Galicia en 10 bar en Culleredo; con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. Gas Natural Distribución SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contando desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 756,80 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade Autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto subscrito polo enxeñeiro de camiños, canles e portos David Gistau Cosculluela (colexiado n.º 12.806-Colexio de Madrid) e visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Madrid (expediente 145.577; data 29.6.2011).

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá outorgala, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente, en que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. A empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas