Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 9 de marzo de 2012 Páx. 8631

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2012 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras das axudas deste instituto para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2012 en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, nas súas xuntanzas do 13 de outubro de 2011 e 19 de decembro de 2011, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización, facultando ao director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas ao 80% co Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 1.62, e convocar para o exercicio 2012 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes:

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte), e rematará o 15 de maio de 2012.

No caso de que, en virtude das solicitudes presentadas e resoltas favorablemente, se esgotase o crédito orzamentario, poderase pechar anticipadamente a convocatoria. O esgotamento do crédito e a non admisión de solicitudes posteriores publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

2012

2013

2014

2015

08.A1.741A.47011

192.000 €

912.000 €

08.A1.741A.4813

86.400 €

500.000 €

500.000 €

500.000 €

08.A1.741A.4450

9.600 €

100.000 €

100.000 €

100.000 €

O total do orzamento destas bases, 3.000.000 €, está cofinanciado con fondos FSE, nunha porcentaxe máxima do 80%.

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2.º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a contratación de xestores
de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco
do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), co obxectivo de facilitar a internacionalización da economía galega mediante o incremento e consolidación das empresas galegas nos mercados internacionais, vén desenvolvendo un programa de formación de especialistas no comercio internacional a través dun programa de bolsas de prácticas no estranxeiro en organismos dedicados ao comercio exterior.

Posteriormente, e co fin de facilitar ao empresariado galego información sobre persoal con formación orientada á internacionalización empresarial, o Igape puxo en marcha a bolsa de xestores de internacionalización – publicada na súa web –, aberta a este tipo de especialistas (tanto aos formados polo Igape como aos que teñen unha formación similar ou experiencia previa en internacionalización empresarial).

Esta convocatoria ten por obxecto dar un paso máis para facilitar a incorporación ao sistema produtivo galego de especialistas deste tipo. A convocatoria instrumentarase a través de subvencións á contratación laboral, realizada por empresas, asociacións empresariais, consellos reguladores e clústers (con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro), todos eles con domicilio social en Galicia, para a realización de actividades relacionadas coa prospección de novos mercados.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, a de promover a creación de empresas nos distintos sectores de actividade económica que teñan maior impacto e vantaxes comparativas para o desenvolvemento da economía galega, promover actividades creadoras de emprego e as que empreguen máis racionalmente recursos internos, favorecer a modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas, proporcionar información sobre os mercados e favorecer acordos coas empresas estranxeiras; así como apoiar e promover calquera tipo de actividades que contribúan á mellora do sistema produtivo de Galicia, especialmente as de maior importancia estratéxica.

As convocatorias de axuda serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na súa consecuencia, serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles, por razón de que, tendo en conta a pequena contía das subvencións individuais previstas, non semella que as solicitudes presentadas poidan esgotar os créditos reservados, e tendo en conta, ademais, a oportunidade de que a tramitación dos expedientes sexa rápida e con prazos de solicitude abertos, pola dificultade de planificar as accións subvencionadas e a urxencia de implementación destas, unha vez que xurda a necesidade.

Artigo 1. Obxecto.

Estas bases teñen como obxectivo final facilitar ás empresas galegas a prospección e acceso a novos mercados poñendo ao seu alcance axudas para a contratación de profesionais especialistas en internacionalización empresarial, conseguindo, ao mesmo tempo, a formación de especialistas en comercio exterior e a súa incorporación ao mercado laboral.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación.

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada en rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no Regulamento (CE) n.º 1998/2006, da Comisión do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro); para as empresas do sector agrícola no Regulamento (CE) n.º 1535/2007, do 20 de decembro (DOUE do 25 de xullo), e para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) n.º 875/2007, do 24 de xullo (DOUE do 21 de decembro).

2.3. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 1.62, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) n.º 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE) n.º 1081/2006, do 5 de xullo do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007); e cumpren os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008 e da Orde TIN/788/2009, que a modifica, sobre gastos subvencionables polo FSE.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.

3.1. As axudas outorgadas ao abeiro destas bases serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para o mesmo concepto subvencionable.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como, se é o caso, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. Estas axudas quedarán sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos nos regulamentos da UE citados no artigo 2.2., e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime de minimis.

Artigo 4. Beneficiarios.

4.1. Poderán ser beneficiarios deste programa de axudas:

a) As empresas, pemes ou non pemes, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, que teñan un proxecto de internacionalización da propia empresa solicitante.

b) As asociacións empresariais, consellos reguladores e clústers (con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro) de carácter eminentemente empresarial que representen a un colectivo de empresas galegas, que estean domiciliados en Galicia e que teñan un proxecto de internacionalización que beneficie a todas as empresas asociadas ao organismo intermedio ou, no caso de que non beneficie a todas, que beneficie polo menos ao 25% das empresas asociadas, o cal se acreditará mediante declaración do número total de asociados e lista detallada de empresas acollidas ao proxecto.

c) Centros de tecnoloxía e centros de apoio á innovación tecnolóxica, inscritos con anterioridade ao 31.12.2011 no Rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o Rexistro de tales centros, BOE n.º 20, de 23 de enero de 2009), que estean domiciliados en Galicia e que teñan un proxecto de internacionalización.

4.2. Todos os beneficiarios deben presentar ao Igape un proxecto de internacionalización – que se detallará no cuestionario de solicitude –, para o que se require contratar un especialista en comercio exterior.

4.3. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise no sentido das directrices comunitarias sobres axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (DO C244 do 1 de outubro de 2004), cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións. Tamén será requisito a inscrición no Rexistro de establecementos industriais de Galicia para as empresas incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 115/2000, do 11 de maio (DOG n.º 100, do 24 de maio).

4.4. Por beneficiarios organismos intermedios enténdese os citados no punto 4.1.b) e c) destas bases.

4.5. Para poder acceder a estas axudas o solicitante, excepto no caso de que sexa un organismo intermedio, debe manifestar mediante declaración responsable que xa ten experiencia previa en exportación (exportación nos dous últimos anos consecutivos anteriores ao da convocatoria), ou se aínda non a ten ou só fixo operacións esporádicas ou puntuais, que dispón dun diagnóstico positivo do potencial exportador da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos 4 exercicios anteriores a través de programas de Igape ou Icex. O diagnóstico deberase xuntar ao cuestionario de solicitude.

Artigo 5. Conceptos subvencionables.

5.1. Será subvencionable o salario bruto anual da contratación por conta allea a tempo completo ou parcial – durante o primeiro ano de vixencia do contrato laboral no caso de solicitantes do tipo dos citados no artigo 4.1.a) (empresas) e durante un máximo dos primeiros tres anos de vixencia do contrato laboral no caso de solicitantes do tipo dos citados no artigo 4.1.b) e c) (organismos intermedios) –, dun xestor de internacionalización, que reúna os seguintes requisitos:

a) O xestor debe ser elixido polo beneficiario de entre os integrantes na bolsa de traballo denominada xestores de internacionalización e publicada polo Igape na súa páxina web www.igape.es (na epígrafe internacionalización). Esta bolsa de xestores de internacionalización está aberta, indefinidamente, ás novas incorporacións de persoal que reúna os requisitos exixidos. O Igape non se fai responsable da veracidade da información subministrada polos integrantes desta bolsa, tendo o beneficiario a obriga de comprobala, segundo o artigo 16.c) destas bases.

b) O obxecto do contrato laboral é a realización – nun centro de traballo en Galicia ou no estranxeiro – de actividades relacionadas co comercio exterior. No caso de contratos para un centro de traballo no estranxeiro será admitido como subvencionable o contrato realizado por unha sucursal no estranxeiro da beneficiaria ou unha filial con polo menos o 25% do capital subscrito pola beneficiaria, agás no suposto especificado no artigo 16.g) destas bases.

c) O traballador debe ser dado de alta nun grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social no caso de contratos de traballo formalizados conforme a lexislación española. O Igape revogará a axuda no caso de que o xestor non se destine ao proxecto de internacionalización indicado na solicitude.

5.2. Exclúense da base subvencionable as indemnizacións, os suplidos, os custos de Seguridade Social e calquera outro á conta da empresa, que serán por conta do solicitante.

5.3. Un mesmo xestor pode ser obxecto de varias contratacións subvencionadas contemporáneas, a tempo parcial, por distintas empresas.

5.4. O período de contratación subvencionable iniciarase o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria, e deberá formalizarse o contrato laboral no prazo máximo de dous meses desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. En consecuencia, a solicitude de axuda poderá incluír contratacións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria. En calquera caso, a finalización dos doce meses de contratación subvencionada de solicitudes de empresas – ou de organismos intermedios que opten por un só ano de contratación subvencionable –, non debe ser posterior ao 30 de xuño do exercicio posterior ao da convocatoria, e no caso de solicitudes de organismos intermedios que opten por 3 anos de contratación subvencionable, a finalización dos 3 anos de contratación subvencionada non debe ser posterior ao 30 de xuño do terceiro exercicio posterior ao exercicio da convocatoria.

O incumprimento do prazo de contratación significará a perda total do dereito á subvención.

5.5. Só se concederá unha axuda do tipo da descrita nestas bases por solicitante. No caso de solicitantes aos que se lle tivese concedido unha axuda en anteriores convocatorias destas bases de axudas, só se lles concederá unha nova axuda no caso de que xustifiquen que fixeron un contrato laboral fixo ao xestor cuxa contratación foi obxecto de axuda nunha convocatoria anterior, ou no caso de que o xestor que se vai contratar sexa para traballar nun país distinto ao indicado en anteriores solicitudes de convocatorias destas bases. Estas limitacións non son aplicables no caso de que non se chegase a liquidar polo menos o 50% da axuda concedida en convocatorias anteriores por renuncia do solicitante ao resto da subvención por finalización anticipada do contrato de traballo.

Artigo 6. Exclusións.

6.1. Exclúense das axudas establecidas neste programa a contratación do xestor de internacionalización realizada polo solicitante, persoa física, co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive.

a) No caso de que o solicitante sexa unha empresa que revista a forma xurídica de sociedade: a exclusión refírese ao parentesco do xestor que se vai contratar cos cargos de dirección ou membros dos órganos de Administración, así como ao parentesco coas persoas físicas con participación no capital da empresa.

b) No caso de solicitantes consorcios: a exclusión anterior esténdese tanto ao consorcio como aos seus participantes.

c) No caso de clústers, consellos reguladores e asociacións: a exclusión refírese ao parentesco cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración.

6.2. Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral co solicitante con carácter previo ao 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria.

No caso de que o solicitante sexa unha empresa, as exclusións refírense ás relacións citadas da persoa que se vai contratar tanto co solicitante como con outras empresas do mesmo grupo empresarial.

Artigo 7. Contía e límites da axuda.

A contía da axuda para os contratos laborais que se formalicen – a tempo completo ou parcial –, cumprindo os requisitos destas bases, será:

– No caso de solicitudes de empresas: do 70% do salario bruto anual.

– No caso de solicitudes de organismos intermedios, a contía da axuda será das seguintes porcentaxes sobre o salario bruto anual: 75% nos primeiros 12 meses de contratación, 65% nos seguintes 12 meses de contratación e 55% nos últimos 12 meses de contratación subvencionable.

Incremento da porcentaxe de subvención:

– Se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto en algún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte, engadiranse 5 puntos porcentuais máis.

– Se o xestor que se vai contratar ten no ano de presentación da solicitude unha idade igual ou inferior aos 30 anos (e sempre que nese ano non cumpra os 31 anos) e leva – á data da solicitude – 12 meses ou máis en paro, engadiranse 5 puntos porcentuais máis. Se o solicitante indica esta condición na solicitude da axuda, debe respectala no caso de que o xestor contratado inicialmente sexa substituído por outro.

O límite máximo de axuda para empresas é de 15.000 € se o centro de traballo de destino do xestor está en Galicia; e de 25.000 € se o centro de traballo se atopa no estranxeiro.

Para organismos intermedios, o límite máximo de axuda – para cada período subvencionable de 12 meses –, é de 25.000 € se o centro de traballo de destino do xestor está en Galicia; e de 30.000 € se o centro de traballo se atopa no estranxeiro.

Estes límites máximos son aplicables no caso de contratos a tempo completo. Para contratos a tempo parcial, estes importes máximos reduciranse na mesma proporción que a redución do tempo de traballo. Nos supostos do tipo do especificado no artigo 16.g) destas bases, no caso de que o beneficiario participe nunha porcentaxe inferior ao 100% da sociedade contratante no estranxeiro, a subvención correspondente adaptarase á porcentaxe de participación do beneficiario na dita sociedade.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.

8.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

8.3. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira na que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

8.4. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE n.º 223, do 16 de setembro), no caso de empresas do sector pesqueiro, a empresa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade da información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto no devandito rexistro, unha vez que este estea operativo.

8.5. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

8.6. A presentación da solicitude tamén autoriza ao órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

8.7. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

Artigo 9. Solicitudes.

9.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar unha solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e dos datos da persoa que se vai contratar, a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Este cuestionario incluirá unha declaración relativa ás axudas de minimis.

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario e, no caso de que se conceda a axuda, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

9.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

9.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

9.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, nas cales será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

9.5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9.6. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG n.º 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

e) Os interesados que cumpran os requisitos da liña b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE n.º 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

9.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para os efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

Artigo 10. Órganos competentes.

A Área de Internacionalización «Galicia@World» será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 11. Instrución do procedemento.

11.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos do Igape ou das súas entidades colaboradoras, en función dos datos relativos ao solicitante e dos datos da persoa que se vai contratar declarados na solicitude de axuda e no cuestionario.

11.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o cuestionario non reúnen algunha das informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.5 destas bases resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

11.3. Instruído o procedemento formularase proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se lles deberá notificar aos interesados concedéndoselles un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidos polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia, tendo a proposta de resolución formulada o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas se é o caso polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva.

11.4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Resolución.

12.1. Unha vez instruído o expediente, a proposta de resolución será elevada ao titular da dirección xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. A resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

12.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para contratar o especialista, o prazo de execución establecido para o cumprimento de todas as condicións da axuda e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, e pola Consellería de Economía e Industria e pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.

12.3. As resolucións de concesión condiciónanse á efectiva presentación da documentación relativa ao beneficiario e ás condicións do proxecto, que será presentada xunto coa solicitude de aboamento da subvención.

12.4. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

12.5. O beneficiario das axudas terá un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación, cubrindo a dilixencia de aceptación. Unha vez transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

12.6. Así mesmo, disporá dun prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión para a acreditación das condicións iniciais de contratación, mediante a presentación da documentación (en orixinal e copia ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte, salvo que xa conste presentada no expediente:

1. Documentación relativa ás circunstancias do beneficiario:

a) Sociedades mercantís:

– Escritura de constitución e modificacións.

– Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

b) Autónomos:

– Último recibo do imposto sobre actividades económicas (IAE) ou alta no imposto en caso de estar exento do pagamento.

c) Consellos reguladores:

– Documentación acreditativa da representación con que actúa.

– Certificación expedida pola Secretaría-Intervención, que declare que o Consello está exento de pagamento do IVE na actividade subvencionada e que, polo tanto, non repercute este imposto.

d) Asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro:

– Acreditación da representación con que se actúa.

– Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

– Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio da convocatoria e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.

– No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2011.

2. Contrato de traballo formalizado e asinado entre as partes, coa xustificación – en caso de contratacións en Galicia –, do seu rexistro na correspondente oficina de emprego público. O dito contrato debe recoller as medidas de difusión da concesión da axuda establecidas no artigo 16.

3. Informe de vida laboral completa do xestor (é válido o informe obtido por internet a través da oficina virtual da Seguridade Social).

4. Documentación relativa á titulación e ao cumprimento dalgunha das condicións mínimas exixidas ao xestor para formar parte da bolsa de traballo.

5. Declaración asinada polo traballador contratado de que a retribución bruta anual establecida no contrato é conforme como mínimo – para a modalidade do contrato correspondente – ao establecido no convenio colectivo ou táboa salarial vixente aplicable á data de contratación, e – no caso de contratos suxeitos á lexislación española – de que foi dado de alta na Seguridade Social nos termos establecidos no artigo 5.1.c) destas bases. Para o caso de contratos baixo a lexislación estranxeira, declaración de que o contrato se axusta a tal lexislación e á titulación do traballador.

6. Documentación para acreditar que o capital está participado polo beneficiario, nunha porcentaxe, polo menos do 25%, no caso de que o destino do xestor sexa nunha filial/consorcio no estranxeiro.

7. No caso de solicitantes a que se lle tivese concedido unha axuda en anteriores convocatorias destas bases e que soliciten unha nova axuda alegando que fixeron un contrato laboral fixo ao xestor anterior, copia do devandito contrato indefinido ou vida laboral actualizada co novo código de contrato de traballo.

8. DNI do xestor. Co fin de evitar a súa achega o Igape accederá ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia. No caso de que o xestor denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI.

9. No caso de ter indicado a opción de contratación de xestor de idade igual ou inferior aos 30 anos e con 12 meses ou máis en paro, tarxeta de demandante de emprego do xestor debidamente selada.

12.7. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou, no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Nos demais casos, se no prazo sinalado non achega a documentación – ou se a achegada non cumpre co establecido nestas bases – requirirase o interesado para que achegue ou emende a documentación exixida nun prazo máximo e improrrogable de dez días, con indicación de que, se non o fixer, se considerará que renunciou á axuda concedida e procederase ao arquivo do expediente.

12.8. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución do expediente será de seis meses contados desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5.º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen se ter ditada e notificada resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude.

Artigo 13. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, o director xeral do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Notificacións.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Modificación da resolución.

15.1. Unha vez ditada a resolución non se admitirán a trámite máis modificacións das súas condicións que as indicadas a continuación, as cales se axustarán ao disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

As que se refiran á substitución dun xestor por outro, modificación do país de destino do xestor e outras modificacións da descrición de proxecto sempre dentro do establecido nas bases, e modificación do orzamento subvencionable á baixa.

15.2. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto. A modificación solicitarase tramitando o cuestionario sinalado no artigo 9 destas bases e presentando a instancia dirixida ao director do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, polo director do Igape, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Formalizar co xestor un contrato de traballo – cuxa duración non poderá ser inferior a doce meses –, dentro do prazo que se estableza na respectiva resolución de concesión e mantelo vixente polo menos durante 12 meses ininterrompidos, agás no suposto especificado no artigo 19.3 destas bases.

Poderase formalizar o dito contrato laboral desde o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria ata o prazo máximo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión.

b) Acreditar ante o Igape a contratación do xestor, presentando toda a documentación xustificativa nos termos establecidos na resolución de concesión e o cumprimento das condicións, se é o caso, impostas.

c) Comprobar que o xestor contratado realmente cumpre os requisitos mínimos exixidos polo Igape e alegados polo xestor para formar parte da bolsa de traballo «Xestores de Internacionalización».

d) Dedicar o xestor a tarefas de acordo co proxecto de internacionalización e o programa de actividades indicado na solicitude. Para estes efectos, o Igape poderá solicitar en calquera momento ás partes información sobre o cumprimento da finalidade da axuda.

e) Dar de alta o xestor nun grupo de cotización 01/02 no caso de contratos formalizados consonte a lexislación española e aboar a cota empresarial da Seguridade Social. A dita cota será pola súa conta e entenderase non incluída no importe da axuda.

f) A retribución bruta anual do xestor non poderá ser inferior ao establecido no convenio colectivo aplicable en Galicia para a modalidade do contrato laboral correspondente coa súa titulación e coa táboa salarial vixente na data de contratación, tanto se o centro de traballo radica en Galicia como no estranxeiro, consonte o artigo 5 destas bases.

g) No caso de que o destino sexa no estranxeiro nunha filial ou consorcio, o capital deberá estar participado en polo menos un 25% polo beneficiario, salvo que por imperativo do país de implantación se exixan participacións inferiores e iso resulte suficientemente probado. No caso de que o beneficiario participe nunha porcentaxe inferior ao 100% da sociedade contratante no estranxeiro, a subvención correspondente adaptarase á porcentaxe de participación do beneficiario na dita sociedade.

h) No caso de contratación a tempo parcial, fixar un horario laboral que sexa compatible ou facilite a súa contratación simultánea por outras empresas.

i) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente en materia de contratos. Os contratos formalizados en fraude de lei suporán a devolución das cantidades aboadas.

j) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

k) Comunicarlle ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo concepto subvencionable, é dicir, retribución bruta polo período indicado na resolución de concesión de axuda, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere as porcentaxes establecidas no artigo 7 destas bases.

l) Conservar a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control; isto é, por non ter prescrito o prazo de 3 anos posteriores ao peche do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Todo isto, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos FSE.

m) Adoptar as medidas de difusión da concesión da axuda que sexan establecidas na resolución de concesión, que consistirán na mención expresa no contrato do financiamento do mesmo polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Social Europeo do Programa operativo FSE de Galicia 2007-2013.

n) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ñ) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención.

17.1. Polo que respecta aos primeiros doce meses de contratación subvencionable, débese presentar unha primeira solicitude de cobramento nos seguintes prazos:

– Nos casos en que o período dos primeiros seis meses de contratación venza antes do 1 de outubro do exercicio da convocatoria, a primeira solicitude de cobramento correspondente a dito período de contratación debe presentarse con data límite o 30 de outubro do exercicio da convocatoria.

– Nos casos en que o período dos primeiros seis meses de contratación venza a partir do 1 do outubro do exercicio da convocatoria, a primeira solicitude de cobramento – correspondente polo menos ao cincuenta por cento dos gastos subvencionables –, debe presentarse a partir de 1 de febreiro do exercicio seguinte ao da convocatoria e no prazo dun mes desde o fin do prazo dos primeiros seis meses de contratación.

A última solicitude de cobramento debe presentarse no prazo dun mes desde o fin do prazo de execución establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras.

No caso de solicitudes de organismos intermedios, que opten por períodos de contratación subvencionables superiores a 12 meses deberán presentar solicitudes de cobramento semestrais, a primeira tal e como se establece para o resto de solicitantes, a segunda e seguintes no prazo dun mes desde a finalización de cada período semestral e a última no prazo dun mes desde a fin do prazo de execución establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras.

No caso de presentación de recurso administrativo a data límite de presentación da solicitude de cobramento establecerase na resolución que o resolva.

As datas dos xustificantes de gasto, medios de pagamento e demais documentos xustificativos da realización do proxecto deberán estar comprendidas no período de liquidación, é dicir, entre o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria e as datas de remate dos prazos de presentación das solicitudes de cobramento establecidos neste artigo (excepto polo que se refire ao pagamento diferido do IRPF por conta do traballador que aínda quede fóra deses prazos será subvencionable se se paga dentro dos prazos de pagamento habituais para este tipo de gastos).

A falta de presentación dalgunha das solicitudes de cobramento indicadas suporá a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

17.2. Para presentar as solicitudes de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. No cuestionario incorpórase unha enquisa de indicadores de realización e resultados, que deberá ser debidamente cuberta. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

17.3. As solicitudes de cobramento presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo II, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

17.4. O beneficiario presentará as solicitudes de cobramento co IDEL no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 9.6, e que a documentación que acompañe a solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática. Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

17.5. No caso de que as solicitudes de cobramento non se presentasen en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.6. Xunto coas solicitudes de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Nóminas correspondentes ao período para o que se solicita o cobramento.

b) Xustificantes de pagamento dos importes das cotas correspondentes á Seguridade Social a cargo do traballador – obxecto da contratación subvencionable –, correspondentes ao período para o que se solicita o cobramento, sen prexuízo da acreditación de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Non é necesario achegar no prazo de liquidación os xustificantes correspondentes ao último trimestre da contratación pero si debe conservalos o solicitante para efectos de posibles inspeccións futuras.

c) Xustificantes dos importes correspondentes ás retencións e ingresos a conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) – do traballador obxecto da contratación subvencionable – correspondentes ao período para o que se solicita o cobramento. Non é necesario achegar no prazo de liquidación os xustificantes correspondentes ao último trimestre da contratación pero si debe conservalos o solicitante para efectos de posibles inspeccións futuras.

d) No caso de contratación no estranxeiro, xustificantes dos gastos de contratación subvencionables referidos ao período para o que se solicita o cobramento.

e) Xustificación do pagamento do proxecto por algún dos seguintes medios: a) Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de liquidación, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira. b) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do período de vixencia. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

f) Informe da vida laboral completa do xestor que inclúa o período para o que se solicita o cobramento.

g) Informe de execución e resultados do proxecto subvencionado, con inclusión das actividades realizadas polo xestor.

h) No caso de contratación para traballar no estranxeiro, xustificantes relativos a esta circunstancia.

i) Calquera outra documentación que o Igape coide necesaria para a correcta análise das solicitudes de cobramento.

17.7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu Regulamento, para ser beneficiario da axuda.

17.8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 18. Aboamento das axudas.

18.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase – para cada un dos períodos de cobramento –, unha vez que o Igape considere xustificada a realización da contratación e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

O importe dos pagamentos a conta resultantes da liquidación de cada un dos períodos de cobramento non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Os beneficiarios están exentos de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

18.2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

18.3. O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título IV do seu regulamento.

No caso de que por rescisión de contrato, non se execute todo o período de contratación subvencionable, a axuda reducirase proporcionalmente ao período contractual efectivamente realizado sen dar lugar a incumprimento total (excepto se se executa menos do 50% do orzamento subvencionable – este requisito de obrigatoriedade de execución do 50% do orzamento subvencionable non é aplicable no caso de solicitudes de organismos intermedios – ou se se xustifica menos de 6 meses de contratación subvencionable). Non se considerarán subvencionables os importes satisfeitos por indemnización ocasionados por rescisión do contrato.

No caso de rescisión de contrato, poderase contratar outra persoa da bolsa de traballo para a finalización do período restante de contratación subvencionable, nos mesmos termos que a solicitude de contratación inicial, logo de comunicar este feito ao Igape de acordo co establecido no artigo 15 das bases reguladoras, e tendo en conta que o período máximo subvencionable da contratación é ata o 30 de xuño do exercicio seguinte ao da convocatoria, e o 30 de xuño do terceiro exercicio posterior ao exercicio da convocatoria no caso de solicitudes de organismos intermedios.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas.

19.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

19.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora – este requisito de obrigatoriedade de execución do 50% do orzamento subvencionable non é aplicable no caso de solicitudes de organismos intermedios –. Tamén se considerará total o incumprimento da xustificación de polo menos 6 meses de contratación subvencionable, neste caso para todo tipo de solicitudes.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50% deste – este requisito de obrigatoriedade de execución do 50% do orzamento subvencionable non é aplicable no caso de solicitudes de organismos intermedios –, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

19.4. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe a reintegrar inferior a 30 €.

19.5. En todo caso, cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución, omitíndose o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o Igape poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros e sen que a aceptación das alteracións exima ao beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme á Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime sancionador.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Fiscalización e control.

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Comprobación de subvencións.

22.1. O órgano concedente e as súas entidades colaboradoras comprobarán a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 3 anos posteriores ao peche do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello, se o mesmo fose posterior.

22.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e os artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 23. Publicidade.

23.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

23.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

23.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE n.º 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, unha vez que este estea operativo, expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

Artigo 24. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro), no Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e no Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro), no Regulamento (CE) n.º 1083/2006, Regulamento Xeral de Fondos (modificado polo Regulamento (CE) n.º 846/2009), no Regulamento (CE ) n.º 1081/2006, do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, haberá que aterse ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO III
Localizacións preferentes

Axudas do Igape para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

• Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Somozas e Valdoviño.

• Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

• Municipios da provincia de Lugo.

• Municipios da provincia de Ourense.

missing image file
missing image file