Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 9 de marzo de 2012 Páx. 8726

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 14 de febreiro de 2012, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, sobre o recurso de reposición interposto por Benita Ledo Santana e vinte e oito persoas máis contra a resolución de clasificación do monte denominado Vales a favor dos veciños da parroquia de Santo Estevo de Sandiás, no concello de Sandiás, Ourense.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.21 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

Unha vez examinado o recurso de reposición interposto por Benita Ledo Santana e vinte e oito persoas máis contra a Resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común do 18.5.2011, pola que se resolve a clasificación como veciñal en man común do monte denominado Vales a favor dos veciños da parroquia de Santo Estevo de Sandiás, no concello de Sandiás (Ourense), publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 e 30 de maio de 2011, e de acordo cos seguintes feitos:

1. Con data do 30.6.2011 tivo entrada no Rexistro desta xefatura territorial (NRE 15190) un recurso de reposición interposto polas seguintes persoas:

1. Benita Ledo Santana, 2. José Santana Vidal, 3. Alfonsa Lorenzo Lorenzo, 4. Salvador Manso Lorenzo, 5. Julio Manso Dalama, 6. Odilo Fernández Losada, 7. Aurora Losada Cid, 8. Francisca Losada Cid, 9. Encarnación Santana Cid, 10. Ramón Gómez Otero, 11. Encarnación Vidal Losada, 12. Manuel Cid Gómez, 13. Perfecto Manso Lorenzo, 14. Perfecto Lorenzo Blanco, 15. María Dolores Manso Dios, 16. Albina Manso Dios, 17. Vicente Quintas Manso, 18. Ramón Dapena Ferreiro, 19. Constantino Seguín Siota, 20. Dolores Enríquez Losada, 21. Eloy Santana García, 22. Cándida Fernández Manso, 23. Carmen e Dorinda Gómez Seguín, 24. Eulogio Cid Seguín, 25. Perfecto Manso Dios, 26. Fe Cid Seguín, 27. José Manso Guerra, 28. Manuel Pérez Manso e 29. Carmen Manso Dalama.

Todos eles, en concepto de partes interesadas, recorren a citada Resolución do 18.5.2011, no seu punto relativo ao monte denominado Cavadas da Veiga (119,162 ha) que o Xurado Provincial considera como incluído no monte Lagoa de Antela, xa clasificado con data do 11.2.1972 e pendente do deslindamento técnico que corresponda.

2. Para xustificar a súa pretensión, as persoas interesadas argumentan entre outras circunstancias: a) Defectos do procedemento que causan a nulidade das actuacións: non designación de instrutor na iniciación do expediente, falla de proposta de resolución, falla de nomeamento para intervir … b) Cuestións relativas ao deslindamento do monte Lagoa de Antela segundo a inscrición rexistral do Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia (finca 2415), xa que non existe plano-bosquexo resultante de carpeta-ficha. c) Ausencia de aproveitamento consuetudinario tanto actual como inmemorial; aproveitamento privativo da superficie anterior á clasificación de 1972. Achegan tamén anexos documentais individuais e planimetrías.

3. Ao abeiro do anterior, solicitan que se anule a resolución no que afecta a Cavadas da Veiga, por considerar indebidamente incluída a superficie dos recorrentes no monte clasificado como Lagoa de Antela; solicítase tamén o deslindamento técnico deste último, con carácter previo ao expediente clasificatorio e tendo en conta a planimetría achegada. Solicítase oficio á Xerencia Territorial do Catastro para achegar planos dos anos 1950-1958 sobre a localización do río Pena e doutros lugares (Morgade, Pena e Baronzás) no concello de Xinzo de Limia; por último, ofértase tamén información testemuñal sobre estes enclaves.

4. Sobre o citado recurso de reposición, xunto con outros relativos ao tamén monte veciñal de Vales, emitiu informe o Servizo de Montes con data do 5.10.2011, que foi posteriormente examinado na reunión do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense do día 3.11.2011, onde se acordou rexeitar as pretensións deste.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Unha vez admitido a trámite o recurso presentado, dítase esta resolución ao abeiro do artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. En relación cos defectos formais de procedemento alegados, faise constar que na acta de reunión do Xurado Provincial do 2.12.2009 figura o acordo do inicio do expediente de clasificación do monte Vales e oito máis, e o nomeamento como instrutor de Orlando Peñas González, en cumprimento do artigo 22 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, que aproba o regulamento da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común; na posterior reunión do Xurado Provincial do 13.5.2011, en que se acorda clasificar o citado monte, está presente o citado instrutor, que intervén como relator no desenvolvemento de toda a sesión.

Tampouco se entende como alegación a presunta inexistencia de nomeamento para intervir no expediente en relación co invocado artigo 13.1 do Regulamento de MVMC (sobre a composición do xurado), xa que non consta ningunha irregularidade no nomeamento dos membros que o compoñen: presidente (xefe territorial), vogais (letrado da Xunta de Galicia, avogado do colexio provincial, xefe do Servizo de Montes, así como representación da comunidade interesada) e secretario (funcionario do Servizo Técnico Xurídico).

Por último, en relación co traslado das alegacións ás persoas interesadas, valorarase que durante toda a tramitación do expediente (mediante as respectivas notificacións individuais e publicacións no DOG) se cumpriu a Lei 30/1992, do 26 de novembro, (artigos 58 e 79) sobre notificacións e alegacións, así como tamén a Lei 13/1989, do 10 de outubro, (artigo 12) sobre recursos, polo que non hai lugar a indefensión e tampouco nulidade ningunha.

Terceiro. No relativo a que non existen elementos de feito suficientes para entender comprendido o terreo de Cavadas da Veiga no monte xa clasificado como Lagoa de Antela, cómpre dicir que o acordo do Xurado Provincial se realiza ao abeiro dos informes técnicos do Servizo de Montes e, singularmente, segundo o contido do acordo de clasificación do 11.2.1972 do monte veciñal Lagoa de Antela coa reserva de pendente do deslindamento técnico que corresponda, de acordo co artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro. Por todo o que, no referente ao deslindamento, non semella incompatible o acordo do Xurado Provincial do 13.5.2011 e a actual pretensión das persoas interesadas, ben que se valora que as resultas do deslindamento, recollido no citado acordo e na súa posterior resolución, deberán ser propostas no seu día polos servizos técnicos, con independencia desta clasificación.

Con referencia á invocación do aproveitamento privativo da superficie polos recorrentes, fronte ao aproveitamento consuetudinario do monte veciñal en man común, así como á atribución da titularidade dese aproveitamento aos integrantes dun grupo social determinado (neste caso aos veciños da parroquia de Santo Estevo de Sandiás), o xurado validou esta última no seu acordo clasificatorio e a posteriori no exame do escrito de reposición, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Lei 13/1989, por considerar que non resulta debidamente acreditado o argumentado uso privativo dos recorrentes.

Por todo o cal,

RESOLVO:

1. Rexeitar o recurso de reposición interposto por Benita Ledo Santana e vinte e oito persoas máis que antes se relacionan no número 1 dos feitos, por considerar, segundo os informes e a documentación que consta no expediente, que o monte denominado Cavadas da Veiga (119,162 ha) se atopa incluído no monte Lagoa de Antela, xa clasificado polo acordo do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, con data do 11.2.1972, e sen prexuízo do deslindamento técnico que corresponda.

Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto nos artigos 109.a) e 116.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 14 de febreiro de 2012.

Ricardo Ignacio Vecillas Rojo
Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense