Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 9 de marzo de 2012 Páx. 8569

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural da Boudañeira-Olveira, no concello de Dumbría (A Coruña).

O Concello de Dumbría solicita de novo a aprobación definitiva do expediente referido, ao abeiro da disposición adicional segunda.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Dumbría carece actualmente de planeamento xeral de ámbito municipal, polo que resultan de aplicación as normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial aprobadas definitivamente pola Orde da COTOP do 3.4.1991.

2. O Pleno do Concello aprobou inicialmente o expediente de delimitación do solo de núcleo rural da Boudañeira-Olveira o 15.7.2011; para o cal, sometido á información pública polo prazo dun mes (DOG do 26 de xullo, El Ideal Gallego do 20 de xullo e La Voz de Galicia do 21 de xullo de 2011), non foron presentadas alegacións, conforme o certificado incluído para o efecto no expediente.

3. No expediente constan informes do secretario do concello do 12.7.2011, sobre a tramitación; e da arquitecta técnica municipal do 26.8.2011, favorable.

4. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a proposta o 2.9.2011.

5. Esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveu o 14.10.2011 non outorgar a aprobación definitiva á delimitación.

6. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente unha proposta corrixida o 25.11.2011.

7. A documentación agora presentada consiste nun certificado do acordo de nova aprobación provisional; así como nun exemplar do proxecto, con data de outubro de 2011, con dilixencia de ter sido aprobado provisionalmente polo Pleno o 25.11.2011. O proxecto está subscrito polos arquitectos Daniel Beiras García-Sabell, David Estany Garea e Carlos Rico Caramés.

8. A nova delimitación reduce o ámbito proposto de 1,64 a 1,59 hectáreas, e propón unha ordenanza específica para o núcleo, na cal a parcela mínima é de 900 m2 (fronte aos 600 m2 das normas provinciais), coa posibilidade de edificar en parcelas menores con terreos lindeiros edificados. Inclúe tamén o trazado da rede viaria pública.

II. Informe.

Unha vez analizada a documentación remitida polo concello, en relación coas consideracións da Resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 14.10.2011; e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, púidose comprobar que o proxecto agora presentado emenda as deficiencias sinaladas na resolución antedita, nomeadamente no establecemento dunha ordenanza específica máis coherente coas características do núcleo rural, na acreditación da consolidación do núcleo ao 50% pola edificación, así como no trazado da rede viaria pública existente.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo do núcleo rural da Boudañeira-Olveira, no concello de Dumbría (A Coruña).

Contra esta resolución, que non lle pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que contará a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, non caberá interpor recurso en vía administrativa, podendo interpor recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2012.

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file