Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2012 Páx. 6783

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 16 de febreiro de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia.

Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento I2C (2011-2015).

O Plan I2C recolle dentro do eixe estratéxico 3 (sistema integral de apoio á investigación) a liña de actuación 3.6, destinada ao apoio financeiro á consolidación de centros de coñecemento recoñecidos dentro do sistema galego de I+D+i, en función de obxectivos previamente establecidos que incidan na mellora da competitividade e calidade do tecido empresarial.

Mediante esta orde convócanse axudas dirixidas aos centros tecnolóxicos de Galicia co fin de acadar os seguintes obxectivos:

Configurar un sistema competitivo de axentes de I+D+i en Galicia.

Premiar o esforzo realizado na xestión dos centros.

Optimizar o destino dos recursos públicos con base en criterios obxectivos de excelencia.

Por todo iso, estas axudas establécense en función dunha serie de indicadores que, de forma obxectiva, valoran as súas perspectivas financeiras, de clientes, estrutura interna e de mellora continua con vistas a establecer unha liña de financiamento estable que permita a supresión das axudas directas para os seus gastos de funcionamento.

As axudas que se concedan, dado que as actividades de I+D non se realizan por conta ou en colaboración con empresas, non teñen a consideración de axudas do Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (DOUE C 323, 30.12.2006, Comunicación da Comisión 323/01. En todo caso, os centros beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 3 do devandito marco comunitario.

Polo anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria dirixidas aos centros tecnolóxicos de Galicia con vistas a configurar un sistema competitivo de axentes de I+D+i en Galicia, premiar o esforzo na xestión dos centros e optimizar o destino dos recursos públicos con base en criterios obxectivos de excelencia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o ano 2012 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código procedemento IN845A).

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, nas cales existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2012:

Aplicación orzamentaria

2012

08.02.561A.743.0

100.000

08.02.561A.781.0

2.839.000

Total

2.939.000

Non obstante, poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo de declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

2. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo fin, calquera que fose a súa natureza, e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Beneficiarios e contía das subvencións.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas os centros de Innovación e Tecnoloxía da Comunidade Autónoma. Teñen a consideración de centros tecnolóxicos consolidados aqueles que figuran inscritos (ou teñan resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

2. A contía máxima da axuda para cada centro tecnolóxico consolidado será dun máximo de 600.000 euros. Para os restantes centros tecnolóxicos o importe máximo de axuda establecese en 100.000 euros.

Artigo 4.

Os conceptos subvencionables son:

1. Custo de persoal investigador ou de apoio dedicado ao cumprimento do plan de actuación que se vai desenvolver. O custo do persoal de apoio non poderá ser superior ao 40% do importe da subvención concedida.

2. Material bibliográfico e equipamento científico así como o seu mantemento. O custo do equipamento científico non poderá superar o 40% da subvención concedida.

3. Material funxible.

4. Custos de formación do persoal do centro tecnolóxico.

5. Custos de mobilidade para difusión científica e tecnolóxica.

6. Custos en actividades específicas do centro tecnolóxico para a divulgación do seu coñecemento.

7. Outros gastos debidamente xustificados e relativos ao plan de actuación que se vai desenvolver ata un máximo do 5% da axuda concedida.

En ningún caso se permitirá a subcontratación, entendida esta nos termos en que aparece definida no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Requisitos dos interesados e presentación de solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado cuxa correspondente portada se inclúe, a título exclusivamente informativo, no anexo I desta orde. Ademais, os beneficiarios das axudas convocadas nesta orde deberán reunir as condicións exixidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como os requisitos que se establecen nestas bases.

2. A solicitude constará dos seguintes documentos:

1. Formulario normalizado de solicitude que se deberá obter, cubrir, aceptar e imprimir necesariamente na web da Consellería de Economía e Industria:

http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi

O formulario inclúe:

– Cadro cos datos correspondentes ás perspectivas financeira, de clientes, interna e de mellora continua, para a valoración dos indicadores recollidos no anexo II.

– A declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A declaración do conxunto de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas.

O formulario de solicitude debe ser asinado polo representante legal do centro. Esta sinatura supón o compromiso de verificación dos datos que se presentan na solicitude.

2. Plan de actuación que se vai desenvolver no cal figuren as accións previstas para a mellora contrastable dos seus resultados de investigación, nomeadamente naqueles ítems nos cales se amosan as debilidades.

3. Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal do centro.

4. Copia compulsada da escritura de constitución do centro debidamente inscrita, se é o caso, no Rexistro Mercantil ou Industrial.

Artigo 6. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente na oficina de rexistro único e información no complexo administrativo de San Caetano - Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten os códigos indicados no artigo 1, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de I+D+i, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Consellería de Economía e Industria:

http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi, na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Os teléfonos 981 54 68 99 ou 981 54 39 97.

c) O enderezo electrónico cei.infoest@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre estes procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente, na solicitude, o seu consentimento. No caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder á dita información, deberá achegar coa solicitude os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Así mesmo, conforme o establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os documentos exixidos que xa estean en poder da Administración actuante non deberán ser achegados coa solicitude, sempre que nela se faga constar a data e órgano ou dependencia en que foi presentada a documentación e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará, na súa web oficial, a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 9. Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención. Corresponderalle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 10. Instrución do procedemento e tramitación.

1. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Consellería de Economía e Industria http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi, para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1.º da citada lei. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 12 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada e a contía da axuda proposta.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: un/unha subdirector/a xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de I+D+i.

c) Tres vogais designados polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

3. No informe que elabore o órgano instrutor figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo 12. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 12. Criterios de valoración e selección.

Os resultados de investigación achegados polo centro solicitante valoraranse conforme o baremo e os indicadores que se recollen no anexo II, nos que se recollen as perspectivas financeira, de clientes, interna e a de mellora continua. Estes resultados de investigación estarán referidos ao ano 2011, coas especificacións que se sinalan no anexo II para os indicadores 11 e 12.

Realizada a valoración dos resultados de investigación, a comisión, de conformidade co establecido no artigo 20.2.º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, outorgará 1 punto a aqueles solicitantes que se comprometan a utilizar a lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda.

Así mesmo, en aplicación do Programa Impulsa-Lugo e do Programa Impulsa-Ourense nos cales se establecen, entre outras, medidas transitorias de apoio aos investimentos, a comisión outorgará 20 puntos a aqueles solicitantes con localización nas provincias de Lugo e Ourense.

O importe da axuda determinarase en función da puntuación final obtida por cada unha das entidades solicitantes tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, e realizarase en dúas fases.

Na primeira fase a comisión analizará as axudas correspondentes aos centros tecnolóxicos consolidados atribuíndolle ao que que acade a maior puntuación a subvención máxima. A partir desa proporcionalidade determinarase a axuda correspondente aos restantes centros tecnolóxicos consolidados en función da puntuación que acadasen. En ningún caso a axuda proposta superará a axuda solicitada.

O crédito remanente desta primeira fase dedicarase á segunda fase, na cal a comisión analizará as solicitudes dos restantes centros tecnolóxicos e seguirá o mesmo procedemento de modo que ao centro que acade a maior puntuación lle corresponderá a subvención máxima e, en función das puntuacións relativas, determinaranse, por orde decrecente de puntuación, as axudas para os restantes centros tecnolóxicos tendo en conta a partida orzamentaria que lles corresponde segundo a súa natureza xurídica (08.02.561A.743.0 para centros tecnolóxicos públicos e 08.02.561A.781.0 para centros tecnolóxicos privados sen ánimo de lucro). En ningún caso a axuda proposta superará a axuda solicitada.

No caso de que o crédito dispoñible na aplicación orzamentaria correspondente resultase insuficiente para atender todas as solicitudes, a comisión proporá a denegación daquelas con puntuación inferior para as que non exista crédito.

Artigo 13. Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 14. Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará o informe emitido pola comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución que formule, ao conselleiro de Economía e Industria.

2. O conselleiro de Economía e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento establecido nestas bases reguladoras.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen recau resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería de Economía e Industria con indicación, neste caso, da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, indicarase que as solicitudes que non figuren na devandita publicación deberán entenderse desestimadas, así como a causa de desestimación.

Artigo 15. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión a instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 13 destas bases xerais.

Artigo 17. Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada e, desde ese momento, adquirirán a condición de beneficiarios.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Comunicar á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no momento en que sexan beneficiarios de calquera axuda concedida para o mesmo fin, o seu importe e duración.

Artigo 19. Xustificación da subvención.

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda, os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación, axustada, se é o caso, aos modelos que figuran na páxina da Consellería de Economía e Industria http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi:

1) Un resumo da execución da subvención.

2) Copia compulsada do contrato de traballo, no caso do persoal adicional contratado con dedicación específica para a execución do plan de actuación proposto.

3) Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director do centro tecnolóxico, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado á execución do plan de actuación proposto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto no centro tecnolóxico, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao centro tecnolóxico e data de pagamento da S.S.

4) Documentos que acrediten os custos de persoal (copia compulsada das nóminas e TC2).

5) Documentos que acrediten o pagamento dos custos de persoal (xustificantes bancarios ou TC1). Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles.

6) Documentación acreditativa de realización dos restantes gastos, que consistirá en orixinal e unha copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, así como dos seus xustificantes de pagamento.

7) De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de adquisición de material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, por importe igual ou superior a 18.000 euros, deberán achegarse:

– Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

− Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8) Certificación das viaxes realizadas, acompañada da documentación acreditativa de realización do gasto, que consistirá en orixinal e unha copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, así como dos seus xustificantes de pagamento.

9) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución.

2. Nos documentos correspondentes a cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da cotización devengada, quedando as entidades obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos prazos de xustificación establecidos no artigo seguinte.

3. Admitiranse os custos realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2012 ata a data límite de xustificación.

Artigo 20. Prazo de presentación.

1. A xustificación do anticipo do 50% da subvención concedida o que se refire o artigo 21.1 terá coma data límite de presentación o 30 de setembro de 2012.

2. Tras a xustificación do anticipo, a entidade poderá presentar xustificacións en función do ritmo de execución da acción subvencionada que darán lugar a pagamentos á conta e que non poderán superar o 30% da subvención concedida.

3. A xustificación do importe restante da subvención concedida tendo en conta os dous puntos anteriores terá como data límite de presentación o 30 de novembro de 2012. Non obstante, se existen cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación (cotas do mes de novembro) estas terán como data límite o 30 de xaneiro de 2013.

4. Transcorridos os prazos indicados sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán solicitar as aclaracións ou informes que consideren oportunos.

6. Os beneficiarios que presenten unha xustificación de gastos inferior ao anticipo percibido deberán acompañar á documentación presentada os xustificantes de ingreso nas contas da Comunidade Autónoma dos importes percibidos e non xustificados, sen prexuízo de que lles poida ser exixida a devolución doutras contías anticipadas unha vez aprobada a xustificación polo órgano competente.

Artigo 21. Pagamento.

1. Efectuarase un anticipo do 50% da subvención concedida de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión dos anticipos quedará condicionada ao cumprimento, por parte dos beneficiarios, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizarase mediante resolución motivada logo da publicación da adxudicación das axudas.

3. De acordo co artigo 51.Dous da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, e co artigo 65 do Decreto 11/2009, quedan exentos da presentación de garantías os centros tecnolóxicos recoñecidos pola Consellería de Economía e Industria.

4. Os restantes pagamentos efectuaranse tras a xustificación.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das condicións das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas no web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 25. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases estarase suxeito ao establecido no Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2006/C 323/01), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional. Tramitación.

A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2012 realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, por Resolución do 19 de xaneiro de 2012, que quedará sometida a todos os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007 para obter a condición de entidade colaboradora, asumindo as obrigas previstas no artigo 12 do mesmo texto legal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2012.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

missing image file
missing image file

ANEXO II

missing image file