Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2012 Páx. 6780

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se crea o couto de pesca lagoa Mina Mercedes V no concello de Valga.

Antecedentes.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra iniciou o expediente de creación do couto de pesca Lagoa Mina Mercedes V, logo de solicitude do Concello de Valga.

No expediente de creación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Pontevedra.

O expediente de creación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V foi sometido a información pública mediante Resolución do 21 de outubro de 2011, publicada no DOG núm. 221, do 18 de novembro de 2011. Neste trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Consideracións legais.

O expediente de creación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo crear o couto de pesca lagoa Mina Mercedes V, situado no lugar da Torre, parroquia de Campaña, concello de Valga, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:

– Zonificación do couto:

Tramo 1.

Situación e límites: situado na beira oeste da lagoa e nel están instaladas na actualidade dúas plataformas flotantes, que marcan os límites deste tramo.

Lonxitude aproximada: 151 m.

Tramo 2.

Situación e límites: situado na beira nor-noroeste da lagoa, comeza na plataforma flotante situada ao noroeste da lagoa e transcorre pola beira norte ata 30 m antes da esquina onde remata esta.

Lonxitude aproximada: 108 m.

Tramo 3.

Situación e límites: transcorre dende o límite do tramo anterior, situado nos últimos 30 m do extremo nordés da lagoa, ata o punto situado a 50 m da esquina sur da lagoa, ao longo de toda a beira leste, entre a lámina de auga e o paseo peonil que percorre toda esta beira.

Lonxitude aproximada: 357 m.

Tramo 4.

Situación e límites: situado na beira sur-suroeste da lagoa, desde o límite do tramo anterior, a 50 m da esquina sur da lagoa, ata a plataforma flotante que delimita o comezo do tramo 1.

Lonxitude aproximada: 183 m.

– Normativa do couto:

Clasificación: couto de pesca sen morte.

Especie principal: troita arco da vella.

Engados: autorízanse unicamente a mosca artificial, nas súas distintas modalidades, e a culleriña, en ambos casos cun só anzol e sen arponciño. Prohíbense para todos os efectos os engados naturais.

Canas: autorízase unha soa cana por pescador.

Períodos e xornadas hábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

Número de permisos de pesca: 15 permisos diarios como máximo.

Adxudicación dos permisos de pesca: no tramo 1 terán prioridade para obter permisos de pesca as persoas menores de 16 anos ou maiores de 65 anos, e as persoas discapacitadas. Quen non pertenza a estes colectivos poderá acceder en función da existencia de permisos sobrantes.

Outras normas: logo de autorización expresa do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra, poderá practicarse a pesca con extracción nos tramos que se establezan na citada autorización. A lagoa poderá ser utilizada en calquera época do ano para actividades de escolas de pesca, logo de autorización do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá reservar a totalidade ou unha parte dos permisos de pesca para actividades colectivas, con solicitude previa en que figurarán as datas, o horario e a relación de participantes inscritos.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2012.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza