Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2012 Páx. 6648

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se acorda a cesión en propiedade dun hórreo ao Concello de Camariñas (A Coruña).

A Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma a entidades públicas sen ánimo de lucro sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento da citada Lei 3/1985, exixe que o acordo de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar o ben, así como as súas condicións.

O Concello de Camariñas solicitou, o 8 de febreiro de 2010, a cesión da titularidade dun hórreo que foi expropiado polas obras de acondicionamento da estrada AC-432, treito Vimianzo-Camariñas. O concello ten previsto trasladar o hórreo a unha área de recreo próxima co fin de mellorar a seguridade viaria neste tramo da estrada AC-432 e, ao mesmo tempo, conservar o seu valor etnográfico.

Tendo en conta a normativa citada, a natureza da Administración pública do concello solicitante e o feito de que o ben resulta innecesario para o desenvolvemento das funcións que ten encomendadas a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, esta tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35.bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96.bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, modificado polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto anteriormente e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6.º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, en relación coa Orde do 9 de xullo de 2009, sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

RESOLVO:

Primeiro. Acórdase a cesión en propiedade a favor do Concello de Camariñas (A Coruña) do seguinte ben moble:

– Hórreo construído en pedra, con 8 pés e 3 chanzos anexos.

– Localización: Agramar, Xaviña (Camariñas), marxe esquerda da estrada autonómica AC-432 Vimianzo-Camariñas, p.q. 14,620.

Segundo. A cesión deberá ser formalizada mediante unha acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería e o órgano competente do concello, na cal deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario segundo o disposto nesta resolución.

Terceiro. A cesión do ben moble queda suxeita ás seguintes condicións:

a) O ben cedido trasladarase a unha área de recreo próxima, situada na marxe esquerda da estrada AC-432, p.q. 14,520, fóra da zona de circulación da estrada. O cambio de situación do ben terá por obxecto mellorar a seguridade viaria neste tramo da estrada e contribuír á súa conservación e á posta en valor do elemento etnográfico.

b) Se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que experimente.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos que ocasione o seu traslado, a conservación e mantemento do ben moble cedido, así como obter todas as autorizacións precisas para o seu traslado de acordo coa lexislación vixente.

Cuarto. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a execución do disposto nesta resolución.

Quinto. Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2012.

P.D. (Orde 9.7.2009; DOG núm. 138, do 16 de xullo)
José Antonio Fernández Vázquez
Secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas