Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2012 Páx. 6644

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de febreiro de 2012 pola que se modifica a adscrición de determinadas fundacións de interese galego e se ordena a súa adscrición ás consellerías competentes para o exercicio das funcións de protectorado.

O artigo 47.2 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece que o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións.

Feitos.

1. De conformidade co establecido no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, prodúcese unha modificación na distribución das competencias entre consellerías, o que ocasiona a necesidade de readscribir determinadas fundacións de interese galego a aquelas consellerías ás cales polas competencias atribuídas lles corresponda o exercicio das funcións de protectorado por razón dos fins fundacionais.

2. Con base no anterior, modifícase a adscrición de fundacións e, en consecuencia, o seu protectorado, nos seguintes termos:

a) Todas as fundacións que, mediante orde ou resolución de clasificación, fosen adscritas á Consellería de Cultura e Turismo adscríbense á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b) Todas as fundacións que, mediante orde ou resolución de clasificación, figurasen adscritas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adscríbense á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Todas as fundacións que, mediante orde ou resolución de clasificación, fosen adscritas á Consellería do Mar, adscríbense á Consellería do Medio Rural e do Mar.

d) As fundación que fosen adscritas á Consellería do Medio Rural, que teñen entre os seus fins actuacións de carácter ambiental ou de conservación do medio natural de Galicia, adscríbense á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ao integrarse nesta consellería a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Son as seguintes:

– Fundación Ur Biodiversidad Sostenible: Amigos de los Ancares y Doñana.

– Fundación Germán Estévez.

– Fundación Laboratorio de Anatomía Animal.

– Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia.

– Fundación Mundonatura.

– Fundación Refuxio de Animais.

– Fundación Adolfo Sobrino.

– Fundación María Antonia de Velasco González.

– Fundación Val do Navea.

– Fundación Blas do Carboeiro.

– Fundación Fragas do Mandeo.

e) As demais fundacións adscritas á Consellería do Medio Rural adscríbense á Consellería do Medio Rural e do Mar.

3. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na súa reunión do 14 de febreiro de 2012, emite informe favorable de readscrición das fundacións nos termos sinalados no punto anterior, ás consellerías competentes nas materias que constitúen o fins fundacionais, para o exercicio das funcións de protectorado.

Consideracións xurídicas.

Primeira. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segunda. Pola súa parte, o artigo 7.1 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, vincula a adscrición da tutela das fundacións ao protectorado correspondente, segundo a súa clasificación, logo de proposta vinculante da Comisión de Secretarios Xerais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Adscribir ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria todas as fundacións que figuraban adscritas á Consellería de Cultura e Turismo e á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2.

Adscribir ao protectorado da Consellería do Medio Rural e do Mar todas as fundacións que figuraban adscritas á Consellería do Mar, e todas as que figuraban adscritas á Consellería do Medio Rural, coa excepción das sinaladas na letra d) do feito segundo desta orde, que se adscriben á Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Disposición adicional.

A instrumentalización do disposto nesta orde efectuarase mediante o traslado material da documentación e datos inscritos na sección do rexistro do protectorado de orixe, e recepción polo órgano competente da consellería a que se readscribe.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza