Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2012 Páx. 6596

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Muxía (expediente IN627A 2010/10-0).

Despois de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF n.º A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 21.9.2010 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Muxía (A Coruña), acompañada do preceptivo proxecto. As características básicas das instalacións son as seguintes:

A subministración de gas natural á localidade de Muxía realizarase desde unha planta de gas natural licuado (GNL), que se situará en solo forestal no termo municipal de Muxía. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Muxía.

– E unha rede secundaria de distribución en rango de presión 0,1 < MOP ≤ 2 bar, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6, de diámetro variable de 160 a 90 mm, segundo as necesidades. A lonxitude prevista para a rede proxectada é da orde dos 6.537 m, dos cales 1.325 m corresponden á rede básica e 5.212 m á rede secundaria.

O orzamento ascende á cantidade de cincocentos sesenta e oito mil setecentos noventa euros con noventa e nove céntimos (568.790,99 €).

Segundo. O 28.9.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril. Esta resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 27.1.2011 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia e, en consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 11.7.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Muxía (A Coruña). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10.8.2011, no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 3.8.2011 e nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego do 11.8.2011, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do devandito concello entre o 4 de agosto e o 5 de setembro de 2011.

Cuarto. A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria emitiu informe favorable sobre o proxecto de referencia o 4.8.2011.

Quinto. Durante o período de información pública legalmente establecido, o Concello de Muxía presentou un escrito de alegacións, no que solicita que se rectifique e complete o proxecto de autorización administrativa, no sentido de recoller a reposición nas mesmas condicións actuais das rúas afectadas polo soterramento da canalización de gas, así como as medidas que hai que adoptar para impactos doutro tipo en materia de ambiente e infraestruturas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Cuarto. Á vista do escrito de alegacións presentado polo Concello de Muxía, do escrito de contestación de Gas Galicia SDG, S.A. a estas alegacións e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte: despois de outorgarlle a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Muxía, a dita empresa deberá presentar o preceptivo proxecto de execución (co detalle construtivo) para que sexa aprobado por esta dirección xeral; ademais, antes do comezo das obras, a dita empresa deberá obter a preceptiva licenza municipal, por tanto, a execución das obras deberá axustarse tamén aos requirimentos exixidos polo Concello de Muxía.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG SA a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Muxía (A Coruña), de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 11.375,82 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73, punto 4.º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia a aprobación do proxecto de execución, para o cal deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, prazos que poden ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os completan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade Autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta o termo municipal de Muxía, na provincia da Coruña, e contempla a gasificación deste municipio de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto, subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado n.º 1.130) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na súa delegación de Santiago de Compostela, con rexistro n.º 582/10 (data: 13.9.2010).

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34, punto 1.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas