Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2012 Páx. 6601

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Xove (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2011/4-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 15.7.2011 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Xove (Lugo), acompañada do preceptivo proxecto.

Ante esta solicitude, o 16.7.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

A dita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 19.10.2011 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Obxecto da petición: autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Xove (Lugo), de conformidade co proxecto presentado para o efecto, titulado Proxecto de autorización administrativa previa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Xove.

Descrición das instalacións:

A subministración de gas natural á localidade de Xove realizarase desde unha posición do futuro gasoduto de transporte básico mariña lucense (Ribadeo-Viveiro), que se situará ao norte do núcleo urbano de Xove. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte dunha posición do gasoduto da mariña lucense e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Xove, do polígono industrial e da urbanización Palmeiro.

– E unha rede secundaria de distribución, no mesmo rango de presión, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6, de diámetro variable segundo necesidades (rede básica: 200 e 160 mm; rede secundaria: 110, 90 e 63 mm). A lonxitude prevista para a rede proxectada é da orde dos 11.398 m, dos cales 5.753 m corresponden á rede básica e 5.645 m á rede secundaria.

Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal de Xove, na provincia de Lugo.

Orzamento: seiscentos vinte e seis mil cento trinta e nove euros con noventa e oito céntimos (626.139,98 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, rolda da Muralla, 70.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas