Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2012 Páx. 5942

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 73/2012, do 2 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de ampliación de terreos do colexio Infante Felipe de Salvaterra de Miño-proxecto de expropiación na rúa da Escola e proxecto básico de execución de peche de parcela do concello de Salvaterra de Miño.

O Concello de Salvaterra de Miño, en sesión que tivo lugar o día vinte e oito de abril de dous mil nove, aprobou o proxecto de obras de ampliación de terreos do colexio Infante Felipe de Salvaterra de Miño-proxecto de expropiación na rúa da Escola e proxecto básico de execución de peche de parcela e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o concello e o informe do técnico, o Colexio de Educación Infantil e Primaria Infante Felipe, situado no barrio da Lagoa, carece na actualidade de espazo libre en condicións que permitan, dado o elevado número de alumnos matriculados no centro, o normal desenvolvemento das actividades deportivas ao aire libre.

Con esta actuación preténdese a ampliación e o peche do actual recinto escolar, permitindo deste xeito dotar o colexio dunha superficie apropiada para as actividades deportivas e de recreo dos alumnos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2.º e 28.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de ampliación de terreos do colexio Infante Felipe de Salvaterra de Miño-proxecto de expropiación na rúa da Escola e proxecto básico de execución de peche de parcela do concello de Salvaterra de Miño. Unha vez ocupados os terreos necesarios deberán obter, de ser o caso, as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dous de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza